Laicidade agresiva ou catolicismo agresivo?

Laicidade agresiva ou catolicismo agresivo?

Unha (entre moitas outras!) das máis rechamantes declaracións de Bieito XVI na súa visita a Santiago foi a que fixo antes da aterraxe (facendo amigos!) ao declarar que existe en España un "laicismo agresivo" semellante ao que se viviu na Segunda República. E iso que aínda non vira as rúas de Santiago e Barcelona desertas ao seu paso! Ben é verdade que despois o arranxou aclarando que se refería "ao enfrontamento entre fe e modernidade que continúa en activo". Xa podemos ficar tranquilos situados na modernidade. Claro que todo o que di supostamente o Papa debe ser logo interpretado e matizado polos seus valedores: lembremos o interesante debate que tivo lugar esta semana coas súas supostas palabras sobre o uso dos preservativos e a prostitución.

A Constitución Española de 1978 deseñou un estado aconfesional, mais non quixo establecer un modelo laico no que non houbera inxerencia nin presenza ningunha da relixión nos seus poderes ou na súa actividade, limitando o feito relixioso á conciencia individual das persoas e limitándose a garantir sen descriminacións a liberdade de crenzas. O Concordato asinado en Roma en 1979 (seis días despois da entrada en vigor da Constitución) entre a Santa Sede e Estado substituia ao de 1953 e consolidou a posición de privilexio da igrexa católica na España democrática, afastando o estado español da laicidade. A situación arrastrada da transición ficou estancada polo peso da tradición e a histórica inxerencia da igrexa católica nos asuntos de estado. Ningún goberno do PSOE (xa non llo demandamos ao PP!) se atreveu a facer evolucionar as relacións estado-igrexa conforme á madureza da sociedade e aos tempos actuais. Nunca era un bo momento. E agora repítese a situación coa defunta "Lei de liberdade de conciencia e relixiosa", que pretendía remarcar a neutralidade dos poderes públicos para evitar a confusión entre o civil e o relixioso e afianzar os símbolos do estado fronte os de orixe confesional. O proxecto de lei ven de principios de lexislatura, e foise suavizando até o borrador actual, que seguramente non nos parecería suficiente e seguiría a atopar unha dereita política e mediática moi belixerante co tema. Outra nova proposta de Zapatero que morre baixo as botas conservadoras, outra promesa ao lixo.

Se algo deixou claro a visita do Papa foi a dificultade de separar os cargos de xefe da igrexa católica e xefe do estado vaticano, supoñendo que o Vaticano se poda considerar un estado a efectos políticos, o cal non deixa de ser paradoxal para os que pertencemos a nacións sen estado. A viaxe tiña un carácter claramente pastoral, como defendeu o BNG, e xa que logo un estado supostamente aconfesional como o español debía poñer as condicións para que esa visita se producira do mesmo xeito que calquera outro gran acontecemento, sen que supuxera un custo económico adicional e sen o somentemento público do poder político ao relixioso. Logo a nivel privado cada quen coa súa conciencia e crenzas. E por certo o argumento dos beneficios económicos esgrimido por Núñez Feijoo semella moi pouco espiritual.

Sobre a separación igrexa-estado xa o cardenal Tarancón defendía na transición que era "necesaria e imprescindíbel no económico e en todo e demais, pois a igrexa non debe deixarse coaccionar e non hai dúbida que a asignación orzamentaria do estado préstase a elo". E isto desde a perspectiva da igrexa. Sen embargo hoxe a igrexa segue moi presente. Ideoloxicamente, exerce a súa influenza desde púlpitos e pastorais recomendando o voto aos partidos de dereitas ou criticando aos partidos de esquerdas, creando opinión sobre temas de saúde (aborto, SIDA, etc.) ou sobre os dereitos das mulleres; na recente reforma da lei do aborto chegou incluso a coaccionar aos deputados do Congreso para que votaran en contra. Non toda a igrexa fica aquí representada, pero si unha importante maioría. Outros anacronismos son os funerais de estado (como o das vitimas do 11-M, exclusivamente católico) ou a dependencia do arcebispado castrense do Ministerio de Defensa.

E mención especial merece a Educación. No que atinxe á ensinanza, o artigo primeiro do Concordato di: "A educación que se imparta nos centros docentes públicos será respetuosa cos valores da ética cristiana". Ademais todos os plans educativos até os 18 anos deben incluír "o ensino da relixión católica en condicións equiparábeis ás demais disciplinas fundamentais". Esta materia é de oferta obrigatoria por parte dos centros pero é voluntario escollela por parte do alumnado. O profesorado é designado polas autoridades eclesiásticas pero pagado cos cartos de todos, e serán membros de pleno dereito dos claustros de profesores dos centros; os contidos serán fixados pola Igrexa así como os libros de texto e o material didáctico.

Os nenos que non escollan a materia de relixión só poden facer algunha outra actividade que non sexa discriminatoria cos que elixen a relixión. En conclusión, atopámonos con que hai que inventar unha materia que sexa inútil para a formación, pouco atractiva para os alumnos, e obrigatoria para os que non estuden relixión católica. Este é o "castigo" que o Concordato impón aos nenos que optan por unha educación laica: castígaselles a perder o tempo encerrados nunha aula finxindo que fan "algo", pero un "algo" que debe ser case nada. Por non lembrar a "guerra" dos crucifixos nas aulas de colexios públicos, ainda hai uns días de novo de actualidade.

Os defensores dun estado e unha educación laica non pedimos a desaparición da relixión das vidas das persoas; pídese simplemente respecto polos demais. Non se nega a influenza do feito relixioso na nosa cultura, mais relixión e estado, relixión e educación deben levar camiños separados que non se deben cruzar. Non é laicismo agresivo. É defensa fronte a un catolicismo agresivo. E bastante paciencia se ten. A relixión fóra da escola!