Memoria e lingua: camiño de futuro

Memoria e lingua: camiño de futuro

Galiza nova celebrou o pasado fin de semana as xornadas do Reino de Galiza. Un encontro de mozos e mozas dispostos a recuperaren o dereito a coñeceren o seu país e o seu pasado.

Os mozos e mozas de Galiza Nova saben que a única alternativa posíbel para garantirmos a existencia futura do noso país, pasa por coñecérmonos, por sabermos de onde vimos e cais foron as circunstancias que propiciaron a nosa situación actual, para sabermos tamén que é o que temos que combater e onde está a causa da subordinación e a dependencia de Galiza.

A tarefa que Galiza Nova se propuxo hai xa 13 anos, de recuperarmos a nosa historia nacional e dala a coñecer, especialmente entre a mocidade, non é doada. Foi e é criticada por quen pese a todos os disfraces que se poñan, non acreditan no futuro do país nin na viabilidade da súa existencia. Son os mesmos que só lle poñen tachas á obra, na que non só non queren traballar, senón que ademais non a queren ver rematada nunca.

Galiza ten potencialidade a todos os niveis, en cada un dos campos posíbeis. Non nacemos galegas e galegos cun defecto de fábrica, que diría María Pilar García Negro. Mais os séculos de colonialismo, de inoculación violenta do desprezo por nós mesmos como pobo, e de abxuración forzada e forzosa da nosa condición de nacionais galegos, deixanse sentir con forza. Galiza Nova fai coas xornadas do Reino de Galiza, un contributo imprescindíbel a favor da nosa autoestima que só se pode concretar na afirmación de Galiza como nación de seu e dona de si.

Hai uns días alguén negaba a viabilidade dunha Galiza monolingüe. Negaba xa que logo, a capacidade de Galiza de existir como nación, como país normalizado e cun mínimo nível de desenvolvemento. Esta non é, na Galiza, unha reflexión atípica. Desgrazadamente ese discurso é o mesmo do ensimesmamento do Conselleiro de Cultura, ou o de que o galego si mais con límites, que dirixiu ao Parlamento Galego un tal Agustín Baamonde, deputado do PP.

Mágoa que estes señores tan sabidos e moi cultos, non sexan quen de ver máis alá do corsé bilingüísta fabricado para eles no españolísimo e madrileñísimo Paseo de la Castellana. Se se quitarán o corsé e as orelleiras, verían a cantidade de sociedades monolingües e democráticas que existen no mundo, cos seus problemas e contradicións, mais tamén con importantes niveis de desenvolvemento. Non falo de ningún paraíso. Falo de Suecia, Noruega, Finlandia, Dinamarca... só por citar algún exemplo.

Se cadra, a súa mente colonizada non dá para máis e só acertan mirar para os paraísos multilingües do Congo, Etiopía ou Paquistán. E aínda dirán que somos os nacionalistas os que queremos ser terceiro mundo! E si, temos elementos alí en común nas nosas historias respectivas, e temos sobre todo o sentimento de irmandade que dá padecer o desprezo de propios e alleos. Porque Galiza como o Congo, Etiopía ou Paquistán será mundo cando colla as rendas da súa lingua, da súa historia e do seu futuro.