Lermos a nosa literatura


A nosa literatura actual caracterízase por estar nun momento de auxe en canto á creación e edición mais isto non se reflicte socialmente. Hoxe en día as obras da literatura galega teñen moita calidade. Podemos atopar diferentes temáticas e estilos o que fai que haxa libros para todos os gustos.

Este ano 2010 foi declarado Ano do Libro e da Lectura en Galiza. Unha ocasión que non se está a aproveitar desde o goberno para promocionar o libro e a lectura galega. Segundo os datos sobre os hábitos de lectura, en Galiza le o 54'9% e desa porcentaxe faino de forma habitual en galego o 7'4% e ocasionalmente en galego o 55'1%, quer dicir, que das persoas que len en Galiza a maioría len en español e ademais hai unha parte significativa que non le nada en galego. Os índices de lectura aumentaron nos últimos anos mais debemos contribuír a que suban os índices de lectura en galego.

Os autores e autoras das obras que nos fan soñar, aprender, pensar, rir, chorar... necesítannos, a nós, lectores e lectoras. As feiras do libro e as librarías son espazos para atoparmos os nosos escritores e escritoras a través dos libros. O pasado sábado, Marcos Calveiro, cun pregón reivindicativo sobre a importancia dos libros e a necesidade de lermos a nosa literatura, inaugurou a feira do libro de Santiago de Compostela

Celebremos o Día das Letras Galegas mergullados/as nun libro galego e continuemos esa experiencia todos os días. Lermos en galego é un acto subversivo pois é unha maneira de rebelión. Tamén é un acto revelador porque imos descubrir unha riqueza que nos emocionará, sorprenderá e impresionará. Nós, os lectores e as lectoras, tamén necesitamos os escritores e escritoras pois conforman a nosa identidade cultural. Fan que as nosas referencias literarias sexan propias e orixinais.

En maio, e todo o ano, debemos defender a nosa lingua e tamén a nosa literatura. A mellor maneira é séndomos militantes da cultura galega. O noso orgullo de sermos galegos e galegas debe manifestarse nos nosos actos cotiáns. A lectura de libros galegos é un acto que nos identifica. A cultura non debe ser só palabras senón tamén feitos. Feitos como mercar libros galegos, música galega, arte galega, porque iso tamén forma parte do noso compromiso e da nosa vida.

Para moitas persoas a literatura galega aínda é un descubrimento por facer. Axudemos a estender a nosa literatura agasallando libros galegos ás persoas que queremos. É unha forma de demostrar o noso cariño cara a eles/as e tamén cara a nós mesmos/as pois a literatura é parte da identidade cultural do noso pobo. Fagamos de activistas literarios/as nas nosas relacións sociais e persoais. Sexamos embaixadores/as da nosa literatura.

A nosa historia literaria é unha mostra de compromiso e dignidade colectiva. Desde Rosalía de Castro até a actualidade, con Castelao, Eduardo Blanco Amor, Manuel María ou Uxío Novoneyra e moitos/as máis, a literatura identificouse con Galiza. Foron persoas conscientes da realidade da nosa nación que en etapas difíciles da nosa historia tiñan na fronte unha estrela e no bico un cantar. As palabras cambian o mundo, como manifestou Agustín Fernández Paz o ano pasado no acto de entrega dos Premios Xerais.

Os autores/as da literatura actual mostran unha identificación co país e por iso nos momentos críticos en que se ataca a nosa lingua e cultura non se mostran indiferentes. Forman parte do grupo comprometido da nosa sociedade que en situacións adversas se enfrontan ao poder. Este ano once escritores e escritoras que gañaron os Premios de Literatura do Ministerio de Cultura de España pediron publicamente a dimisión do conselleiro de Cultura, Roberto Varela. Este xesto permítenos ver a dignidade dos nosos autores e autoras actuais.

Tamén houbo e hai quen, de diferentes xeitos, consciente ou inconscientemente, cuestionan a propia existencia da literatura galega ao faceren declaracións que tanto prexudican á nosa literatura, cultura e lingua. A característica deste grupo é que se queixan continuamente da ingratitude deste país e critican o compromiso dos escritores e escritoras que pensan en Galiza. Os medios de comunicación danlle voz e representan en 2010 a literatura galega na feira do libro de Madrid ou Bos Aires.

É preocupante o descoñecemento pola maior parte da sociedade galega da nosa literatura, en xeral, e da literatura actual, en particular. O colonialismo maniféstase nos prexuízos que temos tamén en relación á literatura de noso. Preconceptos como "a min non me gusta a literatura galega actual" desde a ignorancia; ou prexuízos como a súa incomprensión, dificultade de ler en galego, están moi asentados. As orixes e causas destes prexuízos é o proceso de asimilación lingüístico e cultural que sufrimos. É perigoso interiorizar estas ideas porque nos levan ao pesimismo e á autodestrución.

A nómina de escritores e escritoras actuais dos diferentes xéneros é extensa. Lermos Diego Ameixeiras, Anxos Sumai, Marcos S. Calveiro, Teresa Moure, Xavier Queipo, Eva Moreda, Carlos Negro, Marta Dacosta, Manuel Lourenzo, Dores Tembrás, Xiana Arias, Manuel Rivas, Rosa Aneiros, Rubén Ruibal, Antón Riveiro Coello, Pilar Pallarés, Teresa González, Miguel Anxo Murado, Kiko da Silva, Antía Otero... é un acto reivindicativo. Con el somos diferentes, existimos.

Lermos a nosa literatura actual asegura a existencia da literatura nacional. De que serve a lingua se non hai falantes? De que serve a literatura se non hai lectores e lectoras? A lingua e a literatura van da man como expresou no discurso de ingreso na RAG Manuel Rivas. Usemos o galego, existamos en galego e gocemos co galego das obras dos nosos escritores e escritoras.

O domingo foi o día dos maios, festa tradicional na que se lle dá a benvida á primavera. O maio máis coñecido é o de Manuel Curros Enríquez:

Eu sonvos o probe
do pobo galego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno! ...

Esta denuncia da realidade debe servirnos para cambiarmos a sociedade. A literatura fai que deixemos de ser pobres de espírito e así puider afirmar algún día que nas letras galegas sempre é maio e que non hai inverno.