Manuel Antonio e Lois Pereiro: náufragos do paraíso
O azar, que algúns consideran destino, fai coincidir no tempo unha boa nova para os lectores/as (sempre escasos) de poesía galega: a ampliación do corpus textual do rianxeiro Manuel Antonio, mediante a próxima saída á luz do primeiro volume da súa obra completa, en edición da Real Academia Galega, e asemade, a publicación das Conversas ultramarinas de Lois Pereiro, no selo de Edicións Positivas, vencellada, desde os inicios da década dos noventa, á divulgación da obra poética do autor monfortino.
Esta coincidencia permítenos establecer, nun salto temporal que procura puntos de encontro entre ambos escritores, un suxerente paralelismo na súa forma de concibir o acto poético. Porque máis alá das obvias diverxencias provocadas polo contexto histórico e as circunstancias biográficas, detéctase, na súa obra, unha especie de alento común, un espírito de radical autenticidade. Ou dito doutro modo: unha conciencia da poesía como espazo do límite, como un lugar onde a palabra está sempre a piques de non dicir, de romper en mil anacos, afogada entre o silencio e a morte.
Enfrontámonos, pois, a dúas poéticas do naufraxio; nun caso, o de Manuel Antonio, no seu inimitábel De catro a catro, compartimos, desde dentro da conciencia da propia nave, unha singradura que nos conduce a un Mais Alá simbólico, a un Mar depurado de todo rastro de faramalla costumista; o Mar é só un espazo mental, unha paisaxe interior adornada con roupaxes de vangarda, mais con espírito de enigma romántico, de saudade ontolóxica.
Certa tonalidade existencial, debedora da literatura centroeuropea, aniña tamén na lírica de Lois Pereiro; na súa obra (un fulgor escuro) a poesía foxe das columnas de mármore, das estatuas de bronce, do simbolismo preciosista de moitos dos seus contemporáneos; e, de súpeto, a contracorrente, ofrece estética urbana, cartografías berlinesas, destrución e anarquía; e, de fondo, como un paraíso perdido, a experiencia do amor. Esa imposíbel salvación. Ou un epitafio que cospe, como un derradeiro desafío, contra a solemnidade.
Quizais os dous poetas, finalmente, son rosalianos case sen querelo: pois ambos mollan en cada verso a pluma no seu sangue, escriben desde a conciencia dun regreso imposíbel á infancia ou ao amor, desde a aceptación de que o acto de vivir constitúe un breve intervalo entre dous muros de silencio. E nesa escrita desde o propio sangue, desde os fluídos dunha poesía á marxe das modas, rebentan as costuras da lírica galega do seu tempo. Por iso os seus poemas transmiten unha actitude punk, anarquista, periférica, non domesticada. Porque ningún deles entende a poesía como unha brincadeira sentimental ou un artefacto ideolóxico, senón como un espazo de incerteza ao límite do abismo.
Manuel Antonio e Lois Pereiro: francontiradores e diverxentes, periféricos e individualistas; poetas que non deixan nin escola nin tendencia. Náufragos expulsados de calquera paraíso. Quizais como Xela Arias, outro rostro xemelgo na escola da intemperie.
E a nós, nos vindeiros meses, só nos queda estar atentos aos matices e perspectivas que vaian agromando deses textos aínda por descubrir, e rogar, se for posíbel, que os fastos e as homenaxes non reduzan a presenza pública de ambos poetas a un cerimonial para as estatuas.