Malos tempos para a cultura

Malos tempos para a cultura

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------

Logo de anos de grandes investimentos en infraestruturas e actividades culturais, moitas delas excesivas e innecesarias, de relumbrón, para aparentar, para non ser menos que os demais, para elevar o ego do político de quenda, mentres se abandonaba outros aspectos culturais menos lucidos para facer política pero máis beneficiosos, eficaces e equitativos á hora de conservar, divulgar e enaltecer o noso patrimonio, agora que se mira a ver de onde se pode rebaixar un euro nunha partida do orzamento de todas as administracións públicas, a Cultura é a que leva a peor parte, especialmente polos gobernos da dereita que sempre viron as manifestacións culturais con certa reticencia, como cousa da esquerda, de xente incómoda, tal vez debido a ese pouso que quedou de cando non estaba permitido facer política na legalidade e se agachaba en cineclubs, galerías de arte e asociacións, como a de Amigos da UNESCO, onde se facía política ademais de actividades culturais.

Desaparición do ministerio e da consellería de Cultura


Un feito significativo, que di moito do valor que a dereita outorga ao tema cultural, é que o primeiro que fixo Mariano Rajoy ao formar o seu Goberno, foi eliminar o Ministerio de Cultura para rebaixalo á categoría dunha Secretaría de Estado. Aquí Núñez Feijoo fixo algo parecido integrando a secretaría na consellería de Educación, o que é verdade que xa ocorrera ao comezo da autonomía, unha manobra de Fernández Albor para desfacerse de Filgueira Valverde. Núñez Feijoo repetiu agora a xogada, unha destitución en toda regra do que era titular Roberto Varela, por elevación a unha embaixada, para agradecerlle os servizos prestados. O malo é que premiou inmerecidamente a Jesús Vázquez aumentando as competencias da consellería de Educación.

A dereita non ten reparo en aplicar a cita latina, atribuída a Hobbes, Primun vivere deinde philosophare. Pensan que as cousas da cultura non son necesarias, que se pode prescindir delas, que investir en Cultura é malgastar o diñeiro, de maneira que o primeiro, o inmediato, é atender cousas máis urxentes e necesarias, primeiro ter o bandullo cheo, unha necesidade puramente animal, e cando sobre diñeiro xa se investirá en alimentar o espírito, poñendo a xaxún unha parte inmaterial do noso corpo que é precisamente o que nos dá a categoría de seres racionais.

Os que así pensan, son contraditorios na súa política, porque por unha banda din que lles preocupa a Cultura e a creación de emprego, pero por outro o destrúen coas súas actuacións. Carecen da agudeza necesaria para comprender o que achega a unha economía o que se chama industria cultural. Cando se fai unha representación teatral, un concerto, un ballet, unha exposición, se edita un libro, se fai unha película ou se abre un museo, hai moitas persoas e familias que viven de exercer o seu traballo como produtor, iluminador, actor, músico, escultor, pintor, escritor, vixiante ou conservador dun museo, por poñer algún exemplo.

Detrás dunha actividade cultural hai o traballo dunhas persoas que xeralmente fixeron uns estudos coa finalidade de facer deles a súa profesión, de vivir dela e para ela. Cando se recorta en Cultura non só nos empobrecemos intelectualmente, senón tamén persoalmente porque tamén se xera paro. Os tempos de facer actividade cultural “por amor á Arte”, son do pasado, cando se cría que o voluntarioso participante nun acto cultural, estaba obrigado a gastar o seu tempo e o seu diñeiro a favor da colectividade, considerándose gratificado co mero feito da súa participación.

Investir ben


A crise actual debería servir para investir mellor non para descapitalizar a un sector que ademais de prestar un servizo á sociedade, crea moitos postos de traballo directos e contribúe en boa medida ao mantemento doutros indirectos, especialmente no sector turístico.

Seguramente estamos de acordo en que hai que racionalizar o investimento, pero non dun xeito tan drástico. Os recentemente presentados orzamentos do Estado, destinados exclusivamente a cultura, teñen un monto de 759,94 millóns de euros, fai catro anos eran de 1.220 millóns de euros. Desde que comezou a crise a finais de 2008 os fondos estatais para cultura reducíronse un 37,7%.

Dentro deste principio de investir ben, posiblemente está a iniciativa do BNG presentada no Palamento de Galicia para aforra 140 millóns de euros paralizando definitivamente a construción dos dous edificios do Gaiás que quedan por facer. Porque non só se trata de aforrar agora senón no futuro, porque estas infraestruturas, sen facer nada nelas xa teñen uns gastos de mantemento colosais que van levar unha boa parte do orzamento da Xunta destinado a Cultura.

O exconselleiro Roberto Varela, dicía nunha entrevista (El País, 6-04. Galicia, páx. 5), que non había alternativas para o Gaiás: “No se puede ni destruir ni convertir en oficinas, porque sería tres veces más caro, y tampoco se puede dejar. Si se abandona, el Gaiás será un monumento al fracaso”. Pero ahora que ya no es conselleiro reconoce ese fracaso cuando dice “Por desgracia, los primeros edificios en abrirse, la biblioteca y el archivo, son los que menos visitantes atraen, pero ese error no ha sido nuestro. Mi esperanza está puesta en el museo y en su capacidad dinamizadora. Es una pena que vaya a tener delante un agujero”.


,É claro que el non é responsable da construción da biblioteca e do arquivo, pero si os gobernos do PP que alentaron e iniciaron a súa construción para tal fin. É verdade, e doulle a razón, que os visitantes, os turistas non se desprazan para ver libros ou papeis, queren ver museos, o malo é que o que Roberto Varela chama “museo”, xa o apuntamos noutro artigo, é unha sala de exposicións, que se vai abrir cunha exposición temporal titulada Gallaecia Petrea, cuxo custo é dun millón e medio de euros, o que non deixa de ser outro despropósito e unha mostra de malgasto. Só o transporte das pezas ten un orzamento de medio millón. Logo dos seis meses que permanecerá aberta, o mal chamado “museo” volverá quedar baleiro, cando con ese investimento se podía montar un museo permanente.

Mentres os restos arqueolóxicos da Casa do Mitreo en Lugo, que deberían de estar musealizados fai tres anos, logo de dar varias datas seguen no mesmo estado de abandono, prometendo agora que o estarán a finais deste ano, porque estaremos en vésperas de eleccións. Xa veremos cando se vai a abrir o Museo da Cidade e das Peregrinacións de Santiago, co seu edificio xa terminado, ou cando se van a iniciar as obras do futuro Centro da Romanización de Lugo que leva dous anos paralizado. Como é habitual na precampaña amosarán o proxecto e daranos unha data falsa para o seu funcionamento, pensando que todos somos parvos.

Corren malos tempos para todo e tamén para a Cultura. Por primeira vez tiven que pagar por ver unha exposición na Fundación Caixa Galicia de Santiago para ver seis vestidos de Balenciaga e unhas fotos con algunha das súas creacións. Non me importou pagar 2 euros, é unha contribución que fago con gusto porque tamén noutras partes se cobra, pero me alarmou porque creo que isto significa o principio do fin desta institución.