Historias do San Martiño


Eran as vidas de santos as que se contaban arredor das fogueiras e con máis teatralidade sobre os púlpitos. Historias adornadas de invencións, de aparicións de demos e anxos armados, de voces celestiais, de maxia e milagres ó fregar o pano sobre algunha reliquia. Un dos máis venerados nesa nosa corte celestial de divinos magos foi o San Martín. Ó que facemos da casa ó chamarlle polo diminutivo, Martiño, como a calquera outro Pepiño ou Toniño. Dedicaránselle catedrais, capelas, altares nos que se representa montado a cabalo, repartindo a capa cun probe ou como bispo, na súa cátedra, co báculo e bendicindo con luvas negras e anel. Os paisanos dicían que tiña as mans negras de tanto espulgar as castañas dos Magostos… Santo celebrado en festa cada 11 de novembro, cando converxen os enigmas da vida e da morte.Magostos, fogueiras nos montes, castañas asadas e viño novo para danzar arredor e tisnarse, pra esconxurar os medos da tribo.

O aquitano Sulpicio Severo, compañeiro de Paulino de Nola, escribe a “Vita Martín”, sobre o carismático santo do sc. IV ó que coñecera. Naquel entón a organización imperial romana esmorecía entre tribos de escravos rebeldes, como os bagaudas, namentres se espallaba o monacato, con figuras tan seguidas como o San Xerónimo ou o San Agostiño. O cristianismo decantábase entre as herexías, o maniqueísmo, o arianismo, o priscilianismo… Tempos nos que se buscan ou inventan reliquias, proliferación de “lignum crucis”, novos lábaros cos que consagrar altares cristiáns sobre lugares de cultos pagáns. Ansia que leva dende o noso extremo occidente a peregrinar ó oriente: Eteria, Idacio, Orosio…o cal quere dicir que había relacións regulares, confirmadas tamén polas epístolas pastorais.
Sulpicio Severo conta que Martín non gustaba de falar del mesmo. Mais sabe que nace polo 316 na Sabaria, núcleo administrativo romano da Panonia, hoxe Hungría. Fillo dun soldado romano ó que segue para poñerse ás ordes dos emperadores, Constantino, Constancio, Constante que será traizoado por un dos seus xefes, Maxencio e ó que sucede Xián o Apóstata, quen novamente arremete contra os cristiáns. Era aquel un exército romano conformado polo alistamento de bárbaros procedentes de lugares remotos: godos, galos, gálatas…e galaicos. Despois da vitoria de Constantino sobre Maxencio no Ponte Milvio, coa visión do “in hoc signo vinces”, tan cinematográfico, Constantino abraza e espalla o cristianismo. Martiño, dende a guarnición gala de Amiens, servirá de novo apóstolo. Sulpicio Severo abonda en que asistía ós enfermos, ós famentos, ós esfarrapados… Namentres Xián o Apóstata acusa ó pacifista e carismático soldado cristián de covarde por non querer combater... e para demostrarlle o contrario ofrécese , desarmado, a dialogar cos bárbaros e consigue a paz. Martín deixa a milicia e vaise a Poitiers, célebre pola misión de San Hilario. Retorna á Panonia nunha difícil odisea: nos Alpes é apresado por uns ladróns ós que converte, tamén o tenta o Diaño e será castigado polos arrianos de Iliria, próxima a Panonia. Retorna e pasa un tempo como ermitán en Milán, logo na illa tirrena de Gallinara, pasa por Roma e volta a atoparse con Hilario . Séguese as prácticas dos eremitas exipcios da Tebaida, dos sirios de Qalat Siman, ascetas do deserto... formándose para formar, cristianizando vellos altares pagáns. A el acudían para curarse cegos, mudos, eivados, leprosos, mesmo os aflixidos polos seus mortos, ós que resucitaba... os atacados pola pezoña dunha serpe. Sulpicio Severo di: “Martiño estendeu as mans, percorreu con elas todos os membros do servo e puxo o seu dedo na ferida polo que a serpe vertera o veleno. E entón todos os que estaban alí quedaron abraiados ó veren saír a pezoña, do mesmo xeito que flúe da ubre das vacas e das cabras o leite cando as moxen os pastores. O servo ergueuse curado, todos admirados, clamaban pola propia verdade que non había ninguén baixo o ceo que puidese imitar a Martín”.....Morto Hilario e Litorio, bispo de Tours, Martín ocupa a se episcopal, onde o misioneiro guedelloso e sucio non é ben recibido... nunca se sentaba no trono, senón nun humilde escano. Retorna cono eremita a un lugar non lonxano, Marmoutier. Ségueno uns oitenta discípulos, moitos deles nobres e xentes cultas. Cóntase que desprezou a sacerdotes que veneraban a descoñecidos mártires...Martiño implorou ó ceo e unha voz milagrosa respondeulle que baixo aqueles altares quen estaba enterrado era un ladrón. Viaxeiro, destrutor de templos pagáns, derrubando betilos, contando e desafiando ós que adoraban árbores que dicía ser consagrados ós demos, desautorizando ós sacerdotes doutros deuses. Aumentan as súas milagres, pescas e cazas milagrosas en días de fame, apaga o lume coa mirada... ante o que todos rematan acollendo ó deus de Martín. “As veces o demo, cando quería facer burla do santo varón, presentábase disfrazado, co aspecto de Xúpiter de Mercurio, de Venus ou de Minerva...Martín sempre se protexía co sinal da cruz e coa oración...” Di Sulpicio Severo que o emperador Teodosio, como Idacio da Limia, entre outros de procedencia galaica, estaban influídos por Martín. Fala das relacións co Priscilianismo e di “ non estar convencido de que foran herexes”, e que el mesmo puido formar parte destes perfeccionistas do espírito, e que mesmo Martín foi acusado de priscilianista. Pese a todo Prisciliano é denunciado polos bispos Idacio e Itacio, ó que Sulpicio Severo xulga de “desvergonzado, charlatán, entregado ó ventre e á gula...” e ós que Martín suplica que desistisen de pedir a Máximo a decapitación de Prisciliano e dos seus seguidores, Eucrocia, o poeta Latronio e dos clérigos, Armenio, Felicísimo e Instancio, que finalmente sería desterrado. Pese a que Máximo lle prometera piedade puideron as interferencias dos que o acusaron a Prisciliano de maleficio, de obscenidade con mulleres, de orar espido....o que non negou. “Daquela xulgábase só cos ollos, de xeito que se alguén podía parecer herético mais pola súa vestidura ou palidez, que pola fe...decisión que non podía agradar a Martín” . Decapitado Prisciliano e os seus en Treveris, segue dicindo Sulpico Severo que “a suposta herexía non so non desapareceu senón que se propagou aínda máis. Os corpos dos axustizados foron conservados e uns tres anos máis tarde foron transportados a Hispania, posiblemente á Gallaecia, con todos os honores, onde foron recibidos como mártires e se lle dedicaron solemnes exequias...” Polo 395, ós oitenta anos, Martiño, finou na súa parroquia de Candes, deitado sobre a cinza: “deixádeme que mire mellor ó Ceo que á Terra, para que o meu espírito se dirixa cara Deus, polo camiño que ten que ir...” Despois de pronunciar estas palabras viu que o Demo estaba ó seu carón. Qué fas aquí, besta infernal, dixo, nada atoparás en min maldito. Acólleme o seo de Abrahan...” o seu rostro fíxose o dun anxo e o corpo santo foi levado a Tours.

E sempre haberá máis papistas que o Papa: o santo de Tours terá un homónimo e paisano da Panonia, este nacido polo 510, formado nos seminarios do oriente, para chegar a Galiza polo 550 e ser o primeiro bispo de Dume, perto de Braga, Martiño Dumiense. Teimudo na erradicación do priscilianismo. Autor “De Correctione Rusticorum”, declarando anatema ós cultos as augas, ó sol, ás árbores, ás penedas.... Usando o nome do de Tours para obrar milagres e curar ó fillo do suevo Chiarrarico, mesmo facendo traer as súas reliquias, para as que constrúe e dedica unha igrexa en Ourense. Milagres polos que, Teodomiro, o rei dos suevos, abandonará o arianismo ... Martiño de Dume morre polo 580, enterrado na súa se, arredor da que, aínda hoxe, se segue a facer estudos arqueolóxicos pra esclarecer a historia desa Gallaecia, confusa no mapa, envolta en contos e mitos de santos magos. Por algo Ourense nimba e fai padroeiro ó San Martiño de Tours, celebrado, como un novo Rei Arturo. O profesor de latín do campus desta cidade, Antonio García Masegosa afonda sobre a vida, a obra e os milagres que aquí contamos e avivan o lume e as castañas dos Magostos.