Manuel María e a Historia Medieval

Manuel María e a Historia Medieval

Compañeiros de traballo comentan a veces que nos faltan textos e material educativo sobre a historia medieval. É verdade que para algunha cuestión puntual escasean bos textos e sobre todo que estean en galego. Non é casualidade.

A historia agochada: dende o Reino suevo ata o Mariscal Pardo de Cela.

Sabiano ben Murguía que estudia e novela a Xelmírez, ao igual que Otero Pedrayo (A romería se Xelmírez). Sabíano ben Antón Vilar Ponte e Ramón Cabanillas por iso crearon O Mariscal.

Un dos creadores galegos que máis obra ten dedicada a etapa medieval foi Luís Seoane. Na poesía destaca Na brétema Santiago. Aquí temos O mestre das Platerías ou Oración do artista que volta:

dende moi lonxe vimos camiñando/ para atopar cos ollos/esta terra nosa/ Túa e nosa, Mestre Mateo.

Seoane quería meter a historia de Galicia nas tabernas, popularizar e divulgar a historia oculta. De aí as xerras de Sargadelos cos rostros de Priscliano, San Rosendo, Rei García, O mestre Mateo, Xelmírez, Paio Gómez Charino, Martin Codax, María Balteira, Inés de Castro, Roi Xordo, etc.

Manuel María ademais de ser un excelente poeta foi un gran divulgador da historia de Galicia. Sen ter en conta obras teatrais (como por exemplo Unha vez foi o trebón que se sitúa nas loitas irmandiñas) só na poesía a súa obra está chea de referencias á época medieval. Consciente era de que esta etapa histórica, onde se formou e conformou a personalidade de Galicia, era sistematicamente negada e deturpada.

Xa, nun libro que ten carenta anos, en Remol (1970) temos o poema titulado Os irmandiños:

Qué foi da forza que un días vos puxo
en pé de guerra? Que foi do facho xusticieiro-
lume, machado, fouce-
que percorreu e sacudiu ao corpo
vello, cansado e aldraxado de Galicia?

No Libro das baladas (1978) temos unha dedicada a María Balteira; en As rúas do vento ceibe (1979) recurre outra vez o temos dos irmandiños, nesta ocasión titulado A revolución irmandiña, seguindo con O Mariscal Pardo de Cela; as cantigas medievais, na forma e no fondo so tema recurrente do autor de A primavera de Venus. No Cantigueiro de Orcellón (1984) por exemplo, temos un excelente Homenaxe a Pero Meogo en Banga.

En Oráculos para cavaliños do demo (1986) son protagonistas personaxes como Prisciliano, San Martiño Dumiense, O rei García, Roi Xordo e outra vez Pedro Pardo de Cela:

Cando te puxeche da banda de Galiza
Declareime, para sempre, o teu vasalo

Personaxes como Inés de Castro teñen protagonismo no Cancioneiro de Monforte de Lemos (1990); en Poemas a Compostela (1993) destacamos o Pórtico da Groria e en Cantigas e cantos de Pantón (1994), practicamente todo é un Cántico do románico deste concello lucense

Escoito a veces a compañeiros de traballo dicir que non temos material educativo e didáctico para esta etapa da historia. Só a obra de Manuel María daría, da, para un curso enteiro!