Global, unilateral, opio do adormecido

Global, unilateral, opio do adormecido

Análise de urxencia sobre as actitudes sociais ante unha das crises máis graves que estamos a padecer. Da durmición planificada aos estertores da socialdemocracia.

Agora que a mala utilización das novas tecnoloxías vai eliminando o uso de métodos chamémoslle tradicionais, utilizados para observar, ler ou sentir como persoas sensíbeis diversos aspectos da arte, da cultura ou da formación; agora precisamente é cando nos decatamos da educación que baixo o respecto ao humanismo tiñamos hai aínda pouco, nós os das xeracións de onte. Tantas cousas pasan cada día nesa bebedeira informativa reiterada, unilateral e controlada que só queda dela, ao final, o barullo na cabeza. Difícil se fai xa a análise libre e discutida do acontecer, porque a falta de datos contrastados entorpéceo.

Só así podemos entender a resignación dunha sociedade simplemente queixosa do seu futuro. Queixosa pero pasiva. Axudounos a ver os distintos aspectos que neste momento inflúen para que así sexa, o goce dunha película que a Iciar Bollaín titulou También la lluvia, dupla historia situada no século XVI e nos tempos actuais, mais co mesmo tema ou filosofía de fondo: o abuso e o crime do conquistador, do imperialista, e as tramas que tece para que a ignorancia e o autoodio, a colonización ou o alleamento sigan sendo o caldo que manteña o seu poder absoluto. Para dominar hai que maltratar ao rebelde, darlle droga de durmición ao humilde, e roubar todo o que se poida o seu traballo e a súa terra.

Non nos sorprenden os abusos, claro está, pois vimos e vemos máis cada día; pero ponnos a pel afuracada o ver esas escenas do crime máis atroz (Colón o sagrado descubridor do Outro Mundo asasinando indios e roubándolles o ouro)nunha película como a da Iciar, pois consegue meter o dedo na chaga sobre os poderes económicos do imperio que neste momento multiplican o abuso nunha desesperación que semella a das rabexadas derradeiras do animal acurralado. Mais o peor destas rabexadas é saber que soen durar moitos anos se poñemos o baremo na nosa curta vida. A batalla dos bolivianos polo uso público da súa auga (controlada por una compañía ianqui, que cousa rara), valeu moitos mortos e feridos, pero tamén a vitoria final do pobo fronte ao invasor e aos esbirros nativos que o apoian.

Sempre dubidamos de que as sociedades chamadas democráticas nestes continentes que presumen de tais, tal como se formulan, fosen realmente iso, democráticas e libres. Difícil é caer na trampa a pouco que se mida a teoría destes afanosos gobernantes de oficio, banqueiros, grandes empresarios... é dicir, do capital transnacionalizado aclamado por eles e metido como sagrado e exclusivo na lexislación e na Constitución radicalmente protexida e irremisibelmente permanente. Votar nunca arranxará os problemas se quen o fai non sabe ou non pode elixir realmente, porque está sometido ao control asegurado por unha inversión económica disposta polos que na sombra, dirixen a economía.

As ideas teñen prezo, e gañan sempre as que máis aparato económico dominan. Gañan sempre as que son apoiadas polo verdadeiro poder de control da masa, que son os medios de comunicación, fundamentalmente a televisión, utilizada exclusivamente para o control e o adormecemento, como todos sabemos. Para apoiar a quen xa o ten todo. De aí esa obsesión por ir adelgazando o Estado, privatizándoo até a asfixia colectiva.

As regras do xogo democrático occidental son axóuxeres para o engano. Para mudar algo de xeito profundo e masivo, é dicir, que axude a liberdade e benestar reais do pobo de cada nación, hai que utilizar armas contundentes e non axóuxeres. Nunca o gañado se conquistou co favor do poderoso. Houbo que arrincarllo, porque era noso. E a xente, en xeral, hoxe, adormecida como nos peores momentos da historia, coida que as cousas caen do ceo, que poden vir da man dalgún estraño padriño que sexa benévolo e guapo. Simpático e bo prestidixitador.

A sociedade do consumo creou a cultura castradora que padecemos. Para moito tempo, supoño. E agora, nos momentos en que realmente podiamos mudar a ambición cada día maior do capital financeiro, dada a súa debilidade obxectiva; agora, pois, resulta que cando se nos pide simplemente manifestar na rúa o noso rexeitamento e propoñer e loitar con alternativas diferentes, metémonos na casa dicindo que se imos á folga vannos descontar o pouco que gañamos ou, de non traballar, que non é bo que nos vexan nesas lerias dos sindicatos.

Necesitabamos esa enorme campá de poderoso badalo que resoase como un canón nos nosos cerebros. Necesitabamos, simplemente estar abertos a unha muda real colectiva tan necesaria e urxente. E se as armas das democracias occidentais impiden iso, que facer? Pois nada, xa postos a abrir xanelas sinxelas que a ninguén amolan aparentemente, pacíficas e ordenadas, propoño unha acción tan simple e inocente como esta: que no canto de apampar longas horas ante a Tele5, que vexamos a película da Iciar Bollaín cos ollos moi abertos e dispostos a falar dela. E despois xa nos podemos meter, convencidos e convencidas, a tentar o camiño que nos leve á democracia nosa, do pobo, e non á dos causantes da miseria. E para iso só se necesita estar disposto a pasalo mal e perder algo para gañalo todo despois. Así reza a práctica da historia. Abur.