Lermos a nosa banda deseñada

Lermos a nosa banda deseñada

A banda deseñada galega na actualidade é moi importante tanto en cantidade como en calidade. O momento actual de recoñecemento é resultado dunha traxectoria con autores consolidados como Miguelanxo Prado, Xaquín Marín, Siro, Calros Silvar ou Pepe Carreiro. Xa nos anos 70, 80 do século pasado en Galiza houbo un movemento importante de fanzines, revistas, nos que a banda deseñada ocupaba un papel relevante.

A nosa banda deseñada cada día adquire máis seguidores/as e isto fai posíbel proxectos como Bd Banda, El Patito Editorial ou Factoría K. O obxectivo é consolidar a banda deseñada e intentar chegar a máis público con novas propostas de calidade. Hai un público potencial que sería o lector/a de banda deseñada tradicional (Tintín, Astérix, entre outros). A xente con interese pola ilustración tamén valora a banda deseñada como ámbito que combina debuxo e texto. As posibilidades que ofrece a banda deseñada fai que todas as persoas poidamos gozar dalgún dos seus diferentes aspectos.

Unha das características dos autores e autoras de banda deseñada é a súa pertenza a grupos ou colectivos e así publicar de forma conxunta. Na actualidade destaca o colectivo Polaqia coa revista Barsowia e a revista Retranca que desde 2007 critica a realidade co noso humor. Un humor que non é inofensivo pois provocou a censura por parte da Consellaría de Educación dunha revista escolar que publicaba unha ilustración de Retranca. O humor, igual que en Castelao e no Carrabouxo, serve en Retranca para denunciar as inxustizas contra o noso idioma.

Nos últimos anos a importancia dos autores e autoras na nosa banda deseñada tivo un recoñecemento por parte das institucións. En 2005 a Deputación da Coruña creou o Premio de banda deseñada Castelao a obras inéditas en galego. En 2006 comezou Gzcrea, certame galego a creadores/as novos/as, cun apartado para a banda deseñada. Estas iniciativas súmanse ás xornadas de banda deseñada de Ourense que son as de máis traxectoria no noso país pois o ano pasado celebraron a XXI edición.

A situación dependente de Galiza reflíctese na banda deseñada. Moitos autores e autoras galegos recoñecidos fóra aquí non publican. O exemplo máis coñecido é o de Miguelanxo Prado que trunfa en Estados Unidos e Francia. Os orixinais das súas obras están en galego mais son poucos os álbums que podemos ler na nosa lingua. O caso de Miguelanxo Prado non é o único. Das Pastoras, David Rubín ou Enma Ríos son máis recoñecidos fóra que en Galiza.

A consecuencia é que nos sorprendemos do éxito de autores/as galegos/as de banda deseñada fóra porque ignoramos a propia banda deseñada galega. O descoñecemento da banda deseñada galega aínda é maior que da literatura galega. A banda deseñada sitúase nas marxes da literatura con prexuízos e tópicos sobre a súa calidade que son difíciles de superar. Non coñecemos este xénero porque non ten visibilidade e así chegamos a conclusións erradas de pensar que é un fenómeno que copia modelos foráneos porque coñecemos tradicións alleas.

A situación da banda deseñada é complexa debido a que non é un xénero consolidado o que implica as dificultades de edición, publicidade e venda. Este mundo emerxente de creatividade é unha oportunidade para a normalización. Os mozos e mozas son os grandes consumidores da banda deseñada. O coñecemento da banda deseñada galega supón un achegamento á nosa lingua e á nosa literatura.

Un exemplo da necesidade de empregarmos a banda deseñada na xente nova pode ser a experiencia que o Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza desenvolveu nos centros de ensino co proxecto Terra. Este proxecto cultural pretende transmitir ao alumnado os cambios na arquitectura e no territorio galego. A banda deseñada A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado forma parte do proxecto. O éxito conseguiuse en parte coa lectura de A mansión dos Pampín. Os rapaces e rapazas valoran a banda deseñada polo aspecto visual e pola súa linguaxe diferente.

Unha boa ocasión para achegármonos ao mundo da banda deseñada témola en Viñetas desde o Atlántico, o festival da banda deseñada da Coruña, que se celebra do 9 ao 15 de agosto. Desde 1998 esta feira da banda deseñada é un referente onde podemos apreciar diferentes autores nacionais e internacionais. Durante unha semana A Coruña convértese nunha cidade diferente grazas ao cómic. A cidade herculina acolle o público entusiasta da banda deseñada que ve exposicións, participa en conferencias e descobre novas publicacións.

Desde a primeira edición de Viñetas desde o Atlántico a presenza de público aumentou pois a banda deseñada cada ano ten máis seguidores/as. A Coruña convértese nunha cita importante xa que ofrece a posibilidade de coñecermos novos autores e autoras e de admirarmos exposicións de autores/as consolidados/as. A visita a Viñetas desde o Atlántico podémola completar coa feira do libro e a feira de artesanía que coinciden no tempo.