Morra Jean Paul Sartre!
O 3 de outubro de 1960 máis de dez mil manifestantes marchaban polas rúas de París ao berro de “Morra Jean Paul Sartre”. O filósofo viña de asinar o manifesto dos 121 en contra da ocupación francesa de Alxer e os chamados ex-combatentes e a dereita imperialista arremetían contra el. O ano pasado asistimos á visita de Bernard-Henri Lévy a Bengasi e falouse do seu papel determinante para influír na decisión de Nicolas Sarkozy a prol de provocar a intervención de OTAN no bombardeo de Libia. O autor da obra “O século de Sartre” era presentado como un intrépido intelectual a prol da causas nobres na estela do que outrora fóra unha tradición que arrinca de Zola e o seu celebre “J´acuse”. Mais o certo é que esta xeira de elementos que se fan pasar por “intelectuais” xa nada teñen que ver con aquel que no século XX se chamaba así e que axitaba as conciencias da sociedade.
O caso é que o “intellectuel engagé” hai tempo que se extinguiu e non imos pararnos aquí a analizar as causas da súa desaparición e tampouco valorar se botamos de menos ou non a súa ausencia, se é mellor que os haxa ou que non os haxa. Abonda o seu certificado de defunción para constatar o feito e agora o que importa é analizar o que nos deixan no sitio baixo o mesmo rótulo: Bernard-Henri Lévy, Mario Vargas Llosa, Manquiña... etc. E tamén, preguntarnos porque apesares do deceso da figura insisten en presentar con esa denominación a quen desempeña un papel de corifeo do poder, algo alleo totalmente ao que orixinariamente estaba asociado a ese tipo de escritores críticos coas inxustizas e defensores dos dereitos humanos.
Recentemente asistimos a manifestos progres en contra do dereito a decidir de Cataluña. O máis rechamante, o do xornal El País, anunciaba que “Intelectuales y profesionales salen al paso de la oleada soberanista de Mas”. Tamén o xornal El Mundo sacaría o seu, este xa non tiña pretensións de ser progre. Antes de entrar no contido xa queda en evidencia que a iniciativa responde a grupos mediáticos detrás dos cales hai intereses determinados. O momento escollido, o público ao que van dirixido, a terminoloxía, etc... faise co obxectivo de influír na opinión pública desde a perspectiva da trama empresarial e financeira que os promove.
Cada vez as eleccións parécense máis a golpes de Estado. En tempos, a intención de voto case non mudaba polas campañas, hoxe, froito da despolitización e desideoloxización, a cousa non é así. Quizais debéramos de falar mellor de “pequenos golpes”, no sentido que lles chamaba Pasolini, para non esaxerar. Mais o certo é que hai poderes económicos, xudiciais, mediáticos, etc... alén dos partidos políticos, que coas súas xogadas mestras logran mudar substancialmente os resultados dunhas eleccións. E ao final, pasou o que pasou, e ninguén se decatou do que foi. Porén, o resultado é a miúdo que o poder retado mantén a súa hexemonía. E para conseguilo moveu os fíos que precisou para que lle saíran as contas co fin de amarrar o seu dominio. E é nesa operación que pode resultarlle pertinente verse acompañado por un séquito do que chaman “intelectuais” e que aínda que non aporten moito si que conseguen desmoralizar ao contrario que vén dun acervo no que ese tipo de personaxes tiñan un grande peso.
Alguén se cre que foi Bernard-Henri Lévy o que logrou que a OTAN bombardeara Libia?. Que partiu de Mario Vargas Llosa a iniciativa para frear o proceso catalán?. Ou que foi a Manquiña a quen se lle ocorreu explotar iso da “imposición do galego”?. Estas cousas non saen deles. Aqueles Manifestos “por la lengua común” e outros semellantes están deseñados en ámbitos escuros dos que nunca teremos constancia, aínda que si podemos deducir o seu obxectivo e, xa que logo, a quen serven.
Compre lembrar que quizais o "intelectual comprometido" xa foi unha creación moi forzada. Sartre viuse recibido como un heroe da resistencia na súa viaxe a EEUU, e el, que nin sequera votaba antes da ocupación, sentiuse na obriga de estar a altura do que se agardaba del e da aureola que se creou ao seu redor e que pouco tiña que ver cunha actividade no “maquis” que lle imputaban. Certo que outros si tiveran ese activismo, o seu amigo Paul Nizan por exemplo, mais precisamente por iso perderan a vida e xa non estaban para recibir honras. El que as recibía víase na empuxado a facer algo para merecelas e, xa que logo, botouse á rúa e tratou de aproveitar o interese que había polas súas opinións para poñer voz aos excluídos, aos silenciados, aos derrotados. E sobre todo, viuse na obriga de saber de que falaba. Dicía Passolini que el por ser un intelectual tiña o deber de saber o que pasa, ir alén das aparencias, desenmascarar os intereses ocultos e denunciar as tramas dos poderosos. Algún dos “abaixo asinantes” contra o dereito a decidir de Cataluña, molestouse no máis mínimo en saber do que estaba a falar?. Si é así, entón a cousa sería máis grave. Véxase: No manifesto de El País dise: “La transición de la dictadura a la democracia se hizo de la ley a la ley pasando por la ley”. Quere isto dicir que o Franquismo era legal e que se fixeron as cousas dentro da marxe que este permitía, isto é, sen rachar coa súa orde xurídica.
Sen entrar xa na lexitimidade e no xeito en que foi instituído ese réxime, sabemos que a lexislación franquista e o franquismo no seu conxunto vulneraba todos e cada un dos dereitos humanos (expresión, asociación, participación, etc...) e que a tortura e o asasinato quedaba impune, e que a persecución da lingua e cultura de Cataluña foi un feito por moito que agora se escuden en que había cataláns facendo ese traballo e, xa que logo, non se lle podía imputar iso a España. Un intelectual -dos de antes- non pasaría por iso, porque que o que daba sentido ao seu labor era suplir as deficiencias dunha orde xurídica nacional ou internacional que non amparaba dereitos humanos básicos e non se garantía o respecto á dignidade das persoas. Un intelectual non asinaría un manifesto que avalase o réxime actual como sacro e inmodificábel polo feito de vir da legalidade do réxime totalitario anterior. En definitiva, se Jean Paul Sartre vivise non apoiaría isto. Non só polo seu posicionamento no seu momento a prol das loitas de liberación de Euscadi, Cataluña e Galiza, senón porque ao poñerse ao servizo do poder quedaría descalificado como tal intelectual comprometido. En calquera caso, se vivira tampouco podería desempeñar o papel que exerceu no seu momento porque hoxe o guión dos tempos que corren suprimiu o seu personaxe. Non habería 10.000 persoas manifestándose contra el porque simplemente non saberían quen é. Un pensador a contracorrente e crítico coma el -que seguro que os hai- non teñen hoxe ningunha posibilidade de supervivencia na ditadura mediática na que vivimos.