Ídolos prefabricados, caídos... en paraísos fiscais

Ídolos prefabricados, caídos... en paraísos fiscais

Os depredadores humanos necesitamos prefabricar deuses para usar e tirar. Crialos e engordalos en parabéns e adulacións, permitirlles toda frivolidade e cinismo, e despois botalos, deixalos marchar escarnecidos entre o ouropel do acumulado. Eles, fillos e demais familia escóndense medrados na opulencia do seu invento da deudocracia, talentos da enxeñería financeira da débeda ilexítima, pagada a conta de privar ós contribuíntes dos seus dereitos, da súa produtividade, da súa nación.... Feudalismo aborrecido pola Historia.

A corrupción propágase, o humanismo, o espírito crítico coa súa ansia de corrección sobrevive en redutos. O nacionalismo era humanismo, ó menos que llo pregunten a Risco, a Castelao, ós de Nós....Agora os novos ídolos son máis cachondos, tamén cousificados comercialmente, parecen vir de volta de todo: contra pelo, irreverentes e iconoclastas, trastornados, exhibicionistas, revestidos, espidos, stripper, adictos e gabanciosos de escándalos, con tal de venderse. Renegan de todo, até da súa raza, da súa orixe, menos do seu ego. Proban e lánzanse con tal de ser o “nomber one”, de encabezar o “share”, de estar nos listados do Forbes ou do Guinness , no “trending topic”, entre o “top ten” ou no papel couché do “Vanity fair” ou do “Hola”...marcando tendencia, moda, modelo de pelotazo, até ser perigosos epicentros de poder real. Entre profesionais que non profesan, funcionarios que non funcionan, intrusos e outros, os da titulitis, nos despachos, enrédanse e tolean entre programas de ultímísima tecnoloxía, números, gráficas e estatísticas cos que coidan solucionar o mundo. Non importa a mensaxe senón o poder de arrastre e convicción cega. Por algo multiplicamos a sociedade do espectáculo. Búscase o show mediático, manda o ridículo, por aquilo de que quen non sae na foto, non existe. Cómodos gobernantes traxicocómicos, irresponsables, políticos cridos e drogados de poder, obnubilados xenios de pacotilla.... e como moscóns arredor, poñendo zunido de fondo irreverentes pasotas de todo, menos de si mesmo, Madonnas, Ladys Gaga, Beyoncee, Rihannas... e un sen fin de sucedáneos, a desmetificar a deuses, a competir con calquera santa virxe ou santo da corte celestial .

Todas as civilizacións ergueron, repartiron e seguen a consumir ídolos falsos, cun xene pra imaxe e semellanza das miserias humanas. Deuses de palla barro, de alpaca, purpurina e brillantina, conspiradores entre si, cambadela tras cambadela. Crese e adorase a calquera cousa que se impón, sen gañalo a pulso, sen empresas que o avalen, sen saber deixar legado....e polo feito de santificarse nos altares ou acomodarse nos tronos, réndeselle acatamento, outórganselle honores inmerecidos, fanse lícitos os seus desbocados praceres e malhabidas riquezas para alimentar paraísos fiscais de reserva. Calquera falcatruada que fagan enténdese como unha graza. Adulteradores dunha democracia que debuxan e violan a súa comenencia. Os seus aduladores mediáticos participan no entroido, encargaranse de poñerlle nimbo, de purpurinar e azucrar a realidade, de deixalos ir cargados despois da desfeita social. Namentres algún rebelde, inconformista revirado ou mesmo ávido negociante da falcatrúa atopará e agrandará buratos polos que fluír o escándalo, tamén comercial moeda de cambio. Murmurar, desvelar está en alza e os vicios e as lacras dos demais cotízanse e mesmo páganse favores con eles. Velaí que entre as oportunistas loitas tribais mediáticas póñense en evidencia as debilidades publicas e privadas duns e doutros semideuses. Socaváronse os seus alicerces de barro e esboroáronse contra a realidade enlameirada. As novas tecnoloxías, os mass media mercan e destapan miserias de todo tempo. Nesa relixión ou ansia obsesiva de dependencia dos falsos ídolos asoma e desborda o desacougo indignado, a crítica. A sociedade contemporánea, atoutiña, aínda seguimos a facer e desfacer unha prehistoria tribal, coa ansia de estar a cobadazos, de poder a pedradas, a canonazos. Ambiente adobado en envexas, celos, entre o ordeno e mando. Contribución á tensión dramática da Historia.

O paraíso da harmonía, da tolerancia, da liberdade, da paz é un mito entre a palabraría baldeira. Edén de felicidade ó que algúns creen entrar en coche fúnebre e outros no coche oficial. Mais que á vista está o “estado de shock”, a descomposición, que a crise bate a destro e sinistro, máis por aquí que por Sanghay ou por Sidney, contra o presente e contra o pasado e deixará cicatrices. Afecta a algo máis que á política, á economía, á cultura que son as relacións, a iso inmaterial, imperecedoiro e indefinible que nos di que as cousas non andan ben, o espírito. Os vínculos afectivos tamén están en crise. E nesa primitiva ansia de xerarquizalo todo, nesa sociedade narcotizada caese na trampa, búscanse os modelos e o paraíso a través da virtualidade, do play back, dos enganos, como si a vida fora un videoxogo. Catarse colectiva na que se acenden novas glorias do timo e na que se apagan e derruban outras vellas glorias, idolatradas por afervoados seareiros, fans, escravos de paixóns....apáganse estrelas de cine, das artes, da política, da relixión, do deporte....de mimados ego. Resultando ser malversadores, perversos, maniáticos, hedonistas compulsivos, buscadores do pracer do ego, fecundadores de miserias humanas, vendedores de pseudonecesidades globais.

E nese cismar, materia de psiquiatra, que bate contra os máis expostos, os defuntos, o goberno e a farándula que o ocupa todo, sabemos que Lincoln era un maníaco, trastornado bipolar, que moitos ídolos do celuloide non actuaban tanto, que eran así como eran: que o astro alemán Claus Kinsky, o gran interprete de psicópatas, érao na realidade. Gerard Depardieu reulta ser un neorasputín de verdade, que escolle como cidadán a Rusia e abraza a Putín e escenifica excelencias daquel imperio con tal de evadir impostos. Brigit Bardot, a que vendeu o seu pelexo no celuloide, rodeada agora de teimas ecolóxicas, ameaza en buscar outro paraíso terreal se lle practican a eutanasia a dous elefantes vellos... Por dopaxe retíranselle os sete títulos de campión do Tour de Francia a Amstrong .... Iconas falsas, espectros, esperpentos dun mundo falso, entre un cortello de monarcas soberbios, criados no mimo, de políticos profesionais chegados a gobernadores, salvapatrias, secretarios privados de Papas, presidentes de fondos nacionais e internacionais, xuíces, cardeais, sacerdotes, monxas, sancristáns, policías, deportistas, maradonas, rockeiros ramoncines, encantadores de serpes, inmoralmente corruptos e corruptores, por aquí e acolá. O gran circo do mundo atrapado entre a trama das redes das novas tecnoloxías mediáticas.

E na ansia de liberar o pensamento, do retorno ó Nós normalizado, nun pedagoxismo para tempos, difíciles seguimos no estéril muiñar de mitificar a desmitificación.