Medios roubados
Unha das condicións que definen unha vida democrática é a de poder ter acceso a unha información variada que expoña as distintas visións da vida, manifestada nese prado multicolor que forman as ideas e as propias vivencias. Gozar tamén do debate e contraste das mesmas. Vivir os países nas súas culturas e diferencias, nos sucesos reais polos que cada día pasan. Se isto non sucede así, a democracia será unha pantomima de quen, con ansia totalitaria, intenta perpetuar ideas e intereses de forma absoluta.
Non nos é estraña a obsesión desa dereita que ten as raíces no franquismo, en facerse propietaria real dos medios públicos, tanto na súa vertente económica como informativa ou cultural. A súa apropiación está a ser tan acelerada e contundente que os termos mínimos que definen a democracia, comezan a cheirar a perigoso queimado. Na Galiza das nosas dores, Feixoo, o presidente, xa é o único, o excelso, en exitoso arremedo dos que aínda seguen a gobernar nacións sudamericanas, asiáticas ou africanas, e que aquí pasan por ser verdadeiros ditadores. Mais el, ao parecer, síntese distinto. Como se tivese dereito de pernada.
Tiña eu, de sempre, fidelidade polos medios de comunicación públicos galegos, e por outros que sen ser públicos, batallaban con criterios realmente democráticos e galegos, e que por iso precisamente, foron combatidos até a súa desaparición. Eran, dalgún xeito, a humilde voz de quen non posuían altofalantes nen poder. Subsisten aqueles, supoño que na súa etapa final de carácter público, a radio e televisión galegas, moi cambiadas xa, milimetradas no seu contido e españolizadas en grado crecente nas súas formas, no idioma propio da nación.
Era fiel eu, dicía, a elas, fudamentalmente polo idioma que utilizaban, e polas noticias ou comentarios en alta proporción referidos ao noso contorno nacional. Pero desde a chegada do PP e desa equipa gubernamental que está a encumiar o piorciño que pasou pola Xunta de Galiza en toda a nosa historia —e dígoo asentado no horror de ver como se van “comendo” cada día dereitos e recursos galegos—, estes medios están a se proxectar como se ese partido fose o seu propietario. Os telexornais pasaron a ser os ecos de sociedade pepeísta, nos que Feixoo, o perenne, aparece até tal punto dominando o tempo, que nen Fraga, nos seus mellores momentos, se atreveu a tanto.
E o tempo que non consume el, é para os conselleiros e conselleiras ou para noticias nas que sempre aparecerá algunha relacionada cun suicidio en Salamanca, un roubo en Teruel, ou un incendio en Andalucía. Todo presentado como nos partes franquistas, aqueles que loaban a Franco e nos torturaban coas distintas terras da España grande e unida. Rexionalización, si, dunha división xeográfica que mesmo no seu carácter autonómico aínda non respectan. Os outros partidos, PSOE e BNG, teñen os seus segundos, castigados así, sobre todo o último, ao silencio e á desaparición real, en función dese inxusto e antidemocrático reparto dos tempos en base ás proporcións das deputadas e deputados.
O noso idioma, a música, a cultura, os e as nosas personaxes, os humoristas, as actrices, os actores, o teatro, folgas e protestas, críticas... todo iso que fomos creando ou alimentando con moito sacrificio e a pesar das cambadelas que eles (os de Feixoo), e eses outros que desde o galeguismo fixeron carreiriña apegada á súa sombra; todo iso, digo, cortado dun plumazo, como se a Galiza fose unha rexión sen personalidade, pobre, abafante e sen cultura de seu. Imaxinade por un intre, lectores e lectoras, o que poderían facer os nosos e as nosas humoristas nesta televisión roubada, co seu enxeño e a súa profunda cultura. Outra sería a conciencia colectiva. E outros os gobernantes.
Como se pode aturar unha radio galega na que os únicos debates que se ofrecen están copados tamén polo número dobre de pepeístas fronte ao dos outros. Cando ouvimos arreo, hora tras hora ao sempiterno Feixoo outra vez, cando pasan as horas contando chismes ou mostrando programas abertos que parecen preparados para anodinos; cando o idioma noso aparece e desaparece como un fantasma... Fiel arremedo da TVG, a que se segue a chamar Radio Galega, énchenos de vergoña e incita tamén á rebeldía, á esixencia pola brava, do respecto. Negados, negadas no propio país como se fósemos estranxeiros. É aquí a obra destes neofranquistas que seica ían arranxar todos os problemas.
Dilema é agora a posición a manter. A fuxida ante estes medios roubados polo PP será para min o recomendado. Pero para onde? Onde un medio que manteña o idioma do país? A SER espanta polo acento hibrido e a españolización militante do aseñoritado. E fuxir do uso dos únicos medios públicos que hai, significa, dalgún xeito, restar presenza de quen queremos ser nós mesmos, cousa que acabarán utilizando tamén para dicir que a ninguén lle interesan os medios en galego. A dereita reaccionaria, españoleira e retrógrada sempre leva as de gañar. Nunca perde porque nada arrisca nese esforzo que temos outros e outras en que a sociedade, a dignidade colectiva, avancen.
Estas poden ser as nosas esperanzas: fronte ao adverso, a construción de medios propios, é dicir, galegos e democráticos, abertos e plurais. Camiño dificultoso, si, no que se anda. Acertar, estará en proporción ao traballo e proselitismo, ao campo aberto que se faga. Da chamada sen exclusións a quen pode axudar. Hai experiencia xa: que esta sirva para atallar os erros que noutro tempo asomaron.
E mentres, buscar nas redes eses exemplos humildes que temos de radios que si son galegas nas formas e contidos, como esa Radiofusión. Ou xornais que cubren os espazos necesarios con grande esforzo, como Praza Pública ou Sermos Galiza. E máis aló, os únicos que nos permiten contrastar todas as mentiras dos medios de comunicación occidentais a respecto das invasións, atracos, roubo de dereitos e abouro á diversidade de culturas varias que o imperialismo executa: medios verdadeiramente populares e valentes como os existentes en Venezuela, Cuba, Brasil e un etc. que xa vai medrando. Estes si son de contraste, e grazas a eles podemos evitar que controlen as nosas mentes e nos fagan súbditos.
E sobre todo isto, a loita firme por unha democracia que aínda non existe.