Mares galegos versus Rías
É de ademirar a capacidade do porto de Vigo para recibir barcos de calquer calado. Dende a xanela da miña casa estou vendo atracar o maior trasatlántico do mundo.
Ainda lembro a aventura duns galegos que foron mercar un barco deportivo a un coñecido porto francés especializado nise tipo de embarcación,LA ROCHELLE.
Feito xa o trato decidiron voltar por mar estrenando a sua recente compra, pero non contaron cun pequeño detalle:
Daquel importante porto non se podía sair coa maré baixa !
Houbo que esperar a que enchera o mar para poder desatracar e retornar ao noso Pais.
Vaiche boa diferencia cos nosos portos de onde se pode sair e entrar a calquer hora !
Teño ouvido falar que en tempos, a armada inglesa tiña posto en consideración a posibilidade de usar o MAR DA AROUSA como porto seguro para as recaladas da sua flota.
Como a un fenómeno xeolóxico , económico e estratéxico tan importante se lle pode dar o menguado nome de RÍAS??
Somos dos que pensamos que o que hoxe se chaman “las rias gallegas” foron tradicionalmente chamadas de MARES.
Os nosos poetas antigos sempre o tiveron claro ; Martín Codax dialoga coas ondas DO MAR DE VIGO, e non da Ría de Vigo, ao preguntar ,ONDE ESTARÁ O MEU AMIGO? e ainda un poeta mais moderno como Luis Rodríguez Seoane ,amonéstanos co seu:
MAR POR QUEN TRISTE SOLUÇO,
MAR DA LANZADA, MEU MAR !
Ou López Abente coa sua elexía O MEU MAR.
Sen esquecer AS ONDAS DO MAR DE CANGAS SOÑOS DE MEDO TECÍAN…… de Celso Emilio Ferreiro.
Noso pobo mariñeiro así o entende cando expresa que fulano, ANDA AO MAR, ou sexa traballa no mar, e nunca di “ fulano anda á Ría”.
Un cartaziño que se ve moito agora nos bares é o de “Peixe da Ría” que está substituindo a expresión antiga de “Peixe do día “ ou “Peixe do FRESCO”.
Mesmo xeograficamente falando,o mar de Vigo non se pode entender como un ancheamento do río Oitavén,nen o MAR DA AROUSA é un agrandamento do Ulla,senón que é o mar, o alto do mar, que entra a saco na terra.
Suspeitamos que o chamadeiro de Rías debe proceder de querer homologar o particular fenómeno xeolóxico noso, no esquema español de “las rías del Nalón o del Nervión ” ou nos “fiordos “ noruegueses.
Sempre a mesma teima de negar a orixinalidade das nosas cousas , de sermos NÓS, tanto é que, até políticamente, queren encaixar ao nacionalismo entre os partidos mediáticos do SISTEMA.!
A agua das nosas costas é mar ! , e chega con levala á boca para comprendelo, como así o entende o noso pobo e o expresaron os nosos poetas.
Ise MAR que xenerou , na boca do pobo,a palabra BRÉTEMA, como un neboeiro procedente do MAR: NÉBOA MARÍTIMA > BARÉTEMA >BERÉTEMA > BRÉTEMA.
Se cadra,unha ría galega,no sentido das do Cantábrico podería ser o esteiro do Miño. Aí temos un río que anchea ao deitar no mar.
Popularmente escoitamos a palabra Ría (de abaixo e de arriba ), na parroquia de Marcón, nun lugar ben alonxado do mar, e debe ter ise nome por razóns ben diferentes que xa aventuramos no seu dia.
De onde saiu a denominación de, RÍAS BAIXAS?
Para denominar a terra viciña ao mar fanno do xeito mais natural os lugueses do Norte chamándolle á sua beiramar , A MARIÑA,ou sexa, a MARINEA TERRA, que nos lembra “ a pedra da MULLER MARIÑA”, xeito popular de chamar ás sireas do mar.
Ainda me teño atopado con xentes que falan da nosa Terra como do Noroeste; Ao noroeste de quén?;A nosa Terra é o centro do mundo ! Do noso mundo !
Enchamos a nosa boca coa grandura dos nosos MARES e desterremos da nos língua a miséria escolar das Rías.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.