In comunicación


É noticia, e non podía ser doutro xeito. Parece ser que agora resulta indecente que as organizacións, do tipo que sexan, opten ou tenten capitalizarse ( ou resolver problemas puntuais ) mediante voluntarias achegas feitas polos seus propios membros, e non hai maior logro que ese.

Pero da voluntariedade da xente non falan nos xornais, en ningures, só falan da incapacidade de sustento ou de mala xestión, da posibilidade de quebra, que vende máis. Non falan tampouco da independencia que supón tomar medidas deste tipo, acostumados como están a depender economicamente e, polo tanto, espiritualmente dun capital cada día máis agresivo e lesivo para o común da cidadanía. Resulta evidente que estas situacións son excepcionais, que son a resulta duns procesos electorais, pero tamén é a pescada que se acaba roendo a súa propia cola. Estámolo vendo dun xeito público nestes días (evidentemente aquilo que queren que se saiba, a letra pequena e as cantidades grandes estarán perfectamente ocultas) que a maior parte das grandes estruturas políticas viven e permanecen grazas ao continuo goteo de diñeiro de xente que sempre ten unha contrapartida na súa memoria. Collendo esta referencia e acumulando a rebaixa gradual nas subvencións feitas polo goberno aos partidos políticos até a desaparición destas ( como pretende algún sector, supostamente claro ) quedaremos en mans de verdadeiros profesionais que só contemplan estes actos como un investimento de futuro e presente. Eu pago, eu ordeno e mando.

A política, como conxunto de prácticas a desenvolver e correa de voces do pobo cara a un xeito de gobernar pode quedar nas mans do gran capital, ese mesmo que hoxe converteu a escasa sociedade, que pulaba por emerxer na tranquilidade, nun río gris onde só se albiscan grandes vontades sometidas a un pequeno crepúsculo beneficiado e modificador dos acordos tácitos de convivencia.

Pero claro, hoxe, todo este poder que manexan aos medios de comunicación non resaltan nada que poda dar indicios de independencia, de esperanza, quedan no camiño, só se preocupan en mostrar persoeiros públicos de dubidosa intelixencia soltando frases populistas que non deixan ver nada e só son medias cortinas de fume para distraer os verdadeiros lumes. O espectáculo destes días co tema dos famosos sobres e as contabilidades duplas demostra que só mediante o propio partido popular (unha fracción deste, está claro) algúns medios son capaces de publicar algo de carnaza. A división ou loita interna é a única que nos ofrece este espectáculo e no que determinados medios de comunicación se están a posicionar dun lado ou doutro e, polo tanto, danos unha idea da valentía e dignidade que profesan estes profesionais. Acaso pensamos que de repente se fixeron máis listos que os demais ou que son unha icona da xustiza, case poética, que velan día e noite para que toda verdade sexa pública?

Algún medio de comunicación despois de ser tan valentes publicando datos de xente que sofre procesos de desafiuzamento, por poñer un exemplo, tivo a valentía de publicar os nomes da xente que participa en todo o proceso, avogados, xuíces, axentes da orde, etc?. Temos o exemplo destes días en Coruña, onde a unha señora de oitenta e pico de anos a querían botar da casa por retrasarse un mes no pago do aluguer, claro a familia propietaria, rica, só cobra un aluguer dos antigos, por baixo do prezo, abonda iso para ser tan canalla? Onde está Dorribo, acusado de tanto desfalco e hoxe con outra empresa montada mentres algún dos imputados non ten noticia algunha do seu porvir e por suposto onde están tantos e tantos empresarios que dilapidaron subvencións e quedaron a deber diñeiro aos seus traballadores e traballadoras, onde están todos os do caso Gurtel, onde están esa xente tan traballadora da deputación de Ourense? Onde está o xuíz que enviaba ao cárcere a esa nai que se apropio indebidamente dunha cifra aproximada aos 400 €? Onde está, que eu quero que ese mesmo xuíz se encargue doutros casos, por favor.
Pero sabedes, volvendo ao caso da señora da Coruña, o mellor de todo foi ver aos bombeiros da Coruña negándose a romper as cadeas da entrada da porta onde vive a anciá, iso é algo que non debemos esquecer, supoño que mañá non será noticia a represión que podan facer con eles, pero ese xesto vale moito máis que calquera noticia que nos solten en calquera medio de comunicación, xa que é a pura esencia da resistencia.