Gres, unha aldea galega e Neira Vilas o seu historiador

Gres, unha aldea galega e Neira Vilas o seu historiador

Xa imos botando de menos as chamadas mañanceiras de Pepe Neira. Facíaas despois do ritual do almorzo, entre libros, e de ler os periódicos. Comentábanos mortes, premios, os seus andares do día anterior, o derradeiro artigo agasallando novas publicacións, efemérides, homenaxes, os logros e o que se perde. E sempre a conversa desembocaba na inxuria e rudo encono cometido coas “industrias da memoria”, coa teoría e a obra de Luis Seoane e Díaz Pardo no “Castro”, en “Sargadelos”, sen entenderse a misión normalizadora, de ética e estética, o florecer da semente do Seminario de Estudos Galegos a través da teoría e da praxe do “Laboratorio de Formas”, un lugar para a reflexión do idioma das formas de Galiza, a creatividade, o deseño, a moda, comezando polos cacharros de uso... a construír Galiza.

Xosé Neira Vilas foise, traspasou xa as cancelas do Trasmundo, seica o fixo como bo galego que era, curtido nas encrucillada, nos camiños, afeito a zarpar de portos e a arribar a outros, co seu fardel preparado, cos deberes feitos e as maletas tamén.

Días embarazosos nun globo terráqueo subido de febre espectáculo; retransmitidas en directo ou diferido as vellas liortas e teimas de can e gato, entre civilizacións e imperios. Días de outonais noites de luar,entre as brétemas do amencer, esas que se estenden polas veigas do Ulla e toman camiño das gorxas míticas de San Xoan da Cova e Gundián, baixo o Pico Sacro. Entre esas foise Pepe Neira na noite do xoves 26 deste mes no que lembramos á interminable parroquia dos defuntos e aos santos da corte celestial. Xornadas de fumegantes cacharelas limpadoras dos eidos, de lumeiradas de magostos, das feiras, da castañeira, dos grelos, da matanza... Tempo de sementeiras que o inverno e a primavera farán florecer. Días converxentes en tantas tradicións e traballos entre os que tamén se labra, cose e forxa o idioma galego.

Alá se nos foi o historiador da aldea, do pobo do común galego, da xente no rodicio, da gran romaría da vida, comezando pola súa Itaca de ida e volta, Gres. Veiga fartas dese Ulla que aquí se esmigalla en insuas e se deixa cruzar pola histórica ponte medieval de Ledesma, a que soubo de batallóns guerrilleiros galegos fronte ás tropas imperiais napoleónicas.Contrastes en todas as gamas de verdes, baixo a ollada do altar dos altares, o Pico Sacro, montes agora roídos polas canteiras de cuarcita, do “ouro branco” de Serrabal...

Non é pouca cousa canto se conte destes recunchos de nenos, mozos, vellos e vellas labregos, moitos dos que, como Pepe, noutrora non quixeron saber de guerras e miserias e colleron camiño da encrucillada e dos portos, para pasar a construír novos mundos, as Américas. É entre semellantes ires e vires, no traballo, compartindo sentimentos, angueiras, ledicias, inquedanzas... onde nace, faise e desfaise o idioma galego. Idioma fondamente labrego e mariñeiros, conservado no rural, tamén entre as agrupacións e guetos galegos de cidades do estranxeiro. Sabíao ben Pepe Neira, formado na universidade de novas odiseas galegas. E velaí que viviuna e contouna. Daqueles saberes e falas de aldea fixo algo universal: “Da arte dos canteiros construíuse o Pórtico da Gloria”, repetía Castelao e témolo dito moitas veces, cando en público coincidiamos e tratábamos con Pepe Neira.

Compre agora volver a aquela historia inmediata, cando xa non quedan nenos labregos como Balbino, educados nas cortes, que visten de pana, que se cobren cunha boina e calzan zocos, que aturuxan e diante do carro comandan aos bois cunha guillada, os que cando podían xogaban á billarda. Agora son nenos ripipis, inconformes con todo, que os visten de escaparate de boutique, cando menos de Kyddy´s Class, cheos de tics, a comandar consolas, o móvil, o wasap, os videoxogos...

Sen Pepe Neira mudará a vida na casa de Gres, naquela casiña que foi humilde e labrega rehabilitada por Cesar Portela. “Se quedarán mis cosas sin mi descorcentadas” como cantaba na “Elegía para mi muerte” o poeta estremeño José María Valverde. Os que quedan e preparou Pepe, leais ás tradicións, saberán agarimar ao “genius loci”, ao espírito humilde deste lar, ás pantasmas panteístas, franciscanas dos bos e xenerosos Pepe Neira e Anisia. Casa-corazón da Fundación Neira Vilas, gardadora de tanta historia, desa correspondencia que se preocupaba en editar e compartir, para dar a coñecer e non adulterar as esperanzas de xeracións de galegos da guerra, da posguerra e da transición, entre tantos obxectos, arqueoloxías do pasado, dos labradores, gandeiros, arrieiros.... Historias da xa aldea global de Gres, Ledesma, na Vía da Prata, onde o Pico Sacro e as lendas de Lupa anuncian os pórticos solemnes de Compostela, a Catedral e o seu misterioso santo sartego. Poñerémoslle remedio a esta gran ausencia. Que Galiza é un país de sabios, de creadores,de xente de iniciativa é ben sabido e demostrado para quen se mova en tal labirinto de fundacións, consellos, academias, asociacións que sobreviven como poden baixo a negra sombra da cultura espectáculo e de megalomanías devoradoras. A verdadeira cultura é pra servir, sempre solidaria e non trae máis que cultura, como a incultura trae incultura. Tamén falaba con Pepe Neira de tantos neoesperpentos reinantes.

Pepe recorría a rosa dos ventos de Galiza , facíao nun taxi ou na compaña dun parente. Alí estaba, puntual, cando se lle chamaba para presidir e celebrar ás letras, aos creadores, aos editores, aos libreiros, ás tradicións.... Oficiando de patriarca, de summo sacerdote, representaba á Galiza de santos e xograres, a dos labregos, emigrantes, os que fixeron Bos Aires ou mesmo loitaron co Che e Fidel pola Liberdade de Cuba. E foi nesas onde atopou a Anisia, cubana, oriunda de Ourense, sabedora e escritora dos mitos da antiga Grecia, pra formaren un tándem perfecto e necesario na Galiza.

Nesas andanzas e pregóns por camiños de Galiza, alí onde o reclamaban, coincidimos moitas veces, sempre disposto a sumar, a facer país e deixar o pouso da dignidade dun patrucio, patriarca coa mensaxe de Galiza. Mostreille a il e a Anisia o cemiterio de San Amaro, pousaron rosas roxas nas campas de Murguía, Pondal, Curros, Seoane... e sempre me agradeceu aquel paseiño... foi en abril do 2001,fíxoo tamén como il sabía facer, entregándome un breve texto, inédito, un telegrama urxente titulado simplemente “Galicia”, e que teño enmarcado, ben á vista, pra non perder o norte e no que di cousas como que Galicia é “buxola que nos guía onde queira que nos atopemos, un corazón que latexa ao compás do noso sangue. Pra os que a descubrimos estando lonxe é coma se désemos cunha nai da que non sabíamos. Dende a diáspora tal descuberta esperta nos transterrados un amor constante crecente... sabemos que o amor é tamén deber, compromiso, loita. Loitamos defendéndoa contra todo ofensor, mesmo loitamos cos que a ignoran, e cos que se aproveitan e zugan dela. E cos que van no seu carro e arrecian na vez de avanzar...Para non perdernos...para seguir sendo nós, necesitamos a referencia nidia e tanxible de Galicia....Pequeno recanto no mundo ao que pertencemos e ao que sempre voltamos”. Terra de Nós, da que Pepe Neira foi historiador dos marxinados, dos que conservaron o idioma, as tradicións, as artesanías, a Cultura. Terra do Ulla, a que ben seguro te acollerá nese Gres celeste que mereces, eternamente liberado.,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.