Non necesitamos outro heroe
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/19/20220719064359048482.jpg)
A min, nado na beira do mar, contábanme historias de heroes, de mariñeiros que se tiraban a un mar embravecido para salvar a compañeiros ou de patróns afundíndose co barco nun intento vano de salva-la tripulación. Se te crías con estas historias os teus heroes son homes e mulleres que loitan en contra do destino e que aceptaban as consecuencias dos seus actos ata as súas derradeiras consecuencias.
Cando vexo a estatua dun heroe clásico vénseme á mente a seguinte pregunta: qué se agocha debaixo do teu pedestal? Antonio Gala nunha novela publicada no ano 2007 falaba de varios personaxes históricos dende dúas perspectivas moi distintas; a visión oficial, que sería a estatua, unha visión idealizada e a visión real, que sería o pedestal, ese lugar onde se agocha todo aquilo que non debe saír a luz.
Co personaxe do que imos a falar tamén acontece algo parecido. Melchor Díaz de la Rocha é protagonista, xunto con moita máis xente, dun acto salientable na guerra que Galiza mantiña co francés no ano 1809. A partir de aí a maquinaria propagandística galega acaba convertendo a este personaxe nun heroe, no heroe mariñán, que coma un novo don Paio en Covadonga, se convertería no exemplo a imitar pola poboación desta Mariña de Lugo.
Non pensamos criticar que na primeira metade do XIX se creasen heroes, porque facían falla, tampouco nos imos meter co que fixo con eles o réxime franquista, dotándoos dun marcado sentimento español do que, en moitos casos, carecían. Imos contestar a todas esas mentiras que aínda hoxe se propagan sobre este home. Mentiras que naceron no XIX e que no XXI algúns historiadores seguen a repetir sen preguntarse nunca se foron ou non certas.
Quen foi Melchor Díaz de la Rocha? Era este home un fidalgo da antiga xurisdición de Sante (hoxe parroquia do concello de Trabada), na que chegou a ocupa-lo cargo de alcalde maior da citada xurisdición. Vinculados á súa familia, que vivía das rendas, aparecen moitos escribáns, militares, sacerdotes e xuíces, co que podemos entender que as ideas deste personaxe íanse aproximar máis á ideoloxía conservadora que á liberal.
O día 24 de xaneiro de 1809 cae Mondoñedo, antiga capitalidade provincial, ao día seguinte será Ribadeo, ambas sen que se disparase un só tiro. Cando as tropas francesas retornaban cara a cidade episcopal foron atacadas por un grupo de homes e mulleres das parroquias de Sante, Cedofeita, Cubelas, entre outras, encabezados polo citado Melchor. As tropas de cabalería gala tiveron que recuar tódalas veces que intentaron pasar pola ponte que defendían estes mariñáns. Non foi ata o día 5 de febreiro, cando os invasores, esta vez en maior número, conseguiron entrar na zona que defenderan os galegos e que agora se atopaba totalmente desprotexida. Os franceses fixeron o que sempre fai un exército que se sente invencible cando os derrota un puñado de chusma, matar civís desarmados, violar, queimar e desfacer todo o que se lles entoxase.
Sobre este feito histórico, que ten o seu valor por se-lo primeiro dos moitos enfrontamentos cos franceses que teñen lugar na Mariña Lucense, teceuse a lenda de don Melchor Díaz de la Rocha.
Tal vez o primeiro en dotar a este personaxe de elementos heroicos foi Manuel Pardo de Andrade, de igual maneira que fixo con outros moitos guerrilleiros. Resulta curioso que sexan estes guerrilleiros os mesmos que obriguen a exiliarse a Manuel Pardo de Andrade, que foi perseguido polas súas ideas liberais.
Desta fonte documental, xa de por si bastante alterada, beberon historiadores de principios do século XX e continúan a beber algúns do século XXI.
,Francisco Lanza, historiador ribadense, cando fala deste enfrontamento deixase levar demasiado polo amor ao seu pobo, o que lle fai afirmar que cando os franceses entran en Ribadeo se dedican a matar "a los inermes". Non debe desbocársenos a imaxinación pois, despois dunha consulta dos libros de defunción de Ribadeo, atopamos que entre o 7 de febreiro e o 25 de marzo, hai tres persoas defuntas, das que dous son soldados franceses.
Hoxe se consultamos a páxina web do concello de Trabada (www.trabada.es/content/view/19/46/1/1/lang,es_ES/) podemos ver como se nos relatan os sucesos da ponte de Arante e como di que ante a pouca operatividade das xuntas locais de Ribadeo e Mondoñedo: "el alcalde de Sante abandonó la lucha, refugiándose durante varios años en A Coruña". Esta marcha cara Coruña é interpretada aquí como un acto de valor e de sentimento patrio, ten que marchar porque os gobernos municipais non teñen tanto valor coma el, porque os municipios nomeados eran incapaces de continua-la loita que el empezara. Pero realmente el marcha para poñerse a salvo, para evitar que os franceses o collan e o maten, nada ten que ver coa actitude de Mondoñedo ou de Ribadeo. Fuxe deixando abandonadas ás persoas que o acompañaron na batalla, as mesmas que sufrirán a represión francesa, porque eles non fuxiron.
Sobre a estancia de don Melchor na Coruña sempre se nos dixo que foi de varios anos, outras fontes, bastante máis esaxeradas, apuntan que ata a volta de Fernando VII non regresa á súa casa. Nada disto é certo. Nun protocolo notarial datado o 10 de xullo de 1809 un primo de don Melchor, capelán no Ferrol, encárgalle ao noso protagonista que se ocupe de xestiona-las rendas da capela de San Roque en Sante, lugar no que nese momento residía. Outro dato que certifica que estaba en Sante dende o 1809 é que foi unha das persoas que o 22 de xullo de 1810 se reuniron en Mondoñedo para elixir deputados ás Cortes de Cádiz. Don Melchor foi como representante do partido de Ribadeo, tal e como se pode ler nas actas municipais mindonienses. Despois de asistir a unha misa e cantar un Te Deum os mencionados representantes da Mariña elixiron aos deputados pola provincia de Mondoñedo, non nos pode estrañar que os tres elixidos fosen conservadores.
O protagonista deste artigo encabezou a un grupo de mariñáns que foron capaces de conter ao mellor exército do mundo nese momento,iso é certo como tamén o é que cando as cousas se torceron marchou cara Coruña a esconderse, deixando ao seu pobo, ao mesmo pobo que o seguiu, solo ante a barbarie francesa. O único heroe foi o pobo, homes e mulleres que armados cas fouces, cos podóns ou cos forcados aguantaron as acometidas da cabalería francesa e soportaron nas súas carnes a posterior represión.
Cando formas parte dun pobo coma o noso non se precisan de heroes.
Agora é o momento en que debemos de abandonar esa teima do XIX de procurar heroes porque o verdadeiro heroe da guerra contra o francés de 1809 foi o pobo galego.