Hanna Arendt e o pensamento sen tregua

Hanna Arendt e o pensamento sen tregua

A película de Margarethe von Trotta sobre Hanna Arendt volve a actualidade a esta pensadora xudía, e con ela moitos debates que se crían varridos polo vento da historia. Mais o certo é que Hanna Arendt perturba e sacude os cimentos dun mundo contemporáneo que quixéramos dar por sentado que superou o totalitarismo. Mais vén a nós un verso que expresaba o sobresalto dun poeta que un día de 1936 se erguera decatándose de que era a súa unha vila de asasinos.

Que se pode dar por sentado logo de Auschwitz?. Despois de todo o totalitarismo representa a novidade do que ninguén se podía imaxinar, do que a ninguén lle cabe na cabeza, do que un non agarda que ocorra. Pois, como ben explicou Arendt, o totalitarismo achega un fenómeno novo a historia da humanidade: a convicción de que a vontade é omnipotente e é quen mesmo de crear a realidade. Non podemos dar nada por suposto. Nin sequera podemos pronunciar iso de “pensadora xudía” sen quedar desacougados. Quizais puidéramos dicir Alemá ou Norteamericana, mesmo apatrida (por moito tempo así foi a súa condición). Seguramente ter vivido a súa infancia nun enclave prusiano como foi Königsberg, actual Kaliningrado, xa a obrigase a non presupoñer a súa identidade. Basta mirar nun mapa actual ese recanto da mesma cor que Rusia, espetado no medio dos países bálticos, para apreciar que algo raro tivo que acontecer aí. Mesmo polo feito de que logo da caída da URSS, este fose o único grande topónimo soviético que se respectou.

Mais como ela adoitaba a definirse segundo como fose atacada, quizais o que máis a encaixaría polo xeito no que con máis saña foi perseguida é o de xudía. Aínda que tamén é certo que houbo xudeus que a calificaron de antisemita e a combateron. En canto ao de pensadora, negándose ela a asumir o título de filósofa, si consideramos que pensar, pensa todo o mundo, entón como distinguila con ese termo?. Mais si reparamos nas últimas obras atoparemos como o seu “amor mundi” estará cada vez máis fundido co seu “amor á sabedoría”, que é o que significa filosofía.

Por outra banda, Arendt aclarounos que non é certo que todo o mundo pense, ou cando menos non pensa continuamente. Mais non por incapacidade senón que voluntariamente acorda suspender esta actividade. Unha das cousas que máis lle preocupou a ela é porque un ser humano decide nun momento dado deixar de pensar. E iso é un dos asuntos a que lle deu voltas a respecto de Eichmann sobre o que volveremos logo. Agora, simplemente recoñecer que ela non era das que acougaba no pensar, non permitía que pensaran por ela, non deixaba de admirar a quen pensaba e non era doado atrapar o seu pensamento.

En definitiva, deixemos entón polo de agora o de “pensadora xudía” e centrémonos no que pensaba, e sobre todo, como os seus pensamentos acabou enfrontándoa cos propios xudeus. Está claro que desde onde un pensa é importante. Pero se un non é quen de ir alén da súa situación tampouco é que sirva de moito aos demais, e nin sequera a si mesmo, e sobre todo, até que punto ese pensamento merece veracidade se só é válido para quen ocupa esa posición.

Un momento e un lugar. O lugar, poñamos que Alemaña. O momento. O peor que podía escoller unha xudía. Pero quen escolle iso?. Quen escolle ser muller?. Pode un darse de baixa do que un non escolle?. Imaxinádevos na cola da cámara de gas que se dera esa opción.

Claro que se non fose muller Margarethe von Trotta acaso non tería reparado nela como fixera con anterioridade con Rosa Luxembugo e outros retratos femininos. Pode que só unha directora é quen de executar unha achega tan profunda a Hildegard von Bingen como o seu filme “Visión”. Mais estas obras poñen o foco sobre cousas que ollos masculinos non tiñan visto, porén están aí para ver. Non son “cousas de mulleres”. Son cuestións fundamentais para a humanidade e nas que esta non tivera reparado con anterioridade como se debera, e o feito de que tome conciencia delas ao mesmo tempo que a exclusión das mulleres se logrou minguar tampouco é casual. Mais son problemas vitais para toda a especie. Ou hai algo máis relevante na historia da humanidade que os campos de exterminio?. Comparémolo coa historia da música, coa Odisea, coa catedral de Santiago, co que se queira... Que poema non quedaría en ridículo na súa trivialidade á beira do que supuxo e supón o totalitarismo.

Nese sentido este é o que se chama un filme de tese. Ou talvez, mais exactamente, unha película de síntese. Se nos deixáramos levar pola tentación de vulgarizar a dialéctica hegeliana aplicada ao caso pois poderíamos dicir que esta obra concilia os dous filmes anteriores, do mesmo xeito que Hanna supón unha conciliación entre as devanditas filósofas alemás, Hildegard e Rosa, nas que a súa condición feminina é o de menos, e ao mesmo tempo, é o demais para achegarse a súa condición do xenérico ser humano. Porque é precisamente aqueles que son excluídos da humanidade pola súa especificidade os que teñen mellor ocasión a definirse como tales. Ou o que é o mesmo, non hai nada máis humano que un excluído da humanidade. Por iso ela referíase aos asasinatos de xudeus como “crimes contra a humanidade”, e quizais algún día haberá que repensar se o asasinato de mulleres non debera ser definido de igual xeito.

Mais ela renegaba da súa condición de muller e de xudía?. Simplemente quería deixar de ser un obxecto. Ela falaba das mulleres de excepción ou dos xudeus de excepción, como se foran as mostras que leva un viaxante na mala para amosarlle aos comerciantes que quixesen traficar con ese xénero. Ela odiaba que a chamaran a actos ou institucións co fin de que houbera unha muller neles, polo dito, mais tamén porque tampouco vía claro como os sacrificios individuais ían substituír a acción colectiva aínda se ben sempre louvou aos xudeus franceses que se negaron a ser “xudeos de excepción” ao ofrecérselle salvarse por ter combatido na grande guerra e esixir que foran tratados coma todos. Entendía que aqueles que tiñan mellor posición eran os que máis tiñan que dar, por iso criticou aos pais negros que mandaron aos seus fillos a escola de Little Rock para que os nenos e nenas deran a batalla da integración que os adultos non foran quen de dar.

O filme céntrase fundamentalmente no que supuxo a controversia sobre a súa obra “Eichmann en Xerusalén”. Sobre todo insístese en como os sionistas acolleron o informe no que dá conta da colaboración dos dirixentes xudeus no holocausto e a conexión entre aqueles cos que logo ocuparían cargos de relevancia no nacente Estado de Israel. Non é lugar esa película para afondar na súa biografía, mais si na súa personalidade. Unha personalidade que nas escenas con Heidegger deixa en evidencia a complexidade desta muller. O seu amor por quen fora o führer da filosofía do século XX, de acreditada adhesión ao nazismo, dificilmente se entendería senón fose por que aquilo que ten dito de “na miña relación coas persoas négome a ser coaccionada mesmo pola verdade” . Mais tampouco permitiu que a amizade lle fixera incumprir outra das súas máximas: “nunca te mintas a ti mesmo”.

Para ela pensar era falar consigo mesma. E parar de pensar é interromper esa conversa. Cando analiza a Eichmann como aquel que parou de pensar, isto é, de falar con si mesmo, tamén presenta como este lle leva a deixar de estar unido consigo mesmo, co que fai, como se escinde, como se dilúe entón a vontade, a iniciativa, a creatividade, e finalmente a responsabilidade até o punto de que o outro que un é fai cousas que non nos conta mentres nós desistimos de dicirlle o que debería facer ou de pedirlle explicacións.

Mais, que é o mal radical?. Até que punto Eichmann era un sádico, ou mais ben era o “ninguén” que precisaba unha estrutura na que a súa lóxica consideraba máis axeitado para o seu funcionamento unha persoa sen iniciativa e sen malicia, para levar a cabo o seu monstruoso propósito. Non sería que o mal foi organizado e persoas que non eran malas en si se prestaron a realizalo por deixarse levar pola engrenaxe. Se Eichmann era un monstro como se sostiña por parte da fiscalía, entón a engrenaxe non precisaba ser analizada. Así os xudeus podían seguir utilizando o mesmo engrenaxe que empregaran con eles para exterminar aos palestinos. Agora ben, se alguén ousaba, como fixo Hanna, asentar os paralelismos, entón a cousa convertese nun escándalo.

Claro que depende dos paralelismos. Foi curioso como foi ben recibido o que facía entre o nazismo e o stalinismo. De súpeto, un imperialismo americano necesitado de trasladar a socialización no antifascismo cara a potencia que lle axudara a gañar a guerra, xa tiña no concepto de totalitarismo o xeito de permutalo polo anticomunismo. Desviábase o debate sobre o sistema económico (socialismo-capitalismo) cara un moito máis doado e gañado de antemán de presentar a liberdade individual en oposición ao sometemento ao grupo, aínda que para defender dita liberdade se volva botar man do fascismo que a esmaga coa escusa de facerlle fronte a URSS e promover réximes totalitarios por todo o planeta, servindo de contraforte dalgúns erixidos coa axuda de Hitler como o de Franco. Mais, outra volta, compre deixar o pensamento en suspenso para non decatarse desa contradición. Cousa que non fixo Hanna Arendt, quen denunciou tamén ao anticomunismo como unha forma de totalitarismo.

O curioso do totalitarismo é que se caracteriza precisamente por esquecer do todo. Por desconectar as partes do conxunto, e finalmente por acabar acreditando que a súa parta é o todo. Só fica suxeito a dita parte e todo o demais sobra. As outras partes, sexan clases, etnias ou nacións, son superfluas. E como tales, poden eliminarse da ecuación. O totalitarismo é a morte da política, porque para que exista política ten que haber pluralismo. E o totalitarismo non é cousa do pasado, senón que o xeito de manifestarse faise adaptando aos novos tempos e sabe adaptarse para trunfar continuamente en cada espazo no que se retira dito respecto ao pluralismo. O totalitarismo está no cerne desta época, e só fracasara na medida en que sexa derrotado pola acción colectiva que o combata. Non vai morrer de morte natural, non se vai extinguir como os dinosauros, hai que batallar contra el no día a día. En definitiva, se o totalitarismo non está morto, só se disfraza con múltiples facianas. Volvamos entón a Hanna Arendt para que nos axude a quitarlle a careta.