Milhões de pensamentos perversos. Sobre humanos desexos e a súa mercantilización

Milhões de pensamentos perversos. Sobre humanos desexos e a súa mercantilización

Nunha manchea de libros para o verán, chéganos un curioso estudo con este título provocador de dous profesores da Universidade de Boston, Ogi Ogas e Sai Gaddam. Sorprende a rapidez con que a edición inglesa (A billion wicked thoughts), de 2011, foi vertida para o portugués (xuño de 2012). O libro promete, desde o ambicioso subtítulo orixinal, que non se traduce, ser “a máis ampla experiencia reveladora do desexo humano”, concretamente dos “desexos secretos das mulleres” e das “fantasías sexuais dos homes”, tal como se anuncia na capa. Forma parte dunha colección co singular título “Lua de papel”, acompañado do slogan “Livros que fazem pensar”, e figura adscrito ás materias de socioloxía/psicoloxía, polas que sentimos especial interese, dito sexa de paso. O ensaio de Ogas e Gaddam non é un manual de sexoloxía cun catálogo de consellos, senón unha análise científica que se sitúa na encrucillada da psicoloxía social, a bioloxía evolucionaria e as recentes descobertas da Neurociencia.

No ámbito editorial galego, cómpre mencionarmos dúas recentes publicacións: Amigos e sodomitas, de Carlos Callón e Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure. En liñas xerais, percíbese neles que comparten tamén a idea de que a sexualidade é esencial para os humanos, é o fenómeno social total, onde se xoga case todo e se expresa case todo. Vaia por diante, por tanto que, para alén do morbo que se poida sentir como lectores/as, aquí non pretendemos furgar no “cuarto escuro” e facer banalización a partir dun feixe de pensamentos pícaros ou escandalosos. Si traer a debate un fenómeno que, polo visto e oído, interesa a todo o mundo e está mesmo moi relacionado coa explotación que existe no mundo e a deshumanización da sociedade en que vivimos.

Aínda que non se debate abertamente –como tema tabú, pensamos que fica mellor no terreo da privacidade ou dos misterios por descubrir- e non se dá a información necesaria nos lugares onde cumpriría facelo (ensino, sanidade…), a sexualidade revélase latexante, insinuante unha veces, descarnada outras, por todas as partes: na prensa, nos chats, nas paredes, nos filmes, nos vídeos… Grande paradoxo, porén, que obriga a maioría dos adolescentes, ante esa carencia, a procurar individualmente, da mellor maneira que pode, a información a través da Internet. Pouco evolucionamos, logo, se o que antes se compartía máis, agora se reserva á procura individual.Na sociedade tradicional galega a mocidade socializaba eses contidos ás agachadas, sempre con algún avantaxado polo medio, e mesmo comezaba a práctica da masturbación en grupo, de xeito moi similar ás situacións que reflicten novelas de Blanco Amor como Los Miedos ou Xente ao lonxe. Nalgúns pobos africanos son avós e avoas os confidentes e mesmo instrutores na práctica sexual de mozos e mozas.

Disque as novas tecnoloxías teñen revolucionado todo e tamén o mundo das relacións sexuais. Pode ser, facendo que algunhas cousas sucedan máis rápido que antes; mais o que semella é que pouco ten mellorado a información sobre todo o referente á sexoloxía, a educación nos afectos, a comprensión da diversidade… Non fican aínda no esquecemento condenas correntes de prácticas sexuais tachadas de inaceptábeis e pecaminosas como a masturbación, o sexo oral, a homosexualidade, o sexo inter-racial, etc. Foucault insístenos en concibir a sexualidade como a mellor posibilidade de accedermos a unha vida criadora, nunca como unha fatalidade. O estudo a que nos referimos, logo de analizar a sexualidade desde a perspectiva dun fenómeno diverso (homosexualidade, bisexualidade, heterosexualidade, transexualidade), chega a un interesante punto de vista: non hai unha sexualidade masculina ou sexualidade feminina absoluta e unitaria, “mas antes várias componentes do software específico de cada género, sujeito às excentricidades da biologia e da experiência”. Deixámonos estimular conforme os nosos propios padróns singulares de suxestións sexuais, unhas masculinas e outras femininas, unhas fixas e outras flexíbeis. Estas suxestións mudan, invértense, transfórmanse, resultando infinitas variacións de identidade sexual que desafían calquera catalogación.

A carón das teorizacións, dos resultados estatísticos que se ofrecen sobre a análise (o termo usado é scraping) das procuras feitas en Internet (milleiros de páxinas web, milleiros de historias eróticas online, milleiros de novelas románticas electrónicas, 40 mil “lugares” pornográficos…), os autores logran manter un fío condutor ameno, escolmando unha serie de experiencias ou experimentos sobre as preferencias sexuais das persoas (preferencias por idade e peso, experimentos con pletimógrafos nos órganos sexuais masculinos e femininos, comportamento extrapolábeis dunha grande variedade de animais…). E experiencias, desde logo, hainas para todos os gustos. Seleccionamos só algún exemplo de cada apartado, a modo de suxestión para a lectura.

Non agradará seguramente a moitos homes, de tendencia hetero, que pagan por ollar “contidos estimulantes” vérense equiparados con algunha clase de macaco. Concretamente con Wolfgang, un macaco disposto, mesmo varias veces ao día, a trocar a súa ración de comida ou zume de froita por fotografías de períneos de femias en posturas provocativas, o que en portugués chaman “rabos rosa-vivo de macaco”. O pay-per-view semella ser o colmo das suxestións masculinas e estabelece un foxo entre os xéneros, xa que as mulleres abstéñense de procurar vorazmente ese tipo de produtos. Como non, é a explicación ao espectacular desenvolvemento dunha industria con grandes beneficios, que precisa coñecer ben o que os consumidores demandan. Non sorprenden, pois, investigacións e informes internos sobre ducias de empregados de alto copete que gastan miles de horas do seu horario laboral visionando pornografía, nas institucións máis insospeitadas, mesmo no Departamento de Defensa do Pentágono.

,Segundo os autores, a primacía nas procuras da Internet a nivel internacional nas suxestións visuais masculinas, ocúpana seos, traseiros e pés. Non acaba de aparecer unha explicación convincente para este último caso, que Freud relacionaba cun acto de submisión por parte do home. No que respecta a seos, varios estudos veñen a pór de manifesto a “sintomática coincidencia” entre a preferencia dos homes por seos grandes e o aumento das proporcións dos seos das mulleres, malia ter descendido nos últimos anos o índice de masa corporal destas. É dicir, habería máis mulleres fracas con seos grandes que nunca. Sirva de mostra unha pescuda realizada por psicólogos nunha discoteca e nun bar franceses, utilizando forros almofadados para incrementar a dimensión dos seos dunha muller, de copa A para copa C, deitou un resultado revelador. A mesma muller, con copa A, só foi abordada 18 veces por homes, mentres que con copa C pasou a ser abordada 60.

O comportamento arroutado na xestión diaria dos seus impulsos, volve a deixar mal parados os homes de tendencia heterosexual: “Solitários, de excitação rápida, com um objectivo em vista, propensos para a caça e um pouco idiotas”. Abonda a detallada comparación do cerebro masculino co Elmer Fudd, o cazador burlado dos deseños animados de Bugs Bunny, sempre á procura de coellos e disposto a disparar con só verlle as orellas ao animaliño, aínda que poida ser enganado por un monicreque calquera.

Polo que respecta á homosexualidade masculina, as pescudas poñen de manifesto algúns trazos comúns coa heterosexualidade, a salientarmos o que se podería denominar falomanía. A énfase das procuras está orientada á anatomía, semellando que “o cerebro gay aparenta ter o mesmo software de desejo visual que ten o cerebro heterossexual”. No terreo do negocio sobre as suxestións visuais, resulta ilustrativo o sucedido coa revista Playgirl, con modelos masculinos espidos elixidos por mulleres e destinada inicialmente a público feminino. Entre as mulleres non atopou a acollida agardada, mais si entre o público gay.

Nos tres amplos capítulos que o estudo dedica á sexualidade feminina, os autores poñen en evidencia as grandes diferenzas que existen co outro xénero: fronte á enorme dificultade de modificar as ríxidas suxestións do home, que actúa de xeito case mecánico, a sexualidade da muller presenta unha maior plasticidade; así como os homes se excitan de xeito visual, as mulleres fano con preferencia polo verbal, por suxestións psicolóxicas; as mulleres presentan tamén unha meirande complexidade na correlación entre excitación física e psicolóxica. Os datos son indicativos do que se consome por cada parte. En 2008, cen millóns de homes accederon a pornografía online nos EUA e no Canadá. Segundo os autores, o consumo das mulleres oriéntase máis cara ás historias románticas (un tipo de romance romántico como o slash, a novela erótica, a novela romántica paranormal como a saga Crepúsculo…), onde o sexo pode aparecer mais non é o fundamental. Os datos revelan aquí tamén unhas sorprendentes cotas de mercado: no mesmo contexto, en 2008, a ficción romántica xerou 1.37 mil millóns de dólares en vendas. En canto ás preferencias nas suxestións femininas, o estudo incide na predilección polos homes altos, xunto co xa tópico bo traseiro, en expresivo dito portugués, “rabos rijos e atléticos", mais atendendo tamén á voz, a cor dos ollos, a personalidade, etc.

Unha necesaria observación, finalmente. Ben se advirte que a maior parte do estudo se limita a obxectivar as preferencias de consumo de homes e mulleres sen propoñerse oferecer alternativas críticas na cultura do erotismo e da afectividade, sendo sintomático da grande influencia que exercen grupos de presión relixiosos, políticos e económicos na investigación tanto nas universidades de EUA como doutras partes. Resulta ilustrativo desa necesidade de producir o que a xente consome e demanda que un dos autores, Sai Gaddam, especialista en modelos de intelixencia artificial, saliente no seu curriculum que “disponibiliza os seus conhecimentos na área de tratamento de dados a várias companhias que querem compreender as preferências dos consumidores”. Desde logo, chama a atención neste estudo o marketing e mesmo o que poderiamos chamar “aparello preventivo”, moi na liña dos americanos. O libro aparece adubado ou blindado por un amplo conxunto de fragmentos de recensións críticas (sete, en total), que elevan a obra ao nivel do extraordinario, un breve prólogo de Catherine Salmon, autoridade na materia e un amplo capítulo, ao remate, con centos de agradecementos a persoas e entidades. Os autores mesmo aluden de pasada a consellos e advertencias dos seus avogados á hora de faceren públicas estas investigacións!
Na breve conclusión apúntanse algunhas liñas de análise e debate, nas que os autores deberan ter profundado máis:o marabillosa que resulta a aventura primordial da sexualidade, mesmo co abismo que separa os xéneros; o xenio indiscutíbel (polémico tamén)da Internet para procurar complemento aos desexos de cadaquén; a dificultade de atopar a harmonía sexual sen diálogo ou ignorando que os parceiros son diferentes a nós; a aceptación das fantasías sen nos tornarmos escravos/as delas; a interpretación lúcida da nosa serie de suxestións para realizarnos persoalmente; a insatisfacción e desacougo que afectan a grande número de homes e mulleres… E aínda que non se sobrepasa o que poderiamos denominar “liña crítica”, o certo é que o ensaio comeza cuestionando o escaso apoio co que conta a investigación da sexualidade nomeadamente nos EUA, cando non a persecución aberta dos promotores dos estudos, algúns acusados de comunistas. Desde que en 1886, o alemán Krafft-Ebing publicou en latín -para afastala do grande público- a súa Psychopathia sexualis, fundando a Sexoloxía, até mediados do século XX, pouco se avanzou na materia. Nunha sociedade que presumía de ser a máis avanzada do mundo, até a data, aínda se acreditaba que a homosexualidade era extremadamente rara, que as mulleres tiñan un impulso sexual reducido (cando máis da metade afirmaba masturbarse habitualmente), e que case non ocorrían o sexo prenupcial, as relacións extraconxugais, o sexo oral…

A obra destes dous doutores en Neurociencia adoece tamén da falta dun tratamento máis detallado da sexualidade lésbica ou da bisexualidade. Carece dunha perspectiva antropolóxica e multicultural (só mostras excepcionais), que nos levaría a un imaxinario moito máis colorido aínda, así como dunha toma en consideración da evolución dos gustos e dunha diferenciación máis nítida entre sexo e erotismo. Séndomos moi ambiciosos, ademais da filmografía, sería conveniente analizar a literatura, unha fonte tan prodixiosa como a que máis. E insistimos, quizais por razón de espazo, falta unha criba crítica a todo aquilo que pode resultar na “sexualidade de consumo”, alienante e cousificador desde unha óptica humanista. No colmo da degradación, lémbrese a top model dunha cadea de TV de Berlusconi, encargada da información meteorolóxica, que facía striptease a medida que describía o tempo. En fin, ningunha alusión á explotación sexual, ao turismo sexual no mundo, considerado unha forma de imperialismo e neocolonialismo polo antropólogo francés Franck Michel, e moi poucas alusións á degradación da imaxe da muller.