Memoria de Ahab de Rafa Villar: mar de fondo

Memoria de Ahab de Rafa Villar: mar de fondo

Son tempos de tempestades onde o profundo da marea agocha as orixes.

Contan os cronistas que o capitán Ahab navegaba no espeso mar da xenreira alleo ao tempo e guiado unicamente pola carraxe que desprende toda compaña. Un único camiño que deixa tras de si tal cicatriz incapaz de esconderse, que o espazo cubre de po todo o trono e anega de soidade a terra que deixa atrás.

Rafa Villar logra inxectarnos con este libro esas abertas augas, esa dicotomía, moribunda por veces, ermas de condición na que parece estamos sumidos ao longo do espazo. Son os seus versos adiviñanzas avanzadas por detrás das sombras deses mastros alongados que funden os desertos que foron mares noutro espazo. A caricatura constante da nosa condición de seres deformes fronte ao libre pensamento perfectamente corrixido precede a esa desmedida ambición que se converte nunha diglosia de cadáveres agardando o seu esquecemento. Posiblemente a memoria, a falla desta, é o punto álxido deste conto de profundo, pero a memoria como método de resignación, a memoria que pretende sinalar camiños ermos da nosa mente. Aquela mesma que nos é entregada a nós como lexítimos herdeiros pero que tamén nos sinala como cómplices absolutos do legado que deixamos. Esta dicotomía, este punto de inflexión retrotráenos de novo ao título, a ese Ahab que por momentos desprezaba o seu ser e soñaba ao vivo coa morte dos océanos ao completo para rematar dunha vez por todas coa súa teima, para non enfrontarse aos enigmas que emerxían do seu interior, pola falla diso chamado coherencia.

Mais todo non é tempestade e neste mar lamentado, de incesantes ondas tamén hai espazo dabondo para fondear en portos de magnitude aberta. Hai esclusas de doce auga para mollar os agretados beizos e poder salvar de novo as palabras do noso futuro, hai síntomas dunha comitiva que aínda resiste a indolencia do clima e persevera ao xeito dos silenciosos heroes na mantenza, por veces apostilada de anacrónica, das poucas horas de luz que nos protexen das noites polares.

Hai horizontes que entregan a súa mensaxe escudriñando todo canto somos capaces de ver, aparecen na entrega máis absoluta polas veas da ignorancia, tanto da permitida como da buscada. Sermos auga na punta da intransixencia é doer nas cóxegas do racismo disfrazado de oportunidade.

Dicía Séneca que “se non sabes a onde se dirixe o teu barco ningún vento será favorable”. Bravo Rafa con este libro magnífico para que poidamos ver os ventos sen chorar, para vencernos esta pequena malaxe que transfigura a esencia do que realmente deberíamos ser.
“Memoria de Ahab” foi publicado por Sotelo Blanco no ano 2.007.

Indicaría co dedo

Que hai homes detrás da culpa

Tinxidos de mentira


Gobernos falsarios

E un capital famento das súas ruínas


Co dedo indicaría tamén

Un ronsel no horizonte
Que terma de nós