Indignarse, o menos posible
Todos caemos de cando en vez na indignación, inevitable en todo aquel que perciba e rexeite a inxustiza, mais non é ese o estado de ánimo recomendable para alterar o curso dos acontecementos. Non pasa de ser unha emoción momentánea, distinta do sentimento profundo e duradeiro. A cólera que nos provocan as ruindades ten un carácter pasaxeiro e algo primario, e desaparece en canto cesa a acción que a desatou.
Sen embargo, as grandes inxustizas non son conxunturais; permanecen aínda cesando os seus efectos máis dolorosos, os que provocaron a efusión da indignación.
O enfado ven e vai. Sería imposible sobrevivir nun estado colérico permanente. De feito, nunca vin nada indignados aos indignados. As verdadeiras indignacións colectivas teñen provocado efectos memorables na Historia. Por outra parte, a tensión e irracionalidade que conleva acaba polo xeral minimizando a súa transcendencia, e mesmo precipita respostas irreflexivas e inútiles.
Por descontado que tamén eu me sumo ás mostras de respecto presentadas ao señor Stéphane Hessel. Non tanto polo feito de indignarse aos noventa e tantos anos (aínda que certamente é admirable e digno de imitación chegar a esa idade), senón en todo caso pola súa pasada militancia. Porque no seu folletiño Indignádevos atopo mostras desa irreflexión a que conduce a simple indignación.
Coincido con el na percepción das feridas sobre as que pon o dedo, lacras do noso tempo ante as que ningunha persoa debe pasar indiferente. De feito son tan ostentosas que todo o mundo estará disposto a darlle a razón. Ninguén negará que acerta ao facer fincapé no intolerable sufrimento que padece o pobo palestino, tal vez a máis clamorosa inxustiza que hoxe cabe sinalar. E isto a pesar do desafortunadísimo prólogo con que Manuel Rivas espeta unha proclama sionista (¡non vaia ser que alguén entendese mal e cuestione a folla de ruta!), tachando de «fanáticos» aos que pretendan a desaparición do Estado de Israel, seguramente por coidar que ese instrumento terrorista é unha organización "democrática", e valéndose do anacrónico simplismo de identificar anti-sionismo con anti-semitismo (¿ten esta palabra hoxe algún significado?). Non se indigna fronte á máquina do terror, senón contra quen queira acabar con ela. O máis letal dos fanatismos é a xustificación da opresión, do espolio, do crime.
Pero sacando á palestra a súa indignada (fanática?) defensa do Estado de Israel, tal como esixe todo guión de corrección política global, o prologuista preséntalle unha emenda á totalidade á propia praxe política do autor, xa que este, nas filas da Resistencia francesa, loitou pola destrución doutros Estados, o fascista de Vichy e a propia Alemaña (fracturada en catro anacos polos ocupantes), de tal maneira que tamén el debeu padecer semellante fanatismo.
¿Ou será que o propio Stéphane Hessel somete a revisión total o seu pasado activista?. Fágao así ou non o faga, vexo na súa argumentación unha notoria contradición: comprende humanamente as respostas violentas de todos aqueles que se ven sometidos a situacións insoportables de opresión e inxustiza (sobre todo no extremo caso palestino), pero móstrase convencido de que a violencia é un camiño sen saída, dando por suposto que existen posibles arranxos amigables para os peores conflitos en curso. Mais en ningún momento pon en cuestión o seu pasado, pois non perde ocasión de lembrar con orgullo a súa etapa combatente na Resistencia.
¿É que non había compromiso posible coa Alemaña nazi ou co goberno de Vichy? ¿ou é que a Resistencia se xustifica a si mesma por ser francesa e estar homologada pola comunidade internacional?.
Non se lle esquecería que desde a perspectiva dos seus adversarios (que sería a oficial de teren eles triunfado) a Resistencia era terrorista, e de feito actuaba como o fan tantas outras, incluíndo atentados e mortes de civís. ¿Cre que a súa rebeldía violenta resolveu algo ou había efectivamente outro camiño?.
Todo o mundo se indigna por momentos. O mérito de facelo aos noventa e tantos anos é alcanzar esa idade inusual. Pero o verdadeiramente meritorio é ser quen de manter acesa unha actitude permanente de combate contra a inxustiza.
Por iso eu prefiro verme noutros espellos, desde aquel que proclama a Internacional irmandade dos Proletarios do Mundo ata o que afirma os pés Sempre en Galiza, dous esteos dun mesmo ideal. E cada vez procuro indignarme menos.