Indiferenza
Estes días, unha noticia perturbadoramente tráxica fixo acto de presenza nos medios de comunicación. Un dos meirandes tesouros arqueolóxicos de Europa resultaba mortalmente ferido pola incuria das institucións encargadas da súa custodia. O derrube da Casa dos Gladiadores en Pompeia confirmaba os peores vaticinios dos que -voz que clama no deserto- denunciaban a natureza perversa dunha política que considera a xestión cultural como un elemento de mercado, estimado unicamente en función dos beneficios económicos que poida xerar. Xornalistas, intelectuais e artistas de toda Italia coinciden en culpar do desastre a unha administración que favorece a dimensión espectacular da cultura e desdeña os valores que a converten na principal arma de que dispoñemos contra a ubicua ameaza da barbarie.
Aínda que a insolencia dos secuaces de Berlusconi é certamente notábel -"proben a facer un bocadillo coa Divina Comedia", proferiu con grande autosatisfacción o ministro de economía, Giulio Tremonti, para manifestar o seu parecer sobre o cultivo intelectual-, Italia non é o único país en que os gobernantes manifestan a súa convicción de que practicar unha política cultural razoábel é algo así como deseñar a programación dunhas festas patronais. A acumulación de grandes fastos que exciten o maior número posíbel de titulares xornalísticos é, lamentabelmente, o método empregado pola xeneralidade dos dirixentes con competencias neste eido. Con frecuencia, a orixe deste proceder atribúeselle ao populismo electoralista. Mais, aínda que é certo que a demora que esixen os procesos de difusión da cultura contrasta coa urxencia con que os partidos políticos pretenden ofrecer resultados inmediatos, hai razóns máis profundas para o estabelecemento destas estratexias espectaculares.
Habitamos un sistema económico cuxa principal finalidade é producir mercadorías o máis efémeras posíbeis para, así, precipitar o ciclo consumista. Os mass media crean necesidades de consumo e manteñen unha gran parte da sociedade atrapada no presentismo, polo que calquera indicio de sentido crítico se considera un atranco para a conservación do sistema. Búscanse a amnesia e a desorientación do cidadán e, daquela, rexéitanse o desenvolvemento de criterios propios, a defensa de opinións particulares, a elaboración de xuízos de valor independentes. En suma, molestan todos aqueles elementos de crecemento persoal que a cultura é susceptíbel de brindarlle aos individuos.
O escritor norteamericano Jonathan Franzen expresábao así: "A literatura e o mercado nunca se puideron ver. Á economía de consumo encántalle un produto que estea moi cotizado, que se desgaste rapidamente o poida experimentar unha mellora periódica, e que con cada mellora ofreza un beneficio marxinal en utilidade. [...] Unha obra literaria clásica non é cara, ten unha utilidade inesgotábel e, o peor de todo, é inmellorábel".
En Galiza, resulta doado constatar ese desprezo por parte dos nosos gobernantes. Aínda que, no noso caso, á cínica desconfianza contra todo o que teña que ver co intelecto únese o odio sectario contra a cultura propia. Sería unha tarefa ciclópea citar todos os agravios inferidos aos diferentes sectores das artes e das letras dende que o actual executivo tomou as rendas do poder, pero existen argumentos de abondo para afirmar que asistimos ao ataque máis virulento contra o noso patrimonio dende a chegada da democracia. A desnaturalización dos Premios Nacionais de Cultura, a negativa a declarar Ano Castelao o 2011 ou a rigorosa redución de fondos para a cultura nos orzamentos do próximo exercicio constitúen outros tantos chanzos nese proceso de desvalorización da cultura.
No caso de Italia, non obstante, comprobamos que a ofensa foi seguida dunha reacción da sociedade. O mundo da cultura dese país respondeu con entusiasmo a unha imaxinativa xornada de folga durante a cal bibliotecas, teatros, cines, museos, sitios arqueolóxicos, asociacións culturais e universidades pecharon as súas portas ou só as abriron para celebrar actos reivindicativos contra os recortes orzamentarios á cultura, causantes, en última instancia, do terríbel suceso de Pompeia. Tratouse dunha protesta corporativa de todas as institucións relacionadas coa creación artística e intelectual que promete prolongarse no tempo.
A pregunta que xorde inmediatamente é: seremos quen de consensuar, en Galiza, unha contestación semellante? A resposta, desafortunadamente, anúnciase negativa. Ante este panorama de continuo escarnio -e coas respectábeis excepcións que sempre destacan na paisaxe xeral- a actitude da nosa intelligentsia segue sendo incomprensibelmente autista, como se puidese permanecer allea a esta devastación premeditada.
Hai moito que a repartición arbitraria de recompensas e castigos se implantou como unha efectiva intimidación que aconsella a indiferenza como método de supervivencia. A inxenua crenza de que é posíbel a salvación individual obstaculiza a acción colectiva. E iso pode acabar esmagándonos a todos.