Maruxa Mallo, unha artista galega esquecida
Maruxa Mallo (Ana María Gómez González Mallo) naceu en Viveiro o 5 de xaneiro de 1902 e morreu en Madrid o 6 de febreiro de 1995. Esta artista galega continúa a ser unha descoñecida a pesar de que nos últimos anos se publicaran obras sobre esta figura. Penso que a obra de Carme Vidal Maruxa Mallo da editorial A Nosa Terra en 1999 descubriunos a moitas e moitos a gran pintora Maruxa Mallo.
Desde esa primeira aproximación tivemos o desexo de saber máis e por iso lemos con atención a biografía que fixo da artista de Viveiro José Luis Ferris en 2004 e a tradución ao galego, de 2010, do texto de Ramón Gómez de la Serna de 1942 sobre Maruxa Mallo. Este ano tráenos novas respecto a Maruxa Mallo pois Carlos Bernárdez publica un ensaio sobre esta muller e tamén se vai publicar en inglés unha obra sobre a artista galega..
Maruxa Mallo vai pasar os primeiros anos da súa vida en Galiza e debido a que o seu pai era funcionario de alfándegas vivirá ademais de en Viveiro en Tui, Corcubión e Verín. Despois de vivir en Avilés instálase en Madrid mais seguirá mantendo relación con Galiza e nos anos 20 participa en varias exposicións e solicita unha bolsa de estudos da Deputación de Lugo.
As mulleres non podían destacar por méritos propios e iso fai que mesmo na actualidade moitas veces Maruxa Mallo só apareza mencionada porque mantivo relacións con Miguel Hernández ou Rafael Alberti. Estudaba Belas Artes igual que Dalí ou Buñuel. Nese tempo entrará en contacto con Lorca da Residencia de Estudantes. Maruxa Mallo participará con eles en tertulias e nesta época, a finais dos anos 20, protagoniza dous sucesos que reivindicará ao longo da súa vida como mostra da súa independencia e liberdade.
Un deles, denominado o sensombreirismo, é que xunto con Margarita Manso paseará polo centro de Madrid coa cabeza ao descuberto como forma de mostrar que ser vangardista era romper as normas. Noutra ocasión, un grupo de amigos foron ao mosteiro de Silos para ouvir os cantos gregorianos e na igrexa non estaba permitida a entrada a mulleres. Puxeron as chaquetas de pantalóns e cubriron o cabelo cunhas gorras e entraron. Maruxa Mallo sempre atopou unha maneira de superar os obstáculos que lle ían aparecendo no camiño.
O nome de Maruxa Mallo representa a arte na súa totalidade. Unha muller que durante toda a súa vida loitou para que se valorase a súa obra. Era consciente da desigualdade social que relegaba as mulleres a un segundo plano polo que mantivo ao longo da súa vida unha actitude desafiante contra o que non consideraba xusto. Era un espírito libre a quen as convencións e tradicións non detiña.
O moderno para Maruxa Mallo era o futuro e nel non debían funcionar as diferenzas por xénero que estaban tan estabelecidas. Gozou das diversións e da vida mais toda a súa obra mostra que como artista era moi disciplinada. Hai que destacar que viviu de pintar desde moi nova.
A súa vida non responde ao modelo tradicional machista. Ela non encaixa nunha sociedade tan retrógada e vai levar unha vida adiantada moitos anos aos seus tempos. A súa formación como pintora é o primordial e todo o seu traballo vaise ver recoñecido desde un comezo pois as súas obras recibirán sempre boas críticas.
Nos anos 30 viaxa a París e a súa exposición terá un grande éxito. André Breton merca un cadro seu pois a súa pintura simboliza o surrealismo do que o escritor é o máximo representante. Volve a Madrid e pasa do compromiso persoal ao político ao participar de forma activa nas Misións Pedagóxicas. Nesta época entra en bicicleta na igrexa no medio dunha misa en Arévalo (Segovia) o que conleva un escándalo na vila.
Pouco antes do estoupido da Guerra Civil vén vivir a Galiza onde ademais de dar aulas comeza unha nova temática que se truncará e da que só quedan os bocexos do Caderno de Galiza onde aparecen peixes, redes e moitos elementos do noso mar que a impactaron desde pequena. Vive agochada durante seis meses en Vigo e despois logra fuxir a Portugal. En Lisboa está baixo a protección de Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Portugal, e consegue embarcar para Bos Aires.
O exilio marca aínda máis a soidade de Maruxa Mallo mais afronta con traballo esta situación adversa. É recibida como grande artista e enseguida realiza exposicións e imparte conferencias. Relaciónase cos galegos do exilio, sobre todo con Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Eduardo Blanco Amor. No verán de 1938 envía ao xornal catalán La Vanguardia o seu único escrito político: "Relato veraz de la realidad en Galicia" onde conta as atrocidades que se cometen en Galiza, os asasinatos de Bóveda, Johán Carballeira, de mariñeiros, mestras...
Esta muller loitadora trunfa tamén en América e chega a expor en Nova York e novamente en París. A súa pintura cambia e evoluciona dunha forma sorprendente. Fai proxectos e proba con novos materiais. Na súa obra América ten un gran protagonismo. A atracción que sentía polo mar renace con forza e as estrelas de mar, as algas... están presentes na súa pintura. Maruxa Mallo é unha persoa en constante construción e que nunca na súa vida se vai acomodar pois considera que é un perigo para a súa creatividade.
A comezos dos 60 decide volver a Madrid. O regreso, como para a maioría dos exiliados, é traumático. A grande dor que sente pola ausencia dos amigos desaparecidos, a lembranza dos tempos pasados e sobre todo a situación de represión da ditadura fará que teña que agardar á morte de Franco para volver ser a auténtica Maruxa Mallo.
A partir dos 80 chégalle algún recoñecemento que nalgúns casos debido á enfermidade xa non poderá gozar. Realízanse exposicións da súa obra e destaca a do Centro Galego de Arte Contemporánea en 1993 que inaugura o museo. Maruxa Mallo ten unha obra valiosa que nos é descoñecida pois non hai un museo dedicado a esta artista de Viveiro. A última vez que estivo en Galiza unha exposición monográfica de Maruxa Mallo foi hai máis dun ano en Vigo. A mostra foi moi visitada pois os galegos e galegas temos un interese pola nosa arte que non é compartido polos que nos gobernan. É necesario reivindicar a creación dun museo onde puidermos visitar a obra de Maruxa Mallo.