Naufraxio
Navegaban perto de Sálvora coa dorna chea de peixe. Era unha noite de inverno, encomezou anlevantarse unha surada tan de súpeto que non deu tempo a buscar abrigo. Aguantaban as embestidas do mar como podían, vogando cara ao vento. Era tal a escuridade que semellaba que tódalas estrelas desapareceran do ceo. Non se vían nin as mans.
Mentres o seu pai e o seu tío lle daban aos remos, el achicaba a auga, era tal que non daba abasto, aboiando o peixe e os habilitos do mar. Seguía medrando a forza do vento e empeorando o mar cunha grande treboada, os lóstregos escachaban preto deles alumeando aquel cenario de traxedia.
A dorna foise metendo de popa, correron á proa pero xa era demasiado tarde, estaba a afundirse. Un golpe de mar levantou ao seu tío coma un trapo e desapareceu no medio da inmensa escuma. O seu pai berráballe que se amarrara a unha tralla de cortiza mentres aparecía e desaparecía no medio daquelas maragadas. Xa non voltou a velos, os asubíos do vento e a escuridade foron a única compaña nunha noite longa, moi longa. Sentiu que a súa hora chegaba, o mar xogaba con el coma unha folla no medio dun vendaval, levantábano e afundíano, nunha noite que non tiña remate, pelexando co mar embravecido, non tendo tempo nin a sentir medo, dor ou frío. Coas primeiras luces do abrente veuse moi perto da Illa de Rúa.
O vento ía amainando e o mar xa non apresentaba tan mala faciana, sacou forzas de onde non as había e foise achegando a terra. Aquel treito íase alongando ata o infindo, e semellaba que non remataría nunca, as maragadas botábano á praia, e debía ter coidado non ir enriba das rochas onde o mar aínda rompía con forza. Por fin atopouse deitado na area, arrastrándose, non podía poñerse de pé, estaba sen forzas, a longa noite deixárao exhausto. Non sabía se estaba morto ou vivo, se vivía, ou se se atopaba nun grande pesadelo. Non soubo o tempo que botou alí deitado, durmiu, e foi espertado por unha bandada de gaivotas. De súpeto, foi consciente do que pasara, o naufraxio, o seu pai, o seu tío... Que sería deles? encomezou a berrar. A única resposta que escoitou foi un grande silenzo, estaba só, tiña frío, sede e fame e non sabía que facer.
Sentiu medo, non podía quitar da cabeza ao seu tío desaparecendo na nube de babuxa, non podía esquecer a faciana de terror do seu pai dicíndolle que se amarrara á tralla, máis preocupado pola sorte do fillo que pola súa. Veuse abaixo, e chorou sen ningunha caste de consolo, a sede estaba a facer mella nel.
Saíu da praia, e encarouse ao camiño da fontiña que el coñecía moi ben, xa que non era a primeira vez que atracaran en Rúa á procura de auga. Bebeu e sentiuse un pouco mellor, aínda que non podía esquecer as imaxes do naufraxio, sen saber que fora dos demais, onde se atopaban, onde estarían e qué sería deles. A molladura estábase a apoderar del, a roupa non daba secado, e sentíase mal, moi de contado morrería de frío, mellor sería irse cos seus no naufraxio, que alí só coma un can.
Namentres todos crían diante da tardanza e do mal tempo, que acontecera o peor. A medudía saíron dúas dornas a buscar algún sinal da "Virxe do Carme", mariñeiros experimentados palmearon a Ría e costa. Non atopando nada, xa encomezaba a escurecer cando viron un home no illote que lle facía sinais, tiveron sorte. ¡Deus quixera que estiveran os tres con vida! pensaban. Vararon a dorna na praia; o náufrago apertouse a eles chorando, non podía botar para fóra unha fala. O medo pasado, fundido coa tristura da desgraza, xunto coa ledicia de atoparse con xente, facíano sentir unha emoción difícil de describir neses intres. A dor pola perda embargaba todo o ambiente, facianas surcadas de enrugas infinitas por onde escorrían bágoas. Nunca se poderían acostumar á morte, sabían o que atoparían pero no fondo das súas almas querían pensar que iso non acontecería xamais.
-Quita esa molladura, toma esta chaqueta e o pantalón, eu xa me tapo coa camisa e a roupa de augas. Sentiu a quentura da vestimenta seca e atopouse mellor, contoulles o naufraxio coa fala entrecortada pola emoción. De novo na dorna non podía esquecer o acontecido, non abandonaba a esperanza de que seu pai e seu tío estiveran con vida, aínda que lle semellaba que non podería ser, xa que desapareceran engulidos polo mar. Chegando a terra viu ao lonxe no peirao a súa nai e a súa tía cheas de dor, con esa dor que todos coñecían moi ben, cando se abandonaban as esperanzas de atopar a tódolos náufragos. Os laidos das dúas mulleres abrazadas ao rapaz eran o único que rompía o silenzo no que quedara sumida a parroquia.
Ao ollar ó lonxe a illa de Sálvora as bágoas correron pola súa faciana sen control. Tiña moi presente ese naufraxio, pasaran moitos anos, pero seguía vendo ao seu tío desaparecendo no mar e ó seu pai berrándolle que se amarrara á tralla de cortiza. Así mesmo a súa nai e tía no peirao envoltas nun chal, cunha dor que abría as carnes da xente de ben. Rezou un Nosopai.