Guadi, as matriarcas e a beleza
En canto escoitei cantar as matriarcas, entre a emoción e a bágoa, o formigo alporizado da pel e ese sentimento mestura de amor e carraxe pola historia das mulleres, véuseme ao recordo a miña nai e os milagres que facía durante a nosa infancia dos anos corenta para que puidésemos comer algo de pan ao menos. Porque a sublime creación da Guadi é capaz de transmitir nun sinxelo e brillante poema todo o sufrimento e todo o amor que unha matriarca pode ser capaz de gravar na súa biografía.
E tantas escenas de fame e miseria combatidas por ela, miña nai, e polo pai tamén, dun xeito, mesmo, agresivo. E detrás dela, aquelas outras mulleres do barrio dos Chaos de Monforte, valerosas e activas, aleitadoras, si, sempre, cargadas de fillos e de angustias, e dispostas sempre á batalla, porque iso era, á fin, a única posibilidade de subsistencia. E as miñas irmás, que apandaron coa parte fusca da vida.
Mais hoxe, lembrado o anterior, queremos gozar da música e da palabra como compensadoras emocionais destas nosas historias. Loar o traballo dunha muller do século XXI que tendo todo máis doado, segue tamén na procura do mesmo obxectivo que sempre é o dos dereitos que non se lles recoñecen aos seres que unha cultura machista submete sempre ao seu poderío.
A Guadi, esa nosa heroína que coa súa voz morna e suave tan persoal é capaz de traernos eses momentos de paz que tanto precisamos, ese xardín colorido de plantas e flores que vén sendo a emoción nas súas numerosas e ricas caras. No século da máquina é un alivio para o noso castigado espírito simplemente sentir con consciencia, con sosego, na amplitude dese xardín sen fin, perfumado e cantor, a beleza. Sentir a beleza dunha creación completa e redonda, desas que non saen precisamente todos os días.
Nós aleitadoras, nós conquistadoras/ brillantes activistas da vida cotián./ E nós que resistimos a séculos de forza:/ e nós as matriarcas do país dun tal Breogán. Compendiar a historia de séculos en catro versos xa é acertar. Porque o bo está en que se deixa a imaxinación reconstruír eses tempos de forma continuada, pausada, reconcentrada. E cada un ou cada unha de nós pode entrar nos diferentes e persoais capítulos da súa vida con amor, tristeza ou amargura, pero sempre cun sorriso, sempre coa percepción de formar parte desa batalla necesaria para conquistar a propia paz, tamén colectiva.
Se a palabra vén adobiada coa música, conseguida tamén, entramos xa nesa especie de paraíso ideal tan desexado, neses 4,49 minutos que lle podemos arrincar á carraxe, nostalxia ou desesperanza. Un grande paso para gozar, para unírmonos colectivamente niso que lle podemos poñer felicidade. Palabra, música... e a imaxe. Vaia, a imaxe tan ben distribuída e plural na presentación do vídeo clip. A Guadi reparte o que creou, entre as mulleres, todas as mulleres galegas da nosa contorna, polo tanto do universo enteiro. Vellas, novas e mesmo nenas. Unha das nenas é a Guadi pequeniña. O seu vivo retrato. O canto individual pasa a ser colectivo, entregado ao grupo, con tanta forza e cariño que a batalla histórica remata nunha danza, xestos naturais e por iso, vivos, con sorriso, con tanta esperanza. Quen non se emociona, quen non sente o seu corpo lostregado, as ganas de vivir e seguir na loita, porque estamos e nos sentimos xuntas, xuntos?
Guadi Galego, a do fermoso e orixinal nome. A humilde. Elegante na escena, confundida nos negros da atmosfera e do seu vestido para que resalte a expresión natural e sentida, o xesto das mans, dos ollos. A da voz de veludo. Rapsoda, recitadora que nos entra en forma de jazz, valse ou muiñeira acompañada dun bosque de instrumentos fermosamente acariñados por músicos cumpridos. A tradición ben asumida para recriala no tempo actual. A voz serena, tan propia de noso que acada e mergulla as fronteiras da arte asumida.
Pasará o tempo e seguirás alegrándonos as horas coa serenidade e o sorriso na voz ondeante do coral. Porque sabes ben que este é o espazo para a reconstrución do persoal ferido. A bágoa, o son, o sorriso... a beleza. Aquí soa o himno emocionado das galegas. Guadi Galego.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.