Nin Beethoven é can, nin Miguel Anxo virus informático!

Nin Beethoven é can, nin Miguel Anxo virus informático!

Os organizadores da enquisa conclúen que os resultados mostran a rapidez con que as formas de ver o mundo mudan dunha xeración para outra. Mais non transcende un mínimo de autocrítica, de lóxico e esperábel cuestionamento dun sistema educativo que parece fomentar a ignorancia máis absoluta dunha mocidade acostumada a dispor de non menos de 500 canles televisivas.

Descoñezo a utilidade que a maioría das enquisas poden posuír para o público en xeral. Acerto, porén, a intuír o interese que obviamente despertan nas empresas que as promoven. No caso que lles vou relatar, -e que, se foren internautas habituais, ha de lles resultar coñecido-, non teño a menor dúbida de que a única finalidade consiste en elaborar un titular sorprendente, en crear un «gancho» raposeiro que simplemente capte a nosa atención.

Na Universidade de Beloit (Wisconsin), desde hai doce anos é realizada unha enquisa que pretende avaliar os referentes culturais do seu novo alumnado. As «xoíñas» da potencia máis rica do planeta non atinan unha: Beethoven é un can e Miguel Anxo un virus informático, revelan os resultados máis chamativos. Endexamais o seu país fixo parte de carreira espacial ningunha e a guerra de Vietnam, -nación que só de milagre logran localizar nun mapa-, tampouco tivo lugar. «It was all Greek to me!», exclamarían as criaturas ao comprobaren os pésimos resultados do test. Tampouco descarten a autocompracencia dos protagonistas; é outra das consecuencias do culto ao dólar.

Os organizadores da enquisa conclúen que os resultados mostran a rapidez con que as formas de ver o mundo mudan dunha xeración para outra. Mais non transcende un mínimo de autocrítica, de lóxico e esperábel cuestionamento dun sistema educativo que parece fomentar a ignorancia máis absoluta dunha mocidade acostumada a dispor de non menos de 500 canles televisivas.

De se realizar un experimento semellante no noso contexto, coido que os resultados tamén constatarían unha situación preocupante. O salientábel non é o titular, mais si a análise que debemos derivar do mesmo. Se seguimos considerando a educación como un instrumento necesario e insubstituíbel na construción do noso futuro individual e colectivo, cómpre interpretarmos o caso americano como advertencia: «Cando vires as barbas do teu veciño a arder, deita as túas en remollo».