Mazás no abandono e sidra
Outro dos populares “brotes verdes”, entre tantos desaproveitados na Galiza de hoxe, son as mazás de outono. As mesmas que dan color ós eidos e vellos predios deste tempo de Santos e Defuntos. Árbores que perduran arredor de casas que poden non existir xa. Brillantes esferas roxas e marelas, con pintiñas... penduradas de ramas xa sen follas, batidas polo vento, lavadas pola chuvia, a caer e podrecer no chan, peteiradas polos paxaros ou comestas polos marráns ou os teixos bravos que todo aproveitan. Mazás que, entre moitos outros froitos deste tempo, castañas, noces, cabazas inspiraron a icona da Árbore da Vida : primeiro en flor, despois cargada de froitos e sementes de esperanza pra encher cornucopias de fartura. Formas esféricas producidas de vagar na interacción dos Catro Elementos ó cabo do ano. Flores brancas ou rousadas, polen de abella que animaron primaveras, o maio florido. Mazás a reverdecer e medrar lento, ruborizadas e douradas polo sol, maduras, pra rematar sendo tentación.Froitas pra inspiración, as que logo no comercio nos venderon reproducidas en cristal ou materiais sintéticos como bolas para facer a Ábore de Nadal. Símbolo imprescindible nas celebracións que, no almanaque, pechan o tempo vello e abren, en verde e luz, a outro novo. Mazás penduradas, esferas, elemental símbolo cósmico, asociadas ó cetro en iconografías de reis, a peitos de mozas novas no popular. Ó fin e ó cabo a Árbore da Ciencia do Ben e do Mal, a que centraba o Paraíso, era unha maceira. Tronco pola que se desliza unha serpe pra tentar a Adan e Eva. A sedutora serpe e mazá, entre tantas mazás: as recendentes e reconfortantes do Cantar dos Cantares, a Mazá da Discordia, a que dedicada “para a máis fermosa” é arroxada pola deusa descontenta Eris (a Discordia) no medio da asemblea dos deuses, preténdena Afrodita, Hera e Atenea.... búscase e elíxese como xuíz ó príncipe de Troia, París, que lla entrega a Afrodita pola súa beleza, coa conseguinte carraxe por parte das contrincantes Atenea e Hera que o subornaban con terras e sabedoría. Pola contra Afrodita ofrécelle a moza máis fermosa.Vence a beleza e o amor, Afrodita entrégalle a Pais a muller máis bela, Helena, esposa do rei espartano Menelao, pero acae a desgraza, o rapto da moza e a guerra de Troia.... E máis mazás mitolóxicas e históricas: a mazás de ouro buscadas por Hércules no extremo occidental, o Xardín das Hespérides, as mazás proféticas de Alexandro Magno, as mazás da eterna xuventude para os nórdicos e celtas, símbolo do saber transmitido. Velaí o pomar do Avalón dos gozos supraterreais, ansiado polo Rei Arturo, a maceira baixo a que ensinaba o Mago Merlín, que desto da natura sabía moito; o pomar dos Campos Elisios onde soamente entraban as almas dos heroes... a mazá definitiva de Guillerme Tell... e esa outra da lenda do apóstolo San André, camiño de Teixido, a que lle pediron os seus compañeiros peregrinos, Cristo e Pedro pra aplacar a súa sede, a cambio de concederlle o santuario ó que, algunha vez, en vida ou en morte se ha peregrinar... a roxa e brillante, tentadora e envelenada mazá das meigas, ou aquela, a que, de súpeto, caeu diante dos ollos de Newton para revelarnos a Lei da gravidade...as aromáticas mazás do caixón do escritorio que inspiraban ó poeta romántico alemán Schiller, autor da “Oda á Alegría”. As mazás, con verme ou sen verme, como símbolo do mundo.
Mazás que si se cortan en horizontal deixan ver no corazón pebidas nunha estrela de cinco puntas. A mazá é algo máis que un símbolo cósmico de porvir. Non hai paraíso sen horto de mazás, nin desbordantes cornucopias.Obsequio de fertilidade, orixe de Apple, dende a tenda londinense de Baker street e discográfica de The Beatles, á furia informática, un dos nomes e iconas máis comerciais do noso tempo.
Miles de variedades de maceiras, resultado dun antigo e constante proceso de domesticación e adaptación. Descoñecese a orixe,e que como moitas outras cousas remitimos ó Oriente. Quizais herdeiras desas maceiras de polas caídas, cubertas de flores, imprescindibles na paisaxe da pagode e da geisha. Pebidas de mazás moi comúns e atopadas en hábitats prehistóricos nosos que nos levan a unha economía de mau a boca, primeiro de maceiras silvestres, até que foi madurando a domesticación das plantas, a agricultura, e se fixeron hortas, se enxertou e se seleccionaron os froitos, creándose variedades, buscándolle aplicacións, como alimento de humanos e mais de animaliños. Mazás carnosas, doces, agreas, fariñudas...
Utilidades entre as que naceu a sidra, bebida que caracterizaba ós galaicos e que os asturicenses perpetuaron no tempo, eles mestres no seu elaborar e escanciar en rituais vellos e novos, facendo dela símbolo de identidade. Estrabón que tantos datos da sobre os galaicos no cambio de Era, di que bebían “zythos”, un zume de froitos, que historiadores identifican coa sidra ou coa cervexa. O certo é que caracterizan, dende sempre, ós pobos do extremo occidente céltico. Non hai conventín palatino, nin casona, nin ruína altomedieval asturiana que non se prece dun pomar, de lagar e prensa antiga. Algo que na Galiza das catro provincias deixamos de man, aínda que pomares resistentes haber hainos e abundantes, florecendo e dando froitos que caen e ninguén apaña, si acaso pra vendelas ou regalalas a cambio da limpeza para as fábricas de Villaviciosa. Na Bretaña faise imprescindible acompañar uns crepés ou as táboas de queixos con sidra...xa non digamos o que significa a Guinnes para Irlanda ou para nós e tan en auxe a “Estrella de Galicia”. Elixir céltico para apagar penas.
Mazás galaicas no abandono, máis de trescentas variedades, nomes como camoesa, de príncipe, anisete, marafouza, tabardilla, repinaldo, tres en ramo, tres en cunca, reineta, rabiosa, arriscada, coiro de sapo, Mingán, Morro de lebre, ollo mouro, de Ollo, cacharela, toca pandeiro, e mil nomes mais dados polos enxertadores...fronte ás que chegan dende Australia, aureoladas de publicidade e glamour, relavadas, etiquetadas, estoxadas, envoltas con todos os aloumiños en papel seda: as melindrosas “Pink Lady” (Señorita rosa), á Braeburn, a verde rabiosa Granny Smih, a “Royal Gala” de Nova Zelanda con pintiñas roxas sobre marelo, a marela Golden, a “Red Delicious”, potentemente roxa, hol1iwodiana, como envelenada da madrasta de Blanca Nieves...
Mazás para un receitario tradicional e novo inesgotable, que vai dende o zume a picada en ensalada, evitando que se oxide cunhas pingas de limón, complementando guisos... e como sobremesa, asadas, en compota, con canela, acarameladas, confeitadas... Tamén reducidas á “dieta da mazá” da que tanto saben as actrices. Febra recomendada para unha dixestión perfecta, diurética, anticolesterol, con calcio, ferro, magnesio.... antídoto, panacea dos xamáns.
A mazá, tema común na arte, máis alá das reiteradas representacións de Eva ou deusas, de reis con cetro, dunha cornucopia, dun mesón de cesta, e coloradas mazás , como as penduradas de Sánchez Cotán... Na retablística e na arquitectura barroca galega e compostelán, as sartas de pomas caracterizaron obras de mestres como Domingo Antonio de Andrade....na contemporaneidade a interpretación cubista de Cezanne, tan mirada e re-creada por Picasso.... A mazá aparece e reaparece nos supermercados, entre anuncios e titulares. E mesmo se vende en ambientador o seu arrecendo artificial.