"Metal Central" de Alfredo Ferreiro: Núcleos animados

"Metal Central" de Alfredo Ferreiro: Núcleos animados

Ás veces,

ouvimos os estertores
das máquinas máis vellas,
os supiros de bielas
permanentemente fatigadas,
a sádica sede
de bombas agonizantes.
As máquinas que por fin
un día paran
parecen voltar ao paraíso
pesado e duro
da vida mineral.

Posiblemente este fermoso poema, que aparece en Metal Central, sexa ilustrativo dos camiños abertos por Alfredo a través dos núcleos que ferven na fría alma que desaparece pola pel que nos cubre. Non existen equivalencias imposibles que tratar no tempo nin feridas que non fiquen atravesadas no esquecemento. O metal, frío, non é tal, é un formulario de existencia perforando as manchas negadas, é centro no núcleo duro e primixenio expandindo esas pequenas doses de calor ausentes aos ollos da monotonía. O metal orixe súa incisións de luz na transparencia consumindo os espazos da memoria vital para amencer ao carón das sombras. A cada lavado de “taladrina” cubrindo esa fálica broca correspóndelle o rego do sangue chegando aos extremos táctiles, con cada avance monosílabo da fresadora hai unha cicatriz pendente de ocultar e por cada parafuso protector véncese unha bágoa desnortada.

As horas metálicas ardendo nos sentidos van deixando ese pouso a camiño entre o amargor e a celebración non sabendo se a despedida é un alivio ou unha incerteza fronte ao frío desprovisto de alma que se debuxa nos rostros do exterior. Ese espazo, esa terra adurmiñada, infecunda, alberga a tristura da incontinente indecisión. O exterior é ficción, a realidade ciméntase nos espellos desa ideoloxía ateigada de desertores pisando a cinza dos premonitorios aspirantes a fuxir deste xeo incomprendido. O metal, esta vida de carnes fieis, de palabras incontroladas e cervexa tibia vai meténdose na linfa do destino, na loita de clases á que renunciamos como cadáveres que seremos para pregar as ás ao velenoso vento provocado neses cumes de seda e marfil.

Metal Central é incomprensión nas palabras, é roupa manchada evitando a entrada no armario onde se cheira a naftalina e se perde o rastro da orixe. O cúmulos abstractos non exercen na incomprensión, non se anexan directamente á madura abertura da estética, son límites de dentro das fases acoutadas, son esas derivas toleradas marcando o contorno da pobreza existente en non ver alén do propio entorno.

Alfredo Ferreiro ( con ese apelido non podía ser outro libro, outro título ) explora cun notable acerto os mundos grises aos que renunciamos “de facto” abrindo esas rexas portas da iconoclastia aos que só suspiran entre faragullas de instrutivas poses. Alfredo non renuncia ao calor da luz nin se retracta dos zapatos de protección deformándolle os pes, simplemente rompe a indiferenza das máquinas co seu eterno bruar, co seu retardo na burguesía.


Metal Central foi publicado pola editorial Espiral Maior de Poesía