Necio, no máis puro sentido da palabra
Segundo o magnífico dicionario de Alonso Estravís, NECIO significa "inepto, incapaz, irresponsábel" ou tamén "insensato, absurdo". Para IDIOTA escollería dúas acepcións: "que ten pouca intelixencia ou xuízo" e "incapaz ou torpe en comprender calquera cousa". E tamén "groseiro, desagradábel". E xa para non cansar, gústame IMBÉCIL: "dise despectivamente da persoa de pouca intelixencia" ou "dise como insulto a unha persoa que enfada ou molesta co que fai ou di".
Aínda que eu estou enfadado e molesto e a considero persoa de pouca intelixencia, como non quero ser despectivo nin insultar a ninguén, imos desbotar imbécil. Dá certa mágoa, pois parécelle aquelado o de "imbéciles e escúros". E máis se completamos: "máis só os iñorantes / e féridos e duros / imbéciles e escúros / non nos entenden non", pois acho que estes cualificativos definen á persoa máis que insultala. E neste caso, semella como se Pondal estivera a pensar -entre outros- no "noso" infausto Conselleiro de Educación.
Entre necio e idiota xa está máis difícil. Quizais necio sexa máis acaido; recolle as cualidades coas que poderiamos ir designando a persoa que fixo accións de goberno tan desastrosas como rebaixar a categoría social da nosa lingua e promover o seu desprezo, eliminar a gratuidade dos libros de texto, reducir o profesorado das escolas de idiomas, eliminar as axudas para intercambios lingüísticos, retomar os concertos coas escolas que segregan por razón de sexo (e por outros motivos menos explícitos), reducir a formación do profesorado e os centros de formación, primar nas dotacións aos colexios privados sobre os públicos (proxecto ABALAR), e poderiamos seguir (e só nun ano!).
Poderíamos dicir que esta persoa é inepta, incapaz, irresponsábel, insensata e absurda. Todos os adxectivos sonlle acaidos. Por tanto, podemos definir a Jesús Vázquez como NECIO.
O PP elixe para os postos de cultura e educación sempre aos máis torpes, simples executores, mentes escuras, que están dispostos a sacrificar a eles e á cultura -galega- porque non lles importa o máis mínimo se conseguen algún tipo de rédito político ou económico. Son xente como Jesús Vázquez ou Roberto Varela que non saben estar na altura política do posto que lles teñen encomendado.
Independentemente das leis e normas xurídicas que amparan á cidadanía e aos menores (Constitución, Lei de protección de datos, ...) está a ética e a categoría moral, intelectual e política das persoas que se dedican a crear cartafoles de información sobre outras persoas -neste caso rivais políticos- coa intención de amedrentalos, chantaxealos. Amáis, empregando recursos públicos -alguén lle preparará os cartafoles na Consellaría- e información confidencial en poder da Administración. E xa por último, ameazando con revelar información sobre menores. Que baixeza pode haber maior?
Neste caso, o Conselleiro de Educación inda por riba só vai de farol, pois non posúe información ningunha relevante coa que amedrentar aos políticos da oposición. Con respecto á primeira ameaza en sede parlamentaria -cousa nunca vista até agora- afirmou ter listaxes de fillos de membros da opsición que ían a colexios privados. Nunca as amosou, malia as demandas do BNG. E agora -de novo desde a tribuna do Parlamento de Galiza- atrévese a falar do fillo menor de idade dunha deputada e a difundir sospeitas sobre a súa escolarización.
"Difama que algo fica", debe ser a súa máxima. Ou tal vez pode pensar que toda a sociedade -non só esa "inmensa maioría" á que sempre alude para xustificar as súas tropelías de goberno- vive unha dobre vida na que publicamente se di unha cousa e no ámbito do privado faise outra. Será que el é así?
Estará el disposto a que alguén faga públicas cousas da súa vida privada para ver se logo publicamente as defende e promove como modelo con tanto interese diante da súa "inmensa maioría dos galegos", dos "seus" votantes?
En moitos casos, os políticos conservadores xogan esa dobre moral. O xogo das apariencias, o máis clásico puritanismo. Estados Unidos é un modelo para eles: mostrar a familia feliz e unida en público. Tirar a foto. Logo o que haxa por detrás... Aí temos o caso recente de Roy Ashburn, 55 anos e pai de catro fillos, senador republicano homófobo no seu labor político, forte opositor aos dereitos dos gays e que hai dous meses se viu obrigado a recoñecer a súa homosexualidade.
Non se pretende neste artigo aldraxar. Mais as palabras empregadas como definicións no seu correcto significado son esclarecedoras e non precisan circunloquios. En todos os sitios hai que saber estar, e máis cando se ten proxección pública e se representa a un país. Se non, o mellor é non estar, e regresar ás tebras nas que posibelmente habitaba o necio conselleiro.