Mitos, ciencia histórica, nacionalismo e antepasados como totum revolutum

Mitos, ciencia histórica, nacionalismo e antepasados como totum revolutum

Díxose que, nunha ocasión, o "tsar vermello de tódalas Rusias", como lle chamaban os seus opositores, enviou antropólogos polas terras da URSS coa misión de recoller todo o folclore que tivese suscitado a súa persoa. Rematou a encomenda, dicíndolles: "E se non o hai, invénteno".

Coñecía moi ben Joseph Stalin o poder do mito e do folclore (mesmo inducido) na conformación e cohesión dos pobos, e a inmensa URSS, amalgamada a base de retallos de etnias, culturas, linguas e relixións tan diversas e sen nada en común, precisaba dun aglutinante. Cando a maioría do continente americano foi anexionado por Castela, o nexo que se tentou crear entre pobos tan dispares como os patagóns, os incas, os aztecas, os pueblo de Arizona e os da propia Península Ibérica foi a relixión católica e o recoñecemento da monarquía austríaca. Cando os irmáns Grimm, políticos comprometidos e introdutores da filoloxía e da lingüística científicas en Alemaña, quixeron ofrecer algo común aos múltiples e independentes pobos que a conformaban, atoparon a clave no folclore transmitido por medio dos contos populares. Recompilando relatos infantís de diferentes lugares, asentaron unha tradición viva e común para toda a Xermania, con independencia de que algún dos recollidos nada tivese que ver con tales pobos. Estes Märchen ou contos populares creáronlles a conciencia e o sentimento de seren todos alemáns, impregnando de esencia, de Volksgeist, o acto político da unificación de 1871 en Versalles.

No mes de Santos de 1999, deixounos don Antonio Fraguas, un dos grandes fillos de Galicia. Escribín daquela un longo artigo n'A Nosa Terra, no que o consideraba, para sempre, un meu referente real e nidio fronte aos mitos evanescentes. Voume permitir parafrasear e autoplaxiar uns parágrafos iniciais daquel texto, xa que me veñen acaídos ao que aquí pretendo expor.

Alá polo xa afastado 1979, andabamos a escavar no castro de Santo Estevão da Facha (Ponte de Lima). O día era de duro traballo de campo e as noites de conversas que derivaban da Natio Gallaecia á Galicia Nación. Pasarían das catro da madrugada, cando, Ferreira de Almeida, home de grandes saberes, poñéndome a man no lombo, me espetou algo así: "Paco, olha-lá. Lémbra-te! Um povo qualquer sem mitos não pode resistir muito tempo. Os mitos, se não os há, é preciso crea-los. São necessários os referentes para continuar a ser". Sabía moi ben o amigo Carlos Alberto que eu non precisaba que me lembrase iso; pero o tema, "o mito (emprego o termo a conciencia) sobre o que se falara aquela noite -o celtismo- a min non me satisfacía. A miña idea concordaba máis coa de sermos os galegos unha resultante infimae latinitatis, como pretendía Risco; e aínda iso me parecía ciar demasiado". Engadía eu no artigo que nunca sentira particular simpatía polas res gestae e que as heroicidades de saguntinos, numantinos, Pelaios, medulios, Viriatos, Agustinas de Aragón ou Marías Pita sempre me deixaron impasible. Engado, agora, que nunca entenderei a contradición de moitos pacifistas actuais que se entusiasman con algo do citado.

Verea e Aguiar quería o mellor para Galicia e sabía tamén do valor do mito, e por iso, partindo axiomaticamente de que a importancia dunha nación reside no número de habitantes, no valor dos seus antepasados ou na antigüidade das súas orixes, e non vendo aquí nada de xeito sobre o anterior, decidiu, en 1838, contra a autoridade de Plinio, que os nosos ancestros eran celtas. Isto, que tanta importancia tivo e segue a ter, e cada vez máis, enlaza con todo o anterior: un pobo precisa mitos para ser e perdurar.

Pero os individuos que conforman o pobo non son necesariamente científicos, nin coñecen os métodos e a pulcritude da investigación nin as pautas epistemolóxicas, e por iso tentan transformar o mito (tradicional ou de recente creación) en ciencia obxectiva, polo estraño criterio do "porque si", o mesmo que empregan os nenos, cando escoitan contos. Aférranse, como axuda intelectual, aos pseudoilustrados que lles apuntan que tal verba ou tal trazo cultural disque é celta, sen especificar que é o que entenden por tal e, inmediatamente, facendo unha curiosa ecuación, pontifican que nós somos celtas.

Que son precisos os mitos é innegable. Que mito e ciencia poden ser antagónicos tamén. Que certos mitos queiran ser presentados aos membros dunha comunidade ou dun determinado partido político, a xeito de catecismo, como ciencia e como elemento diferenciador é perigoso e indesexable. Está moi ben que Rómulo e Remo funden Roma, que Virxilio diga que Augusto descende de Venus, que Teucro poña os alicerces de Pontevedra ou que os galegos, aínda que falemos unha lingua latina, sexamos celtas; pero, cando defendemos iso, quero pensar que non estamos a falar de ciencia obxectiva. O mesmo que cando nos dispomos a bater ferro polo Mariscal Pedro Pardo de Cela e consideramos que aquel home que aconsellaba pendurar aos vasalos dos carballos foi un nacionalista galego avant la lettre, sen pensar que ser nacionalista con catrocentos e pico anos de adianto sobre a Asemblea de Lugo constitúe un anacronismo que merece o título de desbarre e saída de pista. Unha cousa é o mito que poida entusiasmar ao pobo e outra é a ciencia histórica. Que un alleo ao coñecemento histórico tente discutir cun historiador sobre unha cuestión á que este dedicou 40 anos de traballo só constata que a ignorancia é moi atrevida. As discusións científicas son cousa de especialistas. Os de fóra da partida, con perdón da ministra actual, dan tabaco.

Preguntóuseme tantas veces quen eran os habitantes dos castros que, posiblemente, haberá que facer outro artigo, ou outro un libro. Agora remato dicindo que, en España, todos somos españois, mesmo os que só nos consideramos galegos; os ástures tamén eran todos (susarri, paemeiobrigenses...), os iberos tamén (ilergetes, bastetanos...), os celtiberos o mesmo (arévacos, titos...) e os habitantes da Cultura castrexa, os galaicos, tamén (praestamarci, grovii...). Que se pregunta exactamente? Que nai se lle procura ao fillo?