Fumando espero....


O tabaco: relixión, cultura...economía. Primeiro foi parte dunha liturxia relixiosa, cousa tanto de homes como de mulleres, despois fíxose vicio intempestivo, só para homes, e agora de homes e mulleres segregados por cuestión de saúde e imperativo legal. Cando hai moitas outras grandes chemineas e tubos de escape contaminantes cos que tomar drásticas medidas.

"Fumar es un placer genial, sensual ..." tango como música de fondo, entre a que se esfuman iconas: Bette Davis, seducindo con cigarro: da petaca ós beizos, entre unha S de fume; Carlos Gardel, sombreiro, pito e pano, entre as sombras e o bafo dunha taberna porteña; o peso específico de Heminway, Orson Welles, Churchill, "Che", agarrados ós seus puros cubanos en tardes de tensión; o ficticio Sherlock Holmes, de gorra, lupa e pipa para acender misterios. Cachimba de intrépidos arqueólogos, de aventureiros, de mariños como Manuel Antonio; cigarros de poetas, de teimudos profundadores como Castelao, don Paco del Riego, quen case cumpre o século de vida cun puro na man cada día... Paisanos de noutrora no ritual de liar nas follas do libriño, con especial toque de lingua, tabaco do "Cuarterón" ,"Caldo de Galiña", "Ideales", acender cun misto ou cun chisqueiro... para contribuír a fabricar nubes ou aros de fumada branca... Imaxes xa para un museo dese pracer que inspira e mata, fumar. Lembranzas, persoas, épocas e países inconcibibles sen o tabaco. Fumar drogou o noso tempo.

Historia do tabaco que se perde en máis de sete mil anos atrás, entre os precursores dos Incas andinos e a súa transmisión aos maias, até que Colón no 1492, afanado en buscar o ouro das "Indias", descobre a Illa de Cuba e dende alí abre unha nova dimensión cara o Vello Mundo para este vicioso rito. Rodrigo de Xerez e Luís de Torres, emisarios do Almirante, baixan das naus e adéntranse mais alá da Bahía de Gibara: no camiño atopan casas feitas de palma, presididas no interior por ídolos femininas, limpas, valeiras e con cans que non ladran... Prosigue no seu diario o Almirante: "Hallaron los dos cristianos por el camino mucha gente que atravesaba a sus pueblos, mugeres y hombres, con un tizón en la mano y yerbas para tomar sus sahumerios que acostumbraban... son gente muy sin mal de guerra, desnudos todos, hombres y mugeres, como sus madre los parió..." Tamén ao arribar ás Bahamas, deixa a referencia de que lle regalan uns pos roxizos, amasados e follas, observando "que deben ser cosa muy apreçiada entr´ellos porque ya me truxeron en san Salvador d´ellas en presente". Seguramente trataríase de tabaco e outras drogas. Cóntase que pasados os anos que aqueles dous arriscados expedicionarios andaluces serían condenados na súa terra pola Inquisición, o motivo a estraña e endiañada práctica aprendida nas "Indias", de botar fume pola boca e nariz.

Moito se ten teorizado sobre o nome orixinal do tabaco, posiblemente fora o de "Cohiba" na lingua taina, en alusión ó ritual de fumalo por canas, ou envolver as follas a modo de puros. Algo que demostrará a arqueoloxía do Novo Mundo pola aparición destes artefactos e representacións na arte rupestre. Namentres que o nome de tabaco ven atribuíndose a dúas cidades que se gaban da súa orixe, Tobago nas Antillas e a mexicana Tabasco; namentres que a teoría máis seguida sexa que provén do árabe "tabaqq" referido a plantas medicinais.

Inicio dunha historia, á que Colon, cego polo ouro, non lle deu a importancia que tería: en tempos de Filipe II, o cronista de Indias Hernandez de Boncalo, entre moitas outras, trae a primeira semente de tabaco para cultivalas no "Cigarrales" de Toledo, así chamados polas cigarras. Un principio para enriquecer as arcas do fisco, para pasar por moitas cidades, como a Coruña, onde Tabacalera s.a. lle dá vida, traballo e até arrecendo que se mestura co do mar. Añoranza das "Farias", inseparables do café con gotas e dese rito de triscar a punta, de acendelas dándolle voltas... Fábricas, traballadoras, escenarios da Revolución Industrial que pecha o século XIX e abre ó XX.

En "Marineda" levouse o tabaco en vea, e pese a ser tan conservadores, "Altadis", nin tan sequera deixou, nin se lle reclamou lembranza histórica para os seus museos, a non ser a que atopamos na obra da Pardo Bazán ou nas coleccións vitolfílicas dos leais afeccionados coruñeses.

Tabaco que abre a un universo na arte, na moda e no coleccionismo. Esas caixas de madeira de cedro ou de latón, co seu inesquecible arrecendo, cheas de precintos, decoradas con cromos de escenas de conquistas, premios, medallas de purpurina. Fundas de puro, petaca, estoxo coa marca dun tempo e dun rango: dende o romanticismo e os indianos ós anos hippies e da transvangarda, pasando polo modernismo do art-decó, o futurismo, o pop-art... Socioloxía, expresivas marcas de tabaco con rimbombantes competencias "nacionais": "Bisonte", "Celtas", os "Gauloises" franceses, "La Flor de Canarias", o exotismo comercial dos paquetes de rubio americano, "Chestefield", "Wiston", "Camel", "Philis Morris", "LM"... que tanto atraen aos raparigos; os puriños holandeses propagandistas dos pintores flamencos, obrigado e solicitado regalo dos emigrantes galegos... polícromos e sedutores forros, agora aldraxados por dramáticas esquelas necrolóxicas.

Pito, pipa, cachimba, canudo, puro... fume que se esfuma como a vida mesma, entre as esperas das noticias, calmando os nervios, afogando medos e abafo ou tamén lecer, escribindo ou lendo versos, unha novela ou simplemente no "dolce far niente", mirando ao horizonte, a velas vir, a fabricar nosos propios nubeiros polos que ascenden e se iluminan as ideas, arrecendo pegañoso e familiar á vez. Pegadas de nicotina nos dedos das mans, o sarro nos dentes e fonte de tantas escenas costumistas: a fumareta dos raparigos no retrete do Colexio, ás ...horas de estudo entre fume mesturado coa memorización de páxinas do Código Civil, dun tratado de Anatomía, das ilustración do "Summa Artis", de álxebras ou xeometrías, debuxo ou pintura, no contubernio, arredor dunha mesa-camilla e baixo a luz confidente dunha lámpada, poker, whisky... por non dicir no andámio, entre a promada e o ladrillo, a masa e a paleta... a cavilla consumida, pendurada dos beizos do paisano de pana e boina, na cabina da locomotora ou no autobús, no estadio de fútbol, senón entre os bisturís e as pinzas do quirófano, entre os dedos do chefe de cociña, na sala de audiencias, no tribunal de oposición, sobre o charol dun piano, no avión... insólito xa, pero que foi parte desa loita pola vida... en contra da vida.

Momentaneamente o fume do tabaco, que tanto foi ritual de casta e rango como popularizado e humilde, globalizado, encontra espazo ceibe, baixo un ceo invernal, arroupado da quentura das estufas, alíase coas esquinas das beirarrúas, co gato e as farolas... cousa dos viciosos, desterrados fillos de Eva. Con el nostalxias, o rito e o arrecendo da Historia do noso tempo.