Monte Alegre, Monte do Gozo, Portoalegre,...

MONTE ALEGRE é unha pedregosa altura sobre a cidade de Ourense, desde onde se divisa un enorme horizonte.
O MONTE DO GOZO está clasificado como a derradeira etapa do Camiño e, en consecuencia, o seu nome explícase pola ledicia que enchía aos pelegríns ao enxergar a proximidade das torres compostelás.
PORTOALEGRE é unha fermosa cidade lusitana situada nunha íngreme e alta paraxe da terra alentexana.
E aínda, MONTALEGRE é o nome da veciña vila da raia portuguesa que loce con fachenda o seu castelo nas terras barrosás.
Todos estes lugares recollen na súa denominación a alegría e o pracer que debe producir aos visitantes a contemplación dos seus abastados e belos horizontes.
Esta sería a explicación que chamaremos "idealista" destes topónimos, que nos inspira unha grande desconfianza.
Papo furado! como din os brasileiros.
Poderá un feito psicolóxico individual e efímero, tal como unha sensación de contento, ter o suficiente poder socializador como para producir un topónimo?
Se hai "montes alegres", como serían os "montes tristes"?
Na realidade non sabemos de ningunha altura que produza tristura ou desacougo, e menos aínda que luza un nome relativo a elo.
A nosa sospeita e a nosa pesquisa "materialista", van na dirección de que todo procede dun mal entendido da palabra inicial que se usou en recuados tempos para designar estes lugares en cuestión.
As palabras crean novas realidades, as palabras poden ser enganosas,...
Hai un caso histórico moi curioso que nos ilustra sobre isto.
,
Dos Evanxeos recollemos o coñecido dito de que "... é mais fácil que un "camelo" entre polo ollo dunha agulla que un rico entre no reino dos ceos,... "
Sempre nos chocou a pertinencia deste exemplo!
Que un camelo entre polo ollo dunha agulla,...! sería igual de difícil a entrada dun cabalo, dunha vaca e aínda dun can ou dun gato, ou,... mesmo dun rato,...!
Os tradutores da Vulgata deberon consultar a palabra "camelus" nun glosario latino e alí atoparon que tal verba serve para designar o coñecido ruminante do deserto; mais se tivesen entendido que "camelo" é un diminutivo da palabra "camus", que os romanos usaban para designar unha corda grosa ou, entre nós, un adibal, perceberían que a correcta traduzón de "camelo" sería baraza ou cordel, e así a pasaxe bíblica tería máis lóxica : " ... máis fácil é que unha baraza ou cordel entre polo ollo dunha agulla que un rico.... etc.... "
No caso dos nosos "montes alegres" cremos que aconteceu un mal entendido semellante ao dos Evanxeos.
Nos documentos medievais para designar estes montes usaron as palabras de : GAUDII, GOUXO, GAUDIUS, GOUXA,...
Entendemos que na orixe foi un intento culto de escribir en xeito latinizante o que o pobo falaba como: Monte dos Coios ou Monte da Gouxa.
Esa GOUXA (peneda) traducíase por GAUDIA e a partires daí xa viñeron os maus entendidos, pois deu pé a confundila con GAUDIUM que, en latín, significa alegría.
A designación de GOUXA por peneda, repítese e mantense en moitos lugares do país, onde non chegou o intento de latinizar do amanuense de turno.
O intento cristianizante leva a que moitos lugares pedregosos da terra se chamen de monte ou parroquia de San Pedro (".... ti es Pedro, e sobor desta "petra" edificarei,...")
A mesma idea achamos na nominación cristiana do Monte do Gozo, que foi chamado tamén de " Monte de San Marcos", dada a existencia de marcos, antigos miliarios, amilladoiros e penelas de vixiancia.
O nome debeu ter a súa orixe nun AMILLADOIRO de pedras ao redor dun miliario romano ou nun penedo de vixiancia sobor da cidade desde un outeiro do Camiño Francés coa mesma función asexadora que o outro MILLADOIRO que esculcaba cara Padrón.
E aínda esta debeu ser a orixe dos lugares franceses de nome MONTJOIE así como dos catalás MONTJOI e mesmo o soado MONTJUICH que nada debe seu nome aos "xudeus", como se pensa en Cataluña, e todo ás penedas, amilladoiros e velas sobre o horizonte do Mediterráneo.
A confusión á hora de traducir penas, penedos e amilladoiros presentes no cume dos nosos montes produciu gozo e alegria de abondo,......
E así se escrebe a Historia,...!