No 25 cabodano de Xaquín Lorenzo

No 25 cabodano de Xaquín Lorenzo

O 19 de xullo cumpríronse 25 anos da morte de Xaquín Lorenzo “Xocas”. Cando pensei facer a miña colaboración bimensual para o Terraetempo sobre Xocas, veume a mente algo que lera fai anos sobre o conflito de Irlanda do Norte: os nacionalistas conmemoramos mortes e derrotas, os lealistas batallas gañadas. Aí están aínda as marchas que, a comezos do mes de xullo, cruzan os barrios católicos para mostrar con fachenda uns privilexios gañados nunha guerra de fai catrocentos anos.

Poden que nos chamen fúnebres, pero a nosa identidade érguese tamén sobre o traballo dos devanceiros e a memoria deles. Lembralos é mirar cara ao futuro coa forza do seu exemplo, xa que tiñan unha idea clara de país e traballaron por ela, por unha imaxe de país e pola continuidade cultural e histórica do mesmo. A etnografía era unha ferramenta útil neste sentido, como tamén era a arqueoloxía e outras ramas dos saberes sociais.

Xaquín Lorenzo foi un deses que facían as cousas por amor á Terra e porque alguén tiña que facelas, e se non as facían quedaban sen facer. Pode que o seu traballo, especialmente o etnográfico, –lembrar que a xente de Nós como estaba todo por facer dedicáronse a todo pola urxencia- non sexa hoxe un referente de primeira liña, especialmente non sexa coñecido polas novas xeracións que o ven a realidade que describiu como arqueolóxica e lonxe da actual. Os cambios son agora moi rápidos. Pero iso non é culpa da calidade ou importancia do traballo de Xocas, senón máis ben do sistema educativo e cultural que padecemos e que se basea na aniquilación do “outro”, neste caso de “nós” por asimilación e desprezo do propio.

Xaquín Lorenzo, como moitos dos seus compañeiros de angueira, traballou en varios campos, como o da arqueoloxía e historia da arte, pero especialmente destacou polo seu traballo no eido etnográfico. Ao xeito da antropoloxía, Xocas fixo traballo de campo percorrendo o país cun caderno no peto, observando e tomando notas, especialmente sobre a denominada cultura material, e alí onde non chegaba mandaba unha enquisa á xente que lle podía axudar e proporcionar información. Polo tanto, temos que dicir que o seu traballo é equiparable ao traballo de campo dos antropólogos culturais ou sociais, só que el fíxoo “na casa”, mentres que o tradicional na antropoloxía social e cultural era “ir fóra” para non ter afinidades cos “nativos”, o que pode implicar cando menos unha mirada desde certa distancia ou unha interpretación desde unha postura de superioridade. A mirada nunca é inocente. Xocas non tiña esta “distancia”, polo tanto a súa mirada estaba a un nivel de reciprocidade e igualdade. Tampouco tivo axuda de ningunha institución, estaba forzosamente á marxe do mundo académico e non tiña unha dedicación profesional plena, non a podía ter.

Xocas fixo un traballo de recollida de información como paso previo a unha interpretación. Díxose que o seu, como o labor doutros etnógrafos e folcloristas, foi un simple traballo de recollida, de rescate antes dunha perda inevitable. Pero todo traballo de recollida ten detrás un discurso, implica un postulado teórico e unha certa reflexión conceptual. Ese traballo fíxose para mellor comprender a realidade social, neste caso a realidade social na que vivía o autor e que quería que fose mellor, porque todos queremos vivir nun país mellor. Pero tamén había un compromiso cun modelo político e cun discurso sobre a identidade de país, compromiso que o levou a ser expulsado da Universidade.

Os manuais de historia da antropoloxía falan de que esta é filla do colonialismo. George Stocking fala xa de dúas tradicións: a tradición imperialista e a tradición da construción da nación. Nós estaríamos nesta última, aínda que hoxe haxa antropólogos galegos traballando en Timor, Panamá ou Ecuador, entre outros lugares. E o traballo etnográfico de Xocas tamén pode ser englobado dentro das inquedanzas intelectuais que pretendían atopar explicacións universais ás similitudes e diferenzas culturais, como quería achegar materiais para unha mellor comprensión da nosa sociedade. E faino traendo a un primeiro plano o que até entón tan só eran obxectos da vida cotiá, obxectos do traballo que, agora, son testemuños de actividade e de relacións entre as persoas. E estes simples cacharros pasaron a ser fontes de información para escribir a historia de nós, especialmente a historia dos que aínda ninguén lla escribira pese a seren os protagonistas da mesma, especialmente os labregos e mariñeiros; obxectos que deixaron de ser útiles de traballo para seren marcadores diferenciais de nós, como a lingua ou o territorio. Eses obxectos servíronlle para facer un discurso sobre as persoas que os utilizaban, polo tanto da sociedade que os creara e usaba, porque non só eran cousas imprescindibles para o desenvolvemento da vida individual e colectiva, senón portadores de memoria e cun significado colectivo.

Debémoslle especialmente a Xaquín Lorenzo a sistematización do ciclo produtivo agrario e dos oficios que o acompañaban. Fixo un esforzo de síntese, de descrición dos útiles de traballo en relación ao ciclo produtivo. O seu foi un exhaustivo proxecto de cartografar os obxectos de traballo, algo que tamén se fixo noutros lados, como en Portugal, cos traballos de Jorge Dias ou Veiga de Oliveira. Estes autores son hoxe referentes clásicos no mundo da antropoloxía portuguesa; Xocas mirámolo como se fixera un traballo menor, de afeccionado.

Cando Xocas fixo o seu traballo de campo estaba recollendo información, documentándose sobre a sociedade do seu tempo, ao igual que o fan os antropólogos. Pero isto foi na década de 1950 e en sesenta anos Galiza cambiou moito, tanto que xa case podemos dicir que non somos un país de labregos, nin de mariñeiros. O erro está en quen segue repetindo o seu esquema sen ter en conta os cambios producidos nesta paisaxe histórica e que levaron case á total aniquilación do noso sistema produtivo; o erro está en mostrar este traballo como algo illado e non como un estudo sobre a nosa cultura, un estudo cuxo sentido non era outro que a comprensión do mundo no que o autor vivía; o erro está en pensar que a etnografía é só recoller cousas que xa non teñen uso e non un saber que sirve para a análise e comprensión da sociedade.

Outro campo no que Xaquín Lorenzo traballou abrindo os primeiros regos foi o da museoloxía antropolóxica. A xente do vello Seminario de Estudos Galegos sabía da importancia de ter un museo, non só para dar unha imaxe de nós, senón como espazo para a memoria, para aumentar a autoestima e o sentido de permanencia histórica. Xaquín Lorenzo traballou nese primeiro intento até que a barbarie fascista arrasou literalmente ese proxecto; despois viría con ilusión o nacemento do Museo do Pobo Galego e os seus doce primeiros anos de vida, museo que recolle en parte as súas inquedanzas e ideario.

O museo, como institución, ten vida se detrás hai unha sociedade que participa dos seus significados e se identifica co patrimonio que alí se mostra. Para iso vale a etnografía e o traballo de xentes como Xocas.