Modernizando a cultura galega

Modernizando a cultura galega

Nunha entrevista recente na Voz de Galicia, Roberto Varela Fariña, responsable de Cultura e Turismo da Xunta, aseguraba con rotundidade:

¡Trouxemos modernidade, apertura e aire fresco á cultura galega!.

Posiblemente o dixo pensando no I Foro Internacional de Espazos para a Cultura, que se celebrou do 8 ao 10 deste mes na Cidade da Cultura no que agardaban ter representantes do MoMA de New York, do IRCAM-Pom,pidou de París, do Barbican Centre de Londres, e da Biblioteca de Alexandría, entre outros, convertendo así a Cidade da Cultura segundo o conselleiro "en un laboratorio de ideas y espazo para el debate".

A modestia do conselleiro impídelle arrogarse para el tal logro, eu supoño que ao utilizar o plural inclúe tamén ao seu equipo como é lóxico, pois son os currantes os que aportan as ideas, mentres que o paseante é o escaparate delas. Así que parabéns tamén para eles. O malo é que esta voluntariosa afirmación ten, ao meu modo de ver, dúas carencias. Unha, que non nos explique que é o que entenden eles por "cultura galega", e a outra, que o aserto non vaia acompañado dun relatorio de actuacións que confirme o que di.

Un goberno de frikis

O goberno de Feijoo caracterizouse nun primeiro momento pola capacidade de anular todo o que fixera o bipartito, entrando como elefante en olería, co tema do idioma, seguiu coa anulación do Concurso Eólico, que resultou ser legal, convocando e adxudicando outro que non se vai a desenvolver, repoñendo aspectos regresivos da Lei do Chan, con actuacións tan escandalosas como a retirada dos recursos contenciosos presentados pola Xunta contra algunhas das licenzas presuntamente ilegais.en Barreiros, e a paralización de todos os proxectos postos en marcha polo anterior goberno, amparándose na lexitimidade que lle deron as urnas, non por ter máis votos que a oposición, senón un deputado máis. Aínda dous anos e medio despois, cando xa se fala dun adianto electoral, seguen xustificando a súa inoperancia coa herdanza do bipartito e coa política de Zapatero. A ver a quen lle botan as culpas a partir do día 20.

Outro exemplo friki que pasou sen pena nin gloria, protagonizouno o presidente da Xunta, coa colaboración de Julián Barrio Barrio, arcebispo de Compostela. Nun acto institucional, non privado, presentouse ante o Santo Padre acompañado dunha señora da que se dixo que era a súa compañeira de convivencia,¡Xa lle vale tamén o escrúpulo selectivo da xerarquía eclesiástica!

Pero sen dúbida un dos máis frikis deste goberno é o conselleiro de Educación que para evidenciar o cambio, nun acto de ruptura co pasado, el seguramente diría despolitizador, cambiou o nome das Galescolas, polo de A Galiña Azul. Cando a maior parte dos animais dos contos infantís son de pelo, Jesús Vázquez Abad escolleu un de plumas, e ademais de xénero ambiguo, como o daquela boneca que vestía de azul, en lugar de rosa. Menos mal que os pais non repararon nas connotacións que pode ter o tal cor nunha ave de curral do xénero feminino, pois a decisión ortodoxa de calquera conservador que se prece sería que fose A Galiña Rosa.

¿Que é modernidade?

¿En que consiste a modernidade, a apertura e o aire fresco que o conselleiro de Cultura e Turismo, e o seu equipo, di que trouxeron á cultura galega? ¿A caso mandaron pintar o Pórtico da Gloria ou os hórreos do país con algunha das cores do arco da vella? ¿Quitaron o pano ou o chaleco do traxe galego? ¿Mandaron suprimir a Real Banda de Gaitas? ¿Encargaron a Miquel Barceló a ilustración dun novo Calixtino? ¿Introduciron o rap no repertorio das orquestras que actúan nas festas das aldeas, vilas e cidades? ¿Crearon eles as orquestras de música clásica que hai aquí? ¿O moderno é dicir "Desván de los Monjes" en lugar de "Sobrado dos Monxes"? ¿É inaugurar un Museo de Galicia no Gaias sen nada?

Este conselleiro debería explicar porque en dous anos e medio non tiveron tempo de decidir o que poden meter nese museo que resulta que non o é. O conselleiro, que é culto e estivo en New York, sabe que a nada, como a materia escura, é algo, de xeito que o novo museo será unha realidade nadeante da Galicia de Feijoo, onde o visitante poderá contemplar o contedor pero terá que imaxinar ao seu gusto o posible contido. O Museo de Galicia de Varela, será un referente a nivel internacional, un exemplo único no mundo que non se lle ocorreu a ningún xenio da arte contemporánea.

Polo menos Rauschenberg, molestouese en darlle o título da "Odalisca" a un collage-escultura feito cunha galiña disecada. Duchamp, meteu un urinario nun museo e transformou tan vulgar recipiente nunha peza artística. Ata a Piero Manzoni se lle ocorreu expoñer e vender 90 gramos de merda metida nun bote co título "Merda de artista 047", elevándoa así á categoría de Arte. Así que non enche un Museo con "arte" o que non quere.

O que é difícil de explicar é que se gaste un pastón nun edificio destinado a un Museo para expor nada. Para maio, se hai sorte, din que haberá unha exposición, e despois pensan expoñer coleccións privadas, como os fondos artísticos das fenecidas caixas, se non desapareceron xa. Logo ¿en que quedamos? ¿é unha sala de exposicións ou é un museo? O conselleiro xa o aclarou nunha entrevista no Correo Gallego, publicada o pasado día 29, digna de ser lida:

"La palabra Museo connota colección y pasado, en este caso tenemos que hablar más bien de un gran centro de exposiciones".

Logo, para evitar confusións, compre que lle cambien o nome.

A paralización da Cidade da Cultura

Pero non todo van ser críticas. Como no próximo artigo pedirei a desaparición da consellería, hoxe vou felicitar ao conselleiro por tomar a decisión que non foi capaz de afrontar o bipartito, a pesar de ter máis votos que a oposición e un deputado máis, porque, parece que de momento non van facer nin o Teatro da Ópera nin o Centro de Arte Internacional, dous dos edificios pendentes do Gaias. Quedan pospostos durante esta lexislatura, que ademais cargaría a factura do mantemento, e mentres a situación económica non sexa máis favorable. Tampouco haberá teleférico. Nunca o anuncio da paralización dunha obra pública concitou o consenso da oposición.

O conselleiro aplica a doutrina Rajoy, non di nin que si nin que non, anuncia que despois, supoñendo que volvan gobernar e teñan cartos, van reflexionar se os van a facer ou non. Quero aclarar, que eu non me alegro de que non teñamos dúas infraestruturas deste tipo, senón que estou en contra do seu custo, pois de momento van enterrados alí 300 millóns de euros, o equivalente a uns 50.000 millóns de pesetas, que son moitos cartos de Deus, sen contar coa sangría do mantemento, que xa hoxe vai supoñer o 16 por cento do presuposto da consellería.

¿Imaxinan este diñeiro investido no riquísimo patrimonio de Galicia, arqueolóxico, bibliográfico, documental, moble, inmoble, etnográfico e inmaterial que actualmente se está perdendo ou na precariedade?

O malo desta decisión é que se prescinde dos edificios máis representativos do Gaias dado que os que se destinaron á biblioteca e ao arquivo, eran innecesarios para este fin, pois aínda que fosen precisos, podíanse facer noutro lugar e cun custo moi inferior.

O alcalde de Santiago ao coñecer a noticia axiña acordou que lle desen o nome de Manuel Fraga Iribarne á rúa que sube ao Gaias. Eu vou máis aló. Pídolle ao presidente da Xunta que mande poñer un monolito na entrada do complexo, en letras ben grandes, cos nomes dos seus mentores, Manuel Fraga Iribarne e Xesús Pérez Varela, responsables deste despropósito, incluíndo o importe das obras, non só para a súa maior gloria senón tamén para que quede constancia dos bos xestores que foron.