Nosos devanceiros, os celtas...
Na procura de devanceiros téñense cometido auténticos excesos. Xustifícanse cando se deben á incerteza dos nosos coñecementos e se someten á crítica, pero o certo é que os máis grandilocuentes enunciados convertéronse en tópicos historicistas destinados a lexitimar o poder vixente.
É famoso o apotegma francés de «nosos devanceiros, os galos», de obrigada repetición no uniformado ensino de toda Francia, non só na Galia, senón mesmo na Martinica, Guadalupe, e Nova Caledonia, e no seu día en Arxelia ou Senegal. Todos os "enfants de la Patrie" descenden dos galos.
En España ese papel unificador fundacional encargóuselle aos celtíberos, precoz maridaxe colectivo de pobos, base e sustento dunha nación predestinada a reencontrarse moito tempo despois, precisamente grazas a outro matrimonio (esta vez individual), o de Isabel con Fernando ou viceversa.
Á marxe dos dislates, a pregunta acerca dos predecesores é perfectamente lexítima; máis aínda: o obxecto da Historia é precisamente ese. A Galicia actual é produto de sucesivos momentos históricos, unha corrente continua na que para entendernos acoutamos fases. Dentro dese fluxo imos balizando períodos mediante nomes como "nacionalismo", "Antigo Réxime", "irmandiños", "suevos" ou "romanos". Con cada un deles identificamos tipoloxías históricas, caracterizadas polos rasgos que comparten entre si e as individualizan dos demais.
Son aínda moitos os que compartiron tempo e loita con Otero Pedrayo, Risco e Castelao. Sabemos que a súa Historia é tamén a nosa. Tendemos a ver (erroneamente) nos irmandiños aos labregos de sempre, resistindo a inxustiza dos impostos. Descubrímonos a nós mesmos no século XII, cando Aimeric Picaud nos describe no Códice Calixtino, asegurando que aquelas xentes de Galicia, ademais de dispoñeren de bo peixe e boa carne, eran entre eles veciños litigantes. Ou nos galegos do século X, porque pronunciaban as mesmas palabras que nós. Podemos incluso recoñecernos no rastro deixado por Martiño de Dumio no séc. VI ou pola galaico-romana Calpurnia Abana. Dispoñemos dos nomes precisos para clasificar comprensiblemente aos que nos precederon na ocupación do territorio e contribuíron á construción do noso espazo, da nación.
Ata aí a Historia deu cumprido con éxito a súa misión de rastrexar a nosas raiceiras colectivas. Mais é un problema que máis para atrás non sexa quen de darnos un nome de consenso.
No século XIX entendeuse que os antigos devanceiros eran os celtas. Murguía atribuíalles non só os castros, senón tamén os monumentos megalíticos da Idade do Bronce, pero o celtismo prerromano de Galicia foi reforzado e matizado a mediados do séc. XX por Cuevillas, quen o fixou concretamente na Idade do Ferro (aproximadamente desde mediados do primeiro milenio a.C.), é dicir, en coincidencia coa cultura dos castros, de maneira que o castrexo viría a ser a peculiar forma de habitación dos celtas de Galicia. Foi unha das propostas históricas de maior éxito popular.
Sen embargo, durante os anos 60 do séc. XX comezouse a poñer en dúbida o celtismo de Galicia, sobre todo desde instancias académicas que certamente adoecían de certos rasgos (tradicional desconexión co país e militante conexión fascista) non exentos de relevancia epistemolóxica, mais que debemos matizar coa xusta observación de que no bando contrario hai tamén de todo. Baseándose en datos arqueolóxicos, concluíase que a cultura castrexa constituía un universo cultural en si mesmo, con predominio de elementos materiais de procedencia mediterránea.
Hoxe en día o principal defensor da especificidade castrexa é Francisco Calo Lourido. Ata a publicación do seu máis recente libro (Os celtas. Unha (re)visión crítica desde Galicia, 2010), aínda comprobando que os materiais e a estética castrexos ostentaban unha clara filiación meditarránea e romana, parecía deixar unha porta aberta ao celtismo, sempre que este concepto se limitase estritamente ao dominio filolóxico: chamaríamos celtas aos falantes dunha lingua desa filiación. Sen embargo, agora desbota incluso ese suposto, ao negar calquera evidencia de que os galaicos falasen unha lingua céltica.
Eu non ouso discutirllo, e non porque sexa amigo meu, colega e compañeiro, senón porque Calo Lourido presenta un solidísimo currículo investigador (e unhas coordenadas epistemolóxicas ben calibradas). Ademais, como é natural, non estou en condicións de cuestionar as súas análises dos materiais arqueolóxicos. Pero é razoable a dúbida acerca da validez de extraer conclusións tan xerais como a determinación etno-cultural dun pobo a partir da tipoloxía dos obxectos de que se vale ¿Convertiremonos acaso en americanos por usar botellas de Coca-Cola? Incluso o argumento filolóxico carece de forza decisiva: ¿deixaron de ser galaicos cando se puxeron a falar latín? ¿son anglo-saxóns os irlandeses ou os sudafricanos? Parece claro que a filiación étnica se mostra resistente ás conxunturas e depende dun cúmulo de elementos variados.
Non é que a priori me seduza a idea de seren celtas os nosos devanceiros; tanto me tería que fosen ligures, vascos ou camitas. Mais coido lícito e incluso obrigado que a historia determine a filiación dos galaicos con respecto ás grandes familias etno-culturais que poboaban a Europa pre-romana. E a verdade é que por estas paraxes occidentais só parecen asomar celtas, aínda que se tratase de subgrupos lingüísticos diferentes, vivisen de maneiras variopintas e utilizasen obxectos de distintas procedencias. Os que os contemplaban desde fóra (gregos e romanos) tamén os incluían nese gran universo céltico.
Desde logo algo tiñan que ser, e non podemos contentarnos con recoñecermos que vivían en castros.