Nin hai españois antes do s. XII, nin nación antes do XIX
No ano 218 a. C. os romanos, en plena fase de imperialismo expansionista, entran na Península pola vella colonia grega de Ampurias. Estaban en guerra contra os cartaxineses e aproveitaron para principiar a conquista deste territorio ao que chamaron Hispania. Tiveron que transcorrer 200 anos ata daren por oficialmente finalizada a ocupación. Os estados fortemente militarizados prefiren para as súas aventuras bélicas países centralizados, cun exército e un mando rixidamente xerarquizado, para que nun ou nuns poucos combates se decida o resultado. Inmenso e poderoso era o imperio persa e en escasas accións caeu en mans de Alexandro de Macedonia, o mesmo que sucedeu coa devandita Cartago fronte a Roma ou con Francia fronte á Wehrmacht de Hitler. Pola contra, cando un grande exército entra nun territorio dividido en pobos diferentes, etnias distintas, linguas variadas e inexistencia dun poder político común e dun mando militar unificado, o resultado adoita ser desastroso para o invasor: véxase URSS. ou EE.UU no Oriente Próximo (chamarlle Oriente Medio é concordar cos norteamericanos en que nós somos o seu Oriente Próximo, e a nación galega nin é noroeste nin oriente de ninguén).
O que lles aconteceu aos romanos na Península Ibérica foi que, mentres loitaban contra un pobo, os veciños celebrábano (pois con eles non ía; de momento) ou colaboraban cun bando ou co outro. E a continuación había que loitar contra os seguintes e logo detíñanse as accións por problemas internos e, ás veces, tropezaban cun inimigo bastante incómodo, e, pasando os lustros, chegamos a un heroe e a unha cidade que, case 2 200 anos despois, aínda algúns presentan como exemplos virtuosos da esencia do ser español. Nunca entendín por que, dicíndome que eu era español, me fixeron aprender as fazañas dun pastor lusitano que, curiosamente, era prototipo non do portugués, senón do español. Tampouco o entenderon os colegas portugueses, cando llelo contei, hai agora case corenta anos, nalgunha daquelas primeiras estadías arqueolóxicas en xacementos de Entre-Douro-e-Minho. E, sabendo o lonxe que quedaba Zamora da Serra da Estrela, patria de Viriato, preguntábanme se os españois non tiñan heroes propios para lles ergueren estatuas como a daquela cidade leonesa.
Non podo negar que os numantinos loitaron desesperadamente, cando Escipión decidiu acabar con eles; pero antes da súa chegada gozaron dunha magnífica confraternidade coas relaxadas tropas romanas. Que non se suicidaron todos, como se nos dicía, son boa proba os prisioneiros que o xeneral exhibiu amarrados ao seu carro no triunfo que lle fixeron en Roma. Pero aí quedou Numancia e o orgullo patrio como paradigma educativo para as xuventudes da eterna e sempre heroica nación española. Os exemplos que se puidesen tomar de Castela preferíanse aos procedentes da periferia. Cando Decimus Iunius Brutus subía coas súas lexións por territorio da hoxe chamada Cultura Castrexa, en chegando ao pé dun castro, mandou alá unha embaixada coa promesa de que, se lle entregaban as súas riquezas, seguiría o seu vieiro sen lles facer mal. A resposta que recibiu foi: “Os nosos pais non nos deixaron ouro para mercar a liberdade, senón ferro para defendela”. Arrasou o lugar, pero os que fixeron as historias de España non consideraron que este feito fose digno de lembranza. Outro tanto poderiamos dicir da ignorada María Pita fronte á exaltación de Agustina de Aragón e, se esta se opuxo aos franceses, a coruñesa, tempos antes, fixo o mesmo cos ingleses; pero era periférica e a Historia de España con maiúscula tiña que ser obra dos casteláns ou, coma moito, tamén dos aragoneses. A fin de contas, Isabel e Fernando seguen a estar presentes.
Temos xa unha Hispania -verba latina que posiblemente proceda do púnico, co significado de “illa ou costa de coellos”- que vai vivir varios séculos dentro da órbita de Roma. Temos, xa que logo, unha España na que moran indíxenas en proceso de romanización e romanos en senso amplo, pero non españois. A verba español, xentilicio dos habitantes de España e Portugal, é unha verba que, como España, naceu fóra da Península, concretamente na Provenza, introducíndose ao longo do Camiño de Santiago para designar aos xenericamente crismados como cristiáns en oposición aos musulmáns. Os musulmáns denominaban a súa terra Al-Ándalus e Spania, mentres que o norte era para eles Galicia (Yalliqiya/Gallikkia), chegando a nomear galego a Paio, o don Pelayo, indebidamente considerado rei, das historias de España, e mesmo a chamar “perro gallego” ao Cid Campeador. Para eles, os peninsulares que non eran musulmáns eran galegos.
,Hai que agardar ao século XI para que, no Languedoc, nacese a verba español para designar aos cristiáns peninsulares, aparecendo as primeiras citas a partires do S. XII. Descuberto isto por Paul Aebischer, Américo Castro escandalizou á prensa madrileña cando, seguindo ao romanista suízo, publicou “Español”, palabra extranjera, onde escribiu parágrafos coma este: “Pongamos fin a la farsa de llamar españoles al emperador Trajano, al filósofo Séneca y a San Isidoro de Hispalis (Sevilla es arabización de Hispalis). Ninguno de los cuales es español, porque entonces no los había”; e máis adiante di que tentou “ofrecer al lector una historia de España liberada del pueril tradicionalismo de los panhispanistas retrospectivos (muchos creían que Tartesos, Viriato, Teodosio, Isidoro de Hispalis ya estaban en España, eran ya españoles)” Entre nós temos tamén moitos pangaleguistas retrospectivos que consideran galegos aos habitantes dos castros ou aos suevos; pero agora ando a escribir sobre historia de España.
Moito antes do traballo de Américo Castro, xa Ortega, na Rebelión de las masas (1930) deixou dito que, na época do Cid Campeador, se estaba principiando a fraguar o estado de Castela e León e que “esta unidad leonesacastellana era la idea nacional del tiempo, la idea politicamente eficaz. Spania, en cambio, era una idea principalmente erudita... Los “españoles” (sic, con comiñas) se habían acostumbrado a ser reunidos por Roma en una unidad administrativa, en una diócesis del Bajo Imperio. Pero esta noción geográfico-administrativa era pura recepción, ni íntima inspiración, y en modo alguno aspiración”. Dito doutro xeito, aínda na época do Cid nin eran españois nin pola cabeza lles pasaba que nun futuro se puidese chegar a unha construción política chamada España. Os historiadores, seguindo con Ortega, “Para explicarnos cómo se han formado Francia y España, suponen que Francia y España preexistían como unidades en el fondo de las almas francesas y españolas. ¡Como si existiesen franceses y españoles originariamente antes de que Francia y España existiesen! ¡Como si el francés y el español no fuesen, simplemente, cosas que hubo que forjar en dos mil años de faena!”.
Marc Ferro, codirector de Annales, despois de dicir -nun seu prólogo a unha obra de Lucien Febvre sobre a xénese de Europa- que a Europa que arranca da Idade Media é unha Europa dos estados (non esquezamos que hai nacións sen estado, estados plurinacionais e estados sen nación), engade: “Mais entón, coa revolución francesa, nace una conciencia común e, bruscamente, aparece a nación. Co seu significado actual, o termo principiou a se empregar nos ambientes populares, e logo no exército, a finais dos anos 1770. Mais a súa irrupción produciuse en 1789. Ao mesmo tempo, Europa desapareceu: para os franceses, por exemplo, Europa eran os demais, os inimigos da nación... Entón estalou a tormenta, e soprou a nación”. Outro tanto, correndo as datas aínda máis cara a nós, poderiamos dicir da irrupción da nación española, o que non quita que España siga a ser, nas historias comúns e na boca de dirixentes políticos, a nación máis antiga de Europa.
Na vindeira entrega remataremos coa Idade Media, achegándonos á tan repetida como falaz unidade da España dos Reis Católicos.