Inés de Castro, unha muller galega do século XIV

Inés de Castro, unha muller galega do século XIV

Desde Galiza debemos reivindicar Inés de Castro como galega e muller pois aínda que son moitas as obras e lecturas sobre Inés de Castro a maioría das opinións sobre ela son parciais pois por un lado, ignoran a historia de Galiza; e por outro, son de autoría masculina con visión misóxina, nalgúns casos.

Desta muller galega coñecemos datos da súa vida mais dalgúns deles non hai seguridade. Debemos considerar que estamos a falar do século XIV e que a creación do mito puido levar modificacións da historia.

Naceu en 1320, 1323 ou 1325, filla de don Pedro Fernández de Castro e Adonza Lourenzo de Valadares. O lugar de nacemento pode ser Monforte, a Limia ou Valadares. Pertence a unha das familias galegas máis poderosas polo que vai formar parte do séquito de dona Constanza, muller do infante don Pedro de Portugal, que vai en agosto de 1340 a Portugal. Alí mantén unha relación con don Pedro e en 1344 vai ser desterrada a Alburqueque (Castela). En 1346 tras a morte de dona Constanza Inés de Castro regresa do exilio. O rei Afonso IV non permite a relación entre Pedro e Inés mais estes viven xuntos e teñen catro fillos. 1353 e 1354 son anos atribuíbeis ao casamento de don Pedro e Inés de Castro. En 1354 estabelécense en Coimbra onde o 7 de xaneiro de 1355 é degolada no mosteiro de Santa Clara. A súa tráxica morte dá comezo á lenda sobre o amor e a paixón que chega até os nosos días.

O infante don Pedro e os irmáns de Inés de Castro enfróntanse a Afonso IV. En 1357 morre Afonso IV e sobe ao trono D. Pedro I. En 1360 Pedro vinga a Inés ao matar violentamente a dous dos asasinos de Inés. Neste ano comeza a construción do túmulo no mosteiro de Alcobaça de Inés de Castro onde será trasladada en 1361 ou 1362.

Estes feitos son a base dunha lenda que se mantén viva na actualidade. A lenda fala dun amor apaixonado prohibido e imposíbel en vida mais ao final triunfa pois Inés de Castro é recoñecida raíña despois de morta. O mito recréase en momentos como a morte de Inés; a morte dos seus asasinos aos que don Pedro lles arrinca o corazón; ou o traslado do cadáver de Inés de Castro a Alcobaça coa coroa.

No mantemento desta lenda tivo un papel moi importante a literatura pois hai testemuños deste interese continuo desde Camões a António Ferreira, a Fernão Lopes, Rui de Pina, García de Resende, até Victor Hugo, Lope de Vega, Voltaire, La Motte, Montherlant, Julio Dantas ou Garrett.

En 2005 celebraron en Portugal o Ano Inesiano da Cultura con motivo do 650 anos da morte de Inés de Castro. Inés de Castro é protagonista de obras de poesía, prosa, dramaturxia, cinema, música, baile ou artes plásticas. Inclusive a televisión lusa estreou unha telenovela Pedro e Inés. A Fundação Inês de Castro realiza actividades relacionadas con esta muller.

Son moitos os libros recentes sobre Inés de Castro polo que só imos mencionar algúns deles que tratan sobre a galega. O romance O amor infinito de Pedro e Inês, de Luis Rosa, de 2005, deléitanos coa súa forza inspiradora ao narrar unha das máis tráxicas paixóns que a nosa memoria colectiva xamais esqueceu. E todo sen esquecer o rigor histórico posto na investigación dos personaxes, do ambiente e sobre todo da intriga que culmina na traxedia que se abateu sobre o amor de Pedro e Inés.

Lenda e história de Inês de Castro, de Antonio de Vasconcelos, de 2004, comeza falando das orixes da lenda, despois da localización histórica, da Quinta das Lágrimas, da Fonte dos Amores, das circunstancias da morte de dona Inés, da coroación do cadáver e dos túmulos no mosteiro de Alcobaça de Pedro e Inés.

O julgamento de Inês de Castro. Toda a verdade sobre o fim trágico da mais fascinante história de amor: a de Pedro e Inês, de Artur Pedro Gil, de 2008, é unha obra que procura estar máis próxima dos feitos e que trae á luz o episodio que é considerado o máis romántico da historia de Portugal.

Raíñas de pedra, de Cándido Pazó ten como protagonistas a Inés de Castro e a Xoana de Castro. Esta obra dramática foi levada á escena pola compañía galega Ollomoltranvía en 1994. As personaxes son as raíñas Inés de Castro e Xoana de Castro; o heraldo Martiño; os canteiros Lourenzo e Xan Farruco; a xente o albardeiro Mese Nuno, o criado Nicolau, o rapaz, o taberneiro Bento, o Padre Miluco, frei Paulo da Cruz, o cabo Rudelio, soldados, xograres, o labrego Zé Bernal, o recadador Diogo de Freitas e o feirante Nicanor.

Inés de Castro. De cinza e cereixas
, de Alicia Díaz Balado, debuxa cun profundo lirismo o encontro entre Inés de Castro e o infante don Pedro, acontecido no Portugal do século XIV. A melancolía, que percorre a historia racha coas convencións do xénero histórico, pero debuxa aquilo que os libros de historia documentan, porque a historia regresa do pasado centos de veces ao ser escrita.

Inés de Castro, de Madame de Genlis, unha novela francesa do século XVIII é traducida ao galego en 1997. Esta novela ten como protagonista principal a Inés de Castro.

En 2007 a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda editou a banda deseñada Inés de Castro. A raíña morta.

O libro de José P. Costa Inês de Castro (1320?-1355). Musa de tantas paixões. Bibliografia anotada, de 2009, reúne todas as obras que ao longo da historia trataron sobre Inés de Castro.

Neste libro aparece este poema de Rosalía de Castro:

"Desde as fartas ribeiras do Mondego
desde a Fonte das Lágrimas
que na bela Coimbra,
as rosas de cem folhas embalsamam,
do Minho atravessando as águas mansas
em misteriosas asas,
de Inês de Castro, a dona mais garrida,
e a mais doce e mais triste enamorada
do grão Camões que imortal a fez
cantando as suas desgraças,
de quando em quando a acarinhar-nos vêm
eu não sei que saudades e lembranças [...]"

Indícase que "o poema foi originalmente publicado no Almanaque das Senhoras para 1885, dirigido e coordenado por D. Guiomar Torrezar, Lisboa, 1884, pp. 125-127; deve ter sido composto em 1884."

A historia tráxica da vida e morte de Inés de Castro, e tamén da súa irmá Xoana de Castro, explícanse por razóns políticas. Estas cuestións non se analizan con profundidade pois só se di que é galega e dunha familia con moito poder. No medio da lenda aparece o reino de Castela e Portugal mais non se explica que os dous teñen orixe no reino de Galiza.

Ramón Otero Pedraio ao falar de Inés de Castro afirma:"Lémbrese como a sorte das dúas irmás galegas se contemplou algunha vez como símbolo dos tristes destinos políticos de Galicia nas súas relacións con Castela e Portugal e ata na xustificación, esquecida en ámbolos dous reinos longo tempo, dos valores de Galicia". Xa no século XIV obvian a nosa existencia para reafirmárense eles. Nós debemos coñecer a nosa historia para tomarmos conciencia e afirmármonos fronte a Castela.