Museos de Euskadi, un espello para os galegos
Nestes últimos anos, ademais de abrirse novos museos, remodeláronse outros, entre eles algúns de Euskadi dependentes de distintas institucións, como a Deputación Foral de Álava ou o concello de San Sebastián. Un sente unha sa envexa de ver como se actualizan e adaptan os museos ás necesidades do público e como os proxectos museográficos que os desenvolven están pensados non só para a súa mellor formación e comprensión senón tamén cunha clara mensaxe, o de dar a coñecer a historia e a cultura do país. Tres bos exemplos, que deberían de visitar algúns responsables da política museística e dos museos galegos, son o de San Telmo en San Sebastián e o conxunto formado polo Museo Arqueolóxico e o de Naipes Fournier de Vitoria.
O Museo de San Telmo (STM)
É o museo municipal de San Sebastián, que desde 1932 ocupaba o convento de Santo Domingo, desamortizado e dedicado a cuartel de artillería. Ampliado polos arquitectos Nieto e Sobejano no período 2007-2010, as obras de reforma concluídas en 2011, tiveron un custo de 28,5 millóns de euros. A parte nova é unha acertada mostra de arquitectura contemporánea e un exercicio de integración da nova edificación co antigo edificio e o monte Urgull, o que se consegue cun muro metálico, de cor gris, con orificios do que sae vexetación, máis menos frondosa segundo a época do ano.
O museo reformado e ampliado inaugurouse o 28 de marzo de 2011 cun novo concepto ou un novo discurso das súas coleccións, convertido en “Museo de la Sociedad Vasca y Ciudadanía”.
O visitante é recibido nun amplo vestíbulo onde nunha pantalla estanse proxectando imaxes relacionadas cos costumes de Euskadi. Despois na igrexa do antigo convento de Santo Domingo, previo paso polo claustro, totalmente ás escuras, faise unha proxección para explicar as vicisitudes pola que pasou o edificio e a historia do museo, fundado en 1902, facendo referencia ás pinturas realizadas polo muralista catalán Josep Maria Sert. Tamén hai unha proxección moi simbólica do que é a sociedade e o pobo vasco. Pódese dicir que o museo ten dous partes. A dedicada á historia, a etnografía, a sociedade e a industria vasca, agrupados nas áreas “Vivir en sociedade”, “A tradición pervive”, “A industrialización, motor do cambio” e o que é o museo de Belas Artes, coas súas coleccións de pintura e escultura, do século XV ao XIX, con fondos que constitúen a colección histórica de arte, e o que sería o remate do discurso do museo plasmado na área “100 anos de Arte Vasca”.
A primeira está magníficamente montada, non só pola súa ambientación, iluminación, selección e presentación dos obxectos, senón polos paneis informativos e outros textos que os acompañan. Desde a caza da balea ata os ronseis funerarios e os singulares cultos aos mortos, para terminar co desenvolvemento industrial e a evolución da sociedade vasca ata os nosos días.
O Museo de Arqueoloxía de Álava
É veciño do palacio de Bendaña onde está o Museo de Naipes. O colector é un edificio do arquitecto Francisco Mangado, ao exterior minimalista, cunha orixinal fachada en láminas de bronce, bastante opaco pois quere imitar ao cofre que garda no seu interior un tesouro, coas fiestras forradas interiormente en madeira, unhas utilizadas como miradoiro e outras como vitrinas. Os muros envolventes son en realidade espazos de varias capas. A fachada que dá ao patio de acceso é un enreixado de pezas de fundición de bronce, material que con frecuencia aparece nos xacementos arqueolóxicos, e no medio, un muro de dúas capas de vidro serigrafiado que contén a escaleira principal que permite, á vez que se ascende, contemplar o patio.
Como é habitual nos museos actuais, poucas pezas, unhas 1.500, ben escolleitas e presentadas, acompañadas de información suficiente para a mellor comprensión do visitante.
O discurso expositivo desenvólvese en tres plantas desde a prehistoria de Álava ata a Idade Media. A montaxe é moi didáctica, similar ao que hai noutros museos sometidos recentemente a unha nova montaxe, como o de León ou o de Palencia.
A visita faise na penumbra, arredor duns prismas de vidro branco iluminados interiormente que serven de distribuidores para organizar o percorrido. Os efectos luminosos xogan un papel importante, en ocasións teatral, como cando se iluminan con maior intensidade unhas esculturas romanas ao achegarse o visitante. De cando en cando, pequenas pantallas de plasma e proxeccións en maior tamaño, ofrecen información.
Na primeira planta explícase primeiro en que consiste o método arqueolóxico para a continuación presentar os materiais correspondentes ao Paleolítico e á Idade do Bronce. Na segunda planta vese a evolución da Idade do Ferro, con materiais de distintos poboados, como o de La Hoya, especialmente aqueles utensilios domésticos que serven para explicar a vida cotiá. Na terceira planta preséntase o mundo romano e a Idade Media.
O Museo Fournier de Naipes
Está instalado no palacio renacentista dos Bendaña, contiguo ao Museo Arqueolóxico. No patio ou claustro faise unha historia das artes gráficas, con máquinas de impresión de diversos sistemas e épocas, desde os procesos manuais como o tórculo para a xilografía, aos mecánicos co offset, así como as matrices para a impresión das cartas en diversos soportes e técnicas, os máis antigos en madeira do século XV, pasando polo gravado en cobre, a litografía e o fotograbado.
O museo alberga barallas e xogos de todos os continentes, sendo o núcleo do discurso expositivo a historia e evolución da empresa de naipes fundada en 1868 en Vitoria por Heraclio Fournier González, que se separou da imprenta familiar fundada en 1785 en Burgos por Francisco Fournier, e continuada a partir de 1916 polo seu neto Félix Alfaro Fournier, que foi o que iniciou a colección. Os temas que abarcan son a historia, a arte, a mitoloxía, a adiviñación, a música, o erotismo e a tauromaquia.
As salas da segunda planta organízanse seguindo criterios temáticos: xogos, literatura, xeografía, música, maxia, tarot, etc. En cada unha das salas hai paneis informativos de gran tamaño, cun bo deseño, dos que se pode obter información. Decorativamente compleméntanse cunhas cortinas serigrafiadas con gravados sacados dos naipes.
Os museos de Galicia
Exceptuando os museos científicos da Coruña, a maioría das coleccións e museos de Galicia, carecen dunha montaxe acorde coas actuais técnicas museográficas, e aqueles que teñen unha boa presentación carecen de discurso ou teñen escasa información, incluso algúns seguen sendo os clásicos almacéns de antigüidades do século XIX.
Museos de titularidade estatal, provincial, municipal, diocesano, dos cabidos e un sen fin de coleccións privadas, conforma o noso universo museístico. Xa o dixemos noutras ocasións, moitos deles existen e malviven grazas á voluntariedade da persoa que os promoveu.
Moitas veces as institucións públicas propietarias, préstanlles escasa atención, cando son un produto cultural importante, tanto desde o punto de vista da conservación e divulgación do noso patrimonio, como unha oferta de lecer cultural para o turismo.
Non hai unha política de axudas para mellorar a súa montaxe e funcionamento, moitos deles están ateigados de persoal, por motivos políticos clientelares, pero desgraciadamente ese exceso de recursos humanos ten un escaso ou nulo reflexo no que realmente ve o visitante.
A estas alturas, Galicia aínda ten pendente a posta ao día dos seus museos, e non é por falta de fondos económicos, senón por falta de visión ou de vontade para facelo. Cústame crer que sexa por ignorancia ou incompetencia. Co millón e medio de euros que se van a mal gastar nunha exposición temporal para inaugurar o impropiamente chamado “Museo” do Gaiás, podíase cambiar o aspecto de moitos destes museos.