Lembrar doe


Tiña en mente o atrevemento de expresar que política cómpre. Acabo de ler "Todo é silencio" de M. Rivas, un romance intimista, unha intensa ollada ao espello da anterior "Os libros arden mal". Desde esa impresión descarto o devandito atrevemento para máis tarde e asumo outro.

Nos días 14-15 todo era "memoria" das vítimas na Coruña. Con calma os coruñeses pasearon por San Amaro e deixaron para a historia os nomes de tantos e tantas vítimas da sublevación militar-fascista de 1936. Sectores houbo que nin asistiron.

John Thompson (Montana, EUA, 1971). Na súa obra de análise da novela galega, "As novelas da memoria, trauma e representación da historia na Galiza contemporánea" , 2008," explora novos vieiros de pensamento en relación coa historia e a memoria da 2ª República, a guerra civil e a ditadura. A tese principal que se defende, argumenta que para que esta memoria destes feitos e etapas se espalle con máis forza na sociedade, é preciso póla en diálogo coas cuestións sociais, políticas e teóricas que máis concirnen á sociedade neste momento... A memoria da guerra e a repressión escóndese en moitos aspectos da vida política (pública e privada) en todo o Estado"(p. 10).

Thompson repasa 43 obras galegas escritas de 1957 a 2007. Seguen a publicarse romances desta temática até hoxe. Hai presenza de obras teatrais de forte capacidade de diálogo; o cinema galego, igualmente, tense acercado a estes temas. Mais perdura unha obstrución ubicua por parte de sectores numerosos tanto do goberno da Xunta como doutros, e especialmente de poderes relixiosos, económicos e sociais.

Ese encerro de parte da sociedade ante o diálogo e debate sobre a memoria e a historia do século XX galego é negativo; nada diso acontece en parte de Europa. O Holocausto ten sido debatido e só os ultras o matizan; os partisanos son gloria de Italia coma os maquis de Francia. E as repúblicas de Weimar, Vichy, non gardan secretos. Nós temos dificultades de coñecemento, de análise e de valoración deste tempo significativo que está aí. Os historiadores están a remataren e de poñer sobre a mesa a represión franquista; o "revisionismo" ten ancha cancha para insistir na reprobación da República

Mais non é do coñecemento da xente do común, nin de moitos sectores de estudos superiores, a ollada desapaixoada da República, guerra civil e ditadura.

Ollar como as vítimas da guerra e da represión quedan fóra de todo debate común, e a súa dor e heroísmo non emerxen para a dignidade de todos nós, é malograr o valor da memoria e da historia na configuración do presente. Lembrar todo isto doe.

Desafortunadamente Thompson no leu "A noite da aurora" de Camilo Gonsar, 2003. É unha novela importante, para Jaureguizar a mellor da literatura galega, Nela vemos o sector vilego sen brúsula nunha odisea de busca e de decisións. E a de M. Rivas, Todo é silencio, une república, guerra e represión nunha ollada telúrica ao actual, capaz de levantar "desta decadencia mental" a todos nós: "Preocúpanme moito as institucións. Un verme é só un verme. O problema xorde cando os vermes podrecen as mazás. Comisario, é hora de ter un informe contundente, definitivo. Eles poden facelo. É eu comprométome a que chegue onde ten que chegar" (p.200).

Iso, unha información que acolla os feitos, as ideas, os sentimentos, as ilusións. Ese cadro debuxado tantas veces por L. Seoane, e antes por Castelao, da sociedade total, sen escape de ninguén. Así, penso, poderían os novos e vellos xogaren ás cartas e contarse as pedras e as faíscas da busca do ben e da derrota do mal na historia. Unha memoria, unha historia, un presente que doen.