Lembranza de Xosé María Díaz Castro

Lembranza de Xosé María Díaz Castro

Neste ano que estamos a pasar cúmprese o medio século da publicación de dúas grandes obras da literatura galega contemporánea: a de narrativa, Memorias de un neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e o libro de poemas, Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, publicados por Edicións do Castro e Galaxia respectivamente.

Xosé María Díaz Castro naceu na parroquia de Os Vilares de Parga no seo dunha familia campesiña, aínda que seu pai tamén era o escribente do axuntamento de Trasparga, o 19 de febreiro de 1914. Aos 17 anos ingresa no Seminario de Mondoñedo onde coñece a Aquilino Iglesia Alvariño, tamén de orixe campesiña, que é quen o anima a escribir poesía en galego. En 1936 abandona o Seminario para facer o servizo militar e despois trasládase a Vilagarcía de Arousa para dar clases no Colexio León XIII que dirixía o seu amigo Aquilino Iglesia Alvariño. En 1948, despois de licenciarse en Filosofía e letras emigra a Madrid onde comparte a docencia coa tradución, dado que domina todos os idiomas europeos, incluído o éuscaro ao casar en 1954 coa vasca, natural de Urretxu, Teresa Zubizarreta Bengoetxea.

Díaz Castro empeza a escribir poesía aos doce anos e aos dezaseis publica o seu primeiro poema na revista tarraconense Lluvia de rosas. Xa en Madrid publica poemas asiduamente na revista Alba.

En 1946 gaña nos Xogos Florais de Betanzos os primeiros premios en español con El cántico de la ciudad e en galego con Nascida d´un soño, un tríptico de sonetos adicados a muller betanceira.

Da súa estadía no Seminario quedaron dous libros inéditos (Follas ó aire e Follas Verdes) que el sempre dicia que desapareceran e logo apareceron entre os seus papeis. Afirmaba que sempre procurara non imitar a ninguén pero recoñecía que a poesía de Aquilino, a quen consideraba o seu mestre, tivo algunha influencia na súa.

O 5 de xullo de 1961 publícase Nimbos en Galaxia, pero antes xa apareceran varios poemas no cuarto volume da Escolma da poesía galega, os contemporáneos de F. Fernández del Riego editado por esa editorial en 1955 e recollidos despois nese libro. O poemario foi saudado favorablemente, entre outros, por Otero Pedraio e Ricardo Carballo Calero. Este último chegou a dicir que Nimbos veu restaurar na poesía galega a poesía total.

Outro libro que deixou inédito é un poemario en español titulado Sombras Radiantes así como outros poemas soltos que se atopan en Guitiriz, na Casa das Palabras, xunto a unha mostra da súa obra e da súa traxectoria vital, ao coidado de Alfonso Blanco Torrado, coordinador de Xermolos.

Aínda que nacemos na mesma parroquia eu non sabía nada deste poeta porque daquela estaban enfrascados en ensinarnos cousas alleas e alleantes. Só lle oíra falar a meu pai de que ganara os premios de Betanzos, pero foi Manuel María polo ano 1981 (nunha visita que lle fixen a Monforte) quen me falou del e da súa obra, ao saber que tamén eu era de Os Vilares. Naqueles tempos estaba en Madrid, arredado dos ambientes literarios galegos por mor do seu traballo de tradutor no Instituto do Frío. Foi despois da súa xubilación cando volta a súa patria, as portas da cal perdía todo cheiro alleo de terra ou mar. Aínda que daquela Manuel María coñecía a obra de Díaz Castro, non o debía coñecer persoalmente xa que no artigo Breve viaxe a Euskadi, publicado en 1982 no semanario A Nosa Terra di: ... ese semipantasma que non se sabe si existe ou non. Debeu ser o 9 de agosto de 1984 cando o coñeceu en Guitiriz, no único recital de poesía que deu en Galiza e no que tivo que facer, ademais, de presentador improvisado. Eu coñecino a primeiros de agosto do ano seguinte no pregón do Festival de Pardiñas que aquel ano leu o propio Manuel María. A partir de aí xurdiu unha fonda amizade que soamente puido tronzar a súa morte acaecida en Lugo o 2 de outono de 1990.

Xosé María era un gran conversador. Daba gusto ir paseando con el amodiño polas rúas de Guitiriz falando de poesía mentres fumaba os seus Celtas cortos e tomábamos unhas cuncas no Gaibor, no Ramiro ou no Miragaya, acompañadas sempre dunha competente tapa de queixo. Gostaba de andar pola súa aldea natal de O Vilariño, ir as feiras de Parga e, sobre todo, ao Festival de Pardiñas. Era un home tranquilo que só se alporizaba cando algún galego renegaba da súa terra ou do seu idioma. Amaba o noso idioma e afirmaba que o castelán non é axeitado para a expresión da alma galega... e que todo escritor nacido en Galiza tería que avergoñarse de non saber falar ou escribir na súa lingua materna.

Era dun natural discreto e retraído, unha persoa sinxela que aseguraba que escribiu Nimbos como se fose un xogo, que non lle daba importancia, e así o afirma no seu Pórtico:

Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,...

Díaz Castro é un poeta profundamente relixioso dada a súa formación teolóxica no seminario de Mondoñedo, pero esta poesía non deixa de ser social se lle sacamos, como el afirmaba, o contido relixioso. Por exemplo o poema Borrallo:

Ave, Cesar, ei!
Ti fas e desfás:
non hai copa nin reino
vedados pra ti,
por quen choran tóda-
las estrelas xa

sobre a cinza horrible
do que ardéu sin luz!

é, segundo me dixo el mesmo, dun berro contra a tiranía do autócrata e non Cristo sentido como César como di Méndez Ferrín en De Pondal a Novoneyra. Aínda que a poesía de Díaz Castro pertence ao humanismo relixioso ou neovirxilianismo, Ricardo Carvalho Calero afirma que Penélope é un dos máis profundos poemas de tema social que se teñen escrito nos nosos días:

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Unha visión da realidade histórica galega mais con clara visión de futuro. Fala do noso drama colectivo de tecer e destecer e que non lle gustaba a súa dona porque, como boa vasca, quería que todos os pasos fosen cara adiante.

Novoneyra dicía que escribira a despedida e a benvida máis bonitas na nosa lingua: trátase dos poemas Polpa dorida, onde saúda esta terra verde e mar de orballo e Monumento á ausencia, onde se aferra ao que non quere perder por ter que irse lonxe do seu val natal.

Todos os galegos deberíamos ter Nimbos na mesiña de noite, dicía Carvalho Calero e razón non lle faltaba a don Ricardo.