No 50 aniversario da morte do escultor Francisco Asorey

O 2 de xullo fanse 50 anos do pasamento do escultor cambadés Francisco Asorey, quen está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres. Entendemos este aniversario como unha oportunidade para achegarnos á obra deste gran artista e renovador da escultura galega, pero de momento o silencio cobre os posibles preparativos deste acontecemento ou só escoitamos rumores de que sería mellor celebrar o seu nacemento o 2 de marzo, claro é unha data máis electoral.
Sen dúbida podemos dicir que Francisco Asorey é o gran renovador da escultura galega, renovación que lle deu a este xénero artístico unha gran vitalidade no noso país, vitalidade que conduce ao dinamismo que colleu nas últimas décadas do século pasado. Porque a escultura precisa, quizais máis que outros xéneros artísticos, dunha tradición establecida desde a artesanía ao patrocinio para ter vitalidade e presenza. Asorey estudou en Cataluña, onde había unha forte tradición desde moito antes do modernismo. Así en Irlanda, onde non hai esa tradición artesanal nin artística, pola desestruturación do país grazas a estar na primeira liña da colonización inglesa, a escultura non ten esa presenza visual que ten noutros lados e os poucos escultores que empezaron a destacar pronto marchaban a Londres para facer carreira e monumentos aos que asinaban leis contra o seu país (John Henry Foley por exemplo traballa no gran monumento ao príncipe Albert, o marido da raíña Victoria).
O camiño do futuro tamén se fai mirando cara ao pasado e hoxe os novos, queiran ou non, beben desa tradición, como Asorey bebeu do Pórtico da Gloria ou da dos imaxineiros –tíñamos pouca tradición de estatuaria civil- que encheron de imaxes relixiosas as igrexas espalladas polo noso país, e esa tradición de pintar as imaxes de madeira influenciou decididamente no escultor cambadés en determinados momentos e que coincide co intento de reflectir na súa obra uns valores que se consideraban propios dunha realidade galega. Hoxe vemos como algo anovador as pezas de poliespan que Paco Leiro introduciu nalgunhas das súas obras, pero Asorey xa poñía material prefabricado nas súas esculturas, como as pezas de lata dos zocos dalgunhas das súas representacións de labregos.
O artista é froito dun tempo e dunha realidade social e o seu ollo aprende da luz, das formas e da realidade paisaxística na que se asenta. Asorey vai ter un longo percorrido e mirará cara outras tendencias, así en Cabaleiros Negros (1915) vese a influencia dos Burgueses de Calais de Rodin, pero desde que se instala en Compostela en 1918, ao pé de Bonaval, na Caramoniña, a súa mirada vaise centrar na realidade circundante e a súa obra vai ser un referente claro dun novo ideal, dunha nova mirada sobre Galiza. Así cando en 1922 non recibe unha medalla na “Exposición Nacional” a plana maior da intelectualidade comprometida con este país dálle un multitudinario homenaxe, porque entendeu ese feito como un desprezo ao noso país.
Instalado en Compostela esculpe labregos e xente do pobo vestido para ir á feira ou á festa, enxalzándoos, deténdose no detalle para realzar o diferencialismo ou usando materiais propios fronte ao bronce ou mármore mais propios do academicismo. Asorey labra cos seus ciceis obras que mostran a diversidade fronte ao uniformismo, como unha mostra de que a cultura non é algo para consumir facilmente. Pero isto non quer dicir que unha cultura determinada non se alimente dos intercambios, pero tamén da resistencia ás imposicións e que lle permiten ter algo que intercambiar e existir.
E esa mirada cara o propio vai ser a que cre unha nova escultura, a que lle dá novos aires a un xénero artístico até entón non valorado en condicións de igualdade con outros xéneros. E polo que o consideramos un artista moderno, porque moderno é aquel que é capaz de atopar a medida xusta entre o pasado e o tempo que vai vir.
Neste aniversario algúns poden pretender unha mistificación deste autor e así ter unha escusa fácil para non estudar e entender a súa obra; algo que permitirá que a sociedade non se achegue á mesma e impedir así a súa comprensión. A obra de Asorey axudou a definir visualmente unha imaxe de nós. As súas pezas atopámolas nos espazos nos que nos movemos, está nas prazas das nosas cidades e vilas, pero tamén nos cemiterios urbanos e rurais (Moraime), parques, rúas, universidade ou mesmo en espazos como o propio promontorio fisterrán, onde hai unha placa en homenaxe a Saralegui o promotor dos pósitos de mariñeiros. Mais sen dúbida unha das obras máis significativas do escultor cambadés sexa o monumento civil máis importante realizado no noso país: o monumento a Curros Enríquez na Coruña e que alguén denominou un pórtico laico, unha obra que responde aos anceios dun ideario galeguista que loitaba polo futuro digno do noso país.