Nin Marx nin Castelao eran dogmáticos
Unha das razóns, entre moitas outras, polas que non son participante, nin tan sequera seguidor de foros on line é por considerar unha perda de tempo andar a ler simplezas e ata insultos que nunca serían editados de non ser pola facilidade de entrar e o anonimato do pseudónimo, recurso as máis das veces superfluo, xa que nome e apelidos reais causarían un efecto similar. Chega con ler moitos dos comentarios que suscitan os artigos publicados en "Terra e Tempo" para constatar o que veño de dicir. Hai temas, os máis, nos que entran -se se len ou non, non se sabe- un certo número de persoas e que non suscitan comentarios, mentres que outros, os menos, por ousar tocar certas verdades asumidas como dogma, producen unha incontinencia diarreica de opinións, sobre todo en contra, que ocasiona desacougo. Case sempre, no medio da fraga de descualificacións, se cola algunha lúcida e serena participación con efecto balsámico para o espírito; pero non compensa o traballo de apartar o entullo para chegar a ela.
As voces desaforadas que se levantan contra quen teña a valentía de expor pensamentos, reflexións ou mesmo traballadas teorías que non sigan cegamente os vieiros sinalados polo padroeiro da freguesía lembran o que Marañón definiu como "la zafia acometida de esos canes callejeros que viven de romper a mordiscos los pantalones de los que no son sans culotte". O motivo deste introito non son tanto as trabadelas que me teñen esfiañado os baixos das calzas, senón as dirixidas a quen tivo a fortaleza de ánimo de suxerir posibles axustes nas prácticas que "os de sempre" (eu mesmo lin, o día 17, na Ferrería de Pontevedra, un texto clásico de Castelao) aplicamos na nosa loita a prol da única lingua de Galicia. Anda a soportar o autor incomprensións e ataques sen xeito procedentes de dogmáticos ou dogmatizados, de persoas de pensamento único ou, o que é o mesmo, de persoas que non pensan.
O lema preferido de don Carlos Marx era "De omnibus dubitandum" ("Hai que dubidar de todo"); pero tanto seguidores como, sobre todo, detractores fosilizaron as ideas do autor de Trier, rematando por transformar en dogma o que sempre quixo ser un proceso aberto, unha permanente dúbida cartesiana. Chega cunha lectura rápida aos seus escritos de diferentes etapas cronolóxicas para verificar que Marx e dogma son antitéticos, algo sobre o que o Unamuno socialista insistiu: "Porque isto hai que o repetir continuamente: o Socialismo non pode ser un dogma. O proceso dogmático de toda doutrina é unha dexeneración.
Unha doutrina, mentres non chega a dogma, mentres está nun período de desenvolvemento, nun período de formación, de crítica, admite interpretacións, é un método. Polo dogma morren case tódolos sentimentos. En canto callou nun credo, no símbolo de Nicea, todo o sentimento cristián primitivo, principiou a dexeneración do cristianismo".
Por moi pouco que un saiba sobre marxismo, o primeiro que lle vén á cabeza ao escoitar esa verba é o concepto de clase. Pois ben, Eugenio del Río, en "La clase obrera en Marx", escribiu: "Resulta chocante a seguridade coa que certas correntes defenderon a idea dunha delimitación rigorosa e perfectamente clara do proletariado no marxismo.
As clases, en Marx, teñen uns contornos pouco precisos. Trátase de realidades sociais que non se poden deslindar estritamente por marcos xurídicos". Nin sequera quixo Marx marcar ben as estremas deste concepto básico na súa doutrina e os seus detractores acúsano de elaborar un sistema hermético e dogmático.
Os nacionalistas galegos dispomos dunha grande obra da que todos tiramos textos e citas e á que algúns queren converter nunha verdadeira biblia, queren facela texto canónico de verdades inmutables. Agardo que tal cousa endexamais aconteza ao "Sempre en Galiza", pois Castelao nin o merece nin o quixo. Chega con ler o derradeiro parágrafo do primeiro apartado da segunda parte, onde Castelao, xa en Nova York, di: "Esta segunda parte, que agora comezo a escribir, será unha sombra da primeira, proiectándose cara diante. Repetirei, cicáis, as mesmas ideias; pero con outra feitura e outro siñificado, e repetirei verbas e frases até convertilas en tópicos porque non estou arrepentido do que dixen -por algo volvo a decilo- senón que agora pretendo remachar i endurecer algunhas afirmacións, e quero formular outras máis novas".
Non dubidamos os nacionalistas de que Castelao, hoxe, estaría loitando nas nosas filas a prol de Galicia e non nas dos partidos que usan da Nosa Terra, mais que teñen os ollos e o corazón posto en España. Como o meu é a historia e non a prospectiva, ignoro canto da actual política do BNG aceptaría e canto rexeitaría Castelao, do mesmo xeito que son incapaz de ver hoxe a don Carlos Marx aceptando, globalmente, as teses de ningún partido, e podo pensar que Cristo non entraría no budismo, pero andaría totalmente desacougado no cristianismo e moi posiblemente non apoiaría á facción vaticana. O viño novo pode facer estalar as vellas botellas.
Castelao, home culto e pensador profundo non merece que fosilicen o seu pensamento. "Sempre en Galiza" non é unha biblia, senón un método aberto, un vieiro, un facho. E os fachos, vistos desde o mar, na noite pecha, unicamente amosan o camiño e non precisamente cara a eles; hai que coñecelos ben para evitalos e marcar o rumbo axeitado en función da súa posición e da do barco. O facho segue a estar aí, mais, desde que Castelao o acendeu, o barco mudou a posición moitos graos, polo que, se rematamos contra as pedras, non podemos culpar a Castelao, senón ao patrón e á tripulación por non saber ler os sinais luminosos e tentar a manobra como autómatas, como se nos setenta e tantos anos que leva aceso o facho non tivesen mudado a declinación magnética, as correntes e as obras portuarias.
Quero pensar que Castelao, se lese o artigo que motivou este meu, non só non sería dos atacantes, senón que talvez reaccionase como naquela ocasión, nun mitin na Quintana, cando un mociño berrou: "Prego a verba". O ilustre galego sorriu, concedeulla e exclamou: "Que ben fala ese rapaz!".