Lois Peña Novo e o galego no Concello da Coruña noventa anos despois

Lois Peña Novo e o galego no Concello da Coruña noventa anos despois

Acontece, entre outros moitos exemplos que poderían ser, co de Lois Peña Novo, primeiro concelleiro nacionalista da historia de Galiza electo nunha institución municipal, neste caso o Concello da Coruña, en 1920. O grao de descoñecemento da súa figura, como a de tantas outras do tempo das Irmandades e tamén doutras épocas, é inversalmente proporcional ao grao de importancia simbólica pola que hoxe, 7 de xullo, o lembramos, con máis razón, forza e necesidade que nunca: Lois Peña foi o primeiro edil electo da nosa historia moderna que empregou o galego nun discurso oficial no salón de plenos dun consistorio do noso país, cando menos documentalmente rexistrado; neste caso, no da súa toma de posesión como membro da corporación coruñesa, electo polo distrito que hoxe comprende o barrio de Monte Alto, As Atochas e o Campo da Leña. Outro senlleiro inspirador do noso primeiro nacionalismo político e hiperactivo membro da Irmandade da Fala coruñesa, Antón Vilar Ponte, ficara fóra por poucos votos.

Non porfiarei na vida e traxectoria de Peña Novo, logo de que xa o fixese ben recentemente a nosa compañeira Ermitas Valencia a través dun outro artigo publicado neste mesmo dixital. Porén, si que reparar na súa figura, na súa vinculación á Irmandade da Fala coruñesa desde 1917 e, sobre todo, na aposta coherente polo emprego sistemático e público do galego en todo tipo de situacións que batían co muro do prexuízo diglósico ferreñamente estabelecido, leva case que obrigadamente a unha profunda reflexión motivada pola túzara actualidade do debate que, como as marés, enchoupa a cada pouco o frontispicio do Palacio Municipal de María Pita. Si, ese mesmo que define a cidade da que son veciño e que me viu nacer como "cabeza, chave, garda e antemural do Reino de Galiza". Maior constatación de que, mal que pese, A Coruña é galega?

A constatación desa galeguidade da Coruña, contraditoria mais indiscutíbel ao fin e ao cabo, debíalles andar tamén no miolo ás persoas que promoveron e axiña afortalaron a Irmandade da Fala coruñesa como unha das primeiras e a máis activa de todo o país; galeguidade que, de seguro, era ademais naquela altura moito máis evidente por toda parte. E debeu de ser tamén a que motivou aquel mozo vilalbés chamado Lois Peña Novo, recén licenciado en Dereito, para perpetrar, unha vez que foi electo concelleiro, unha acción sen dúbida transgresora, revolucionaria con todas as letras: usar o galego para ler o seu discurso oficial de toma de posesión; a lingua do país, a lingua da xente, a lingua dos barrios, a lingua do extrarradio coruñés, a das peixeiras do Muro e e a das xentes do antigo concello de Oza, a das leiteiras, a dos obreiros da fábrica de gas do Orzán. Con aquel ¿pequeno? xesto, Lois Peña, encanto primeiro representante institucional do nacionalismo político así declarado, contribuía a dinamitar unha das máis sólidas barreiras da diglosia. De súpeto, o galego non só valía para compor versos e para hablarle a las muchachas de la aldea, como chegaría a dicir Julio Camba, senón que era útil e válido como o que máis para empregar acotío na vida administrativa e institucional, para usar publicamente naqueles espazos que tivera restrinxidos até aquel momento desde había cando menos catro séculos. E facíao, ademais, nun concello, institución especialmente asociada ao poder foráneo, nada menos que nunha cidade!

Pasaron desde aquel 7 de xullo de 1920 no que Lois Peña Novo tomou posesión como concelleiro electo polo distrito terceiro no Concello da Coruña, empregando o galego. Andando o tempo, habería que agardar até 1979 para escoitar de novo o noso idioma nese salón de plenos municipais; lingua que, malia ser a habitual de máis do 40% das veciñas e veciños pagadores de impostos da cidade, entre 1983 e 1995 volvería enmudecer. Só coa volta de representantes nacionalistas á institución foi posíbel.

A verdade é que dá para pensar: realmente hai que agardar a que o nacionalismo teña presenza nas institucións -chámense concellos, deputacións, parlamentos -para que o galego sexa unha lingua visíbel, pública, audíbel e con valor de seu alén de folclorismos puntuais e accesorios? Así aconteceu en 1920. Así volveu acontecer en 1979 e 1995. Volvería desaparecer o galego da vida pública e institucional diaria, alén de ritualismos esotéricos, se o nacionalismo desaparecese das institucións? Se positiva for a resposta, só cabe cualificar de cínicos aqueles que aínda teñen a valentía de acusar o nacionalismo de "apropiarse" da defensa do galego. Mellor aprópiense todos del, e fágano xa! Róubeno, fúrteno, fagan o que queiran. Pero por favor, cóllano!