Mercado medieval e Camões en Corcubión

Como todos os anos polo mes de xullo, tivo lugar o Mercado Medieval da Costa da Morte en Corcubión. Tres xornadas onde aparentemente o motivo para festa é a recreación dun período histórico, do mesmo xeito que se fai en moitos lugares do noso país e do estranxeiro, e se cadra tan do mesmo xeito que o visitante que chegue despois dunha longa soneca na viaxe, non sabería dicir á primeira ollada se chegou a unha vila galega, castellana, italiana ou magrebí.
Redundando na translación ao pasado do presente globalizado, chegou ás miñas mans o folleto da Feira marcando as moitas actividades a toda hora. Salvo no uso palabra “morte”, o galego, o noso idioma actual mais tamén o da época en cuestión estaba completamente excluído.
Sorprende isto nunha festa de recreación do pasado, cando sabemos que en toda a Idade Media a lingua de uso normal en todos os ámbitos sociais era o galego. Por suposto a Costa da Morte non era a excepción daquela, como tamén non o é hoxe neste costume colonizado de pretender admiración no forasteiro non mostrándolle o mellor do que temos senón o pior do que imitamos (lingua incluída) como puidemos ver hai uns días na “festa do monte” da Guarda.
Vencellados á Costa da Morte eran os Traba, condes de Trastámara (as Terras tras o Tambre, as da Costa da Morte), cuxa importancia política podemos seguir aínda hoxe no Panteón Real da Catedral de Santiago onde Pedro Froilaz que se titulaba Príncipe de Galiza, aio do Emperador Afonso VII está soterrado xunto a reis galegos, tamén na lingua, como Afonso VIII ou Fernando II. No cultural destacou esta liñaxe impulsando o uso literario - musical do galego-portugués con Santiago como centro de difusión internacional.
Se a influencia dos Traba foi fundamental para a expansión literaria da nosa lingua, atopamos a mediados do século XIV outro trobador, probabelmente de Corcubión segundo Victoria Armesto na Galicia Feudal, ou en calquera caso, como sinalou o británico Jayne kingsley Garland, orixinario da zona de Fisterra. Trátase de Vasco Pérez de Camões.
A través das Crónicas de Fernão Lopes, sabemos que foi un dos moitos nobres que acompañaron Fernán Ruiz de Castro ao exilio tras a derrota da nobreza e a burguesía galegas na guerra contra Henrique II de Castela. A vitoria de Henrique fronte a un Pedro I respaldado en Galiza, iniciaría a dinastía Trastámara (título que desputado cos Castro, sucesores dos Traba) e supuxo derrota dun poder político vencellado ao País e representado pola grande nobreza. Na carta do Marqués de Santillana ao Condestável de Portugal, fálase deste Vasco Pérez de Camões como trobador galego-portugués xusto despois de destacar a importancia da nosa lingua en toda a produción literaria peninsular. Teodosio Vesteiro incorpórao á súa Galería de galegos ilustres en 1874. Malia non conservarmos ningunha cantiga súa, parece que foi un dos grandes trobadores galegos.
Relacionado coa Costa da Morte, coa área de Corcubión hai, xa que logo, unha longa tradición de impulso á nosa lingua que podería comezar nos Traba e continuar por Eduardo Pondal ou polo Batallón literario da Costa da Morte.
Se non existe ningún motivo para excluír a nosa lingua de ningún espazo, moito menos se pretendemos recrear o pasado medieval, o mesmo que fai do galego unha lingua actual e viva.
Non o fixo o Camões de Fisterra nin o seu compañeiro de andanzas Xoán de Andeiro, coruñés, nobre e diplómatico tamén exiliado en Portugal e que buscou unha saída favorábel para Galiza na corte inglesa. Tampouco o uso do galego era impedimento para a actividade comercial que Galiza desenvolvía cara o Atlántico e o Mediterráneo.
,Este tema, o da guerra contra Henrique de Trastámara, daría para recreacións en moitas vilas do país, tamén na Costa da Morte. Teriamos un rei como Pedro I cuxa supervivencia depende da nobreza galega liderada por Fernán Ruiz de Castro, irmán da raíña Xoana de Castro, do primeiro Condestábel de Portugal Alvar Pérez de Castro, e tamén de Inés, a que reinou en Portugal despois de morta. Teriamos tamén as vilas galegas participando activamente en tentar que os Reis de Castela “trastamaristas” non se fagan co control do noso país, acudindo incluso ás monarquías máis proclives ás súas aspiracións de liberdade: a portuguesa e a través dela, a inglesa. Reis, Raíñas, Trobadores, batallas, exilio, participación popular coa burguesía das vilas e cidades fronte ao poder episcopal castelanista... e a versión local deste cenario nacional onde para o caso de Corcubión temos este Vasco Pérez de Camões entre cuxa descendencia se atopa Luís Vaz de Camões, o grande autor da literatura universal.
Xa non é que de tanto imitar o foráneo se vaia conseguir que a ninguén lle compense visitar o noso país (ninguén se despraza para ver o que ten o lado da casa en versión orixinal). É que ademais nin na festa nin en ningún outro elemento necesario para facer levadeira a vida temos necesidade de buscar recursos alleos cando os temos propios e dunha riqueza tan grande que con calquera tema poderiamos facer días e días de festa. Somos unha nación con lingua propia, cunha cultura chea de músicas propias de todos os estilos e de todas as épocas, con inmensas riquezas medioambientais, gastronómicas... Tamén, aínda que moitas veces se oculte, historia. Temos dereito a gozalo e a aproveitalo.