Fuco Gómez: nacionalismo e humanismo. Ideario dun arredista (3)

Fuco Gómez: nacionalismo e humanismo. Ideario dun arredista (3)

A República Galega Independente incluiríase no outro grande proxecto de Fuco: a Confederación de Repúblicas Ibéricas. Nesta Confederación participarían os países de Iberia que estivesen constituídos en República libre e independente. Esta á súa vez formaría parte doutras confederacións de países libres europeos. O funcionamento da Confederación obedecería a un sistema asembleario que tendería a elaborar normas comúns de colaboración entre as distintas nacionalidades. Seguindo este carácter asembleario, a presidencia e goberno serían desempeñados alternativamente por todos os países representados, elixidos entre os delegados de todas as nacións da Confederación.

Algunhas premisas básicas da confederación serían: o establecemento dunha "moeda uniforme" para as nacionalidades, ata acadar unha moeda única en toda Europa ou en grande parte dela. Así mesmo, a Confederación lexislaría sobre aspectos administrativos, interibéricos, sobre comunicacións, agricultura, sanidade, industria, ensino, etc.

A paz entre os pobos que conformen a Confederación é un dos obxectivos básicos que se marcan no proxecto; para isto elaboraranse planos de arbitraxe que eliminen calquera disputa ou desavinza que poidan aparecer. A guerra figurará excluída como recurso. Para evitala "codificaranse as leis de paz" e adoptaranse as medidas necesarias para a abolición dos exércitos, "esa enorme masa de parasitos que son a ruína de todas as nacións".

Outros principios da Confederación consistirían na "aprobación e posta en práctica dunha lexislación obreira e campesiña que fomente o progreso fixando salarios, utilidades e horas de traballo". Tamén sancionará a equiparación "dos dereitos civís, políticos, económicos e sociais das mulleres aos dos homes" para que todos compartan as mesmas responsabilidades humanas.

A eliminación da "explotación das persoas polas persoas", e de todas as formas de "agresión económica por un ou varios países a outros"; o melloramento do proletariado de ambos sexos; a protección da infancia e das persoas incapacitadas para o traballo; a realización de todas as xestións e obras cara finalidades humanas e xusticeiras, son outros obxectivos que debería marcarse a Confederación.

Fins da Alianza Ibérica.

A Alianza Ibérica, unión dos pobos libres da península, loitará polo triunfo dos ideais nacionalistas dos pobos ibéricos e pola "completa vitoria da causa internacional". Os pensadores, intelectuais e políticos desta Alianza habían de poZer os seus esforzos en traballar contra "a grave crise mundial, perante a subversión de valores e conciencias". Conseguindo "a afirmación colectiva e de máis ampla fraternización e solidariedade entre os pobos ibéricos" sobre a base do seu dereito á liberdade; loitando pola formación moral e a educación cívica, social e intelectual dos novos; igualando a todas as nacionalidades e facendo desaparecer os prexuízos patrioteiros "sementados dende os Reis Católicos"; fomentando "unha revolución colectiva que arrinque os pobos ibéricos das gadoupas do capitalismo financeiro e do imperio centralista" conseguirase o anhelado fin de conservar a paz e fomentar a prosperidade "dos países ibéricos en particular e dos do mundo enteiro en xeral".

Unha revolución humanista.

Como vimos ao longo dos presupostos do programa político de Fuco, o seu pensamento está alentado pola necesidade de atopar solucións aos problemas, non só de Galiza, senón tamén a aqueles universais que axitan a humanidade; seguindo sempre tres ideais que son o fundamento do seu proxecto social: a liberdade, a xustiza e a igualdade.

A grave crise en que está sumido o mundo está protagonizada "pola completa desmoralización dos costumes públicos, a funesta disolución dos lazos sociais, a falsidade e a desvergonza que se estenden por todas partes; o espírito de egoísmo e de usurpación..." A sociedade vive presidida pola explotación, a discriminación, polos privilexios duns cantos fronte aos que non gozan deles e pola inxustiza. Perante isto a receita de Fuco é unha revolución que recupere os valores necesarios para acadar o benestar social.

Conseguir evitar as diferenzas económicas e sociais por medio do reparto de riquezas é un dos puntos centrais do ideario de Fuco: "é lóxico supoñer que o día en que todos sexan propietarios en idénticas condicións e categoría, a lei xulgará e amparará a todos por igual".

A proxectada eliminación das "clases", políticas e sociais, será o desencadeante da desaparición dunha serie de pragas que van unidas a elas: a opresión, o privilexio, os egoísmos e que "son incompatibles co principio democrático no que se resumen a liberdade, a igualdade e a fraternidade".

A igualdade entre sexos é un tema que tamén ten cabida no pensamento de Fuco. Co gallo da creación da asociación "Hijas de Galiza" en Cuba, felicita a este grupo de mulleres por dar un paso no goce das mesmas liberdades cós homes e que a muller "vén solicitando dende hai anos". Segundo Fuco, "ningunha razón hai para que se rompera o equilibrio natural, privando á muller dos mesmos dereitos có home e xulgándoa inferior a el". Como exemplo da loita de Fuco polos dereitos da muller e contra a explotación sirva o enfrontamento co empresario Fernández Doallo, con querela contra este incluída, acusándoo de fomentar a prostitución entre as mulleres galegas emigradas a Cuba.

A abundancia de exércitos e a carreira armamentística é outro problema que incide na grande crise existente en moitos países do mundo. Os presupostos destinados á guerra "converten a paz armada dos nosos días nunha carga abafante, cada vez máis pesada para os pobos". De aí que Fuco se declare antimilitarista e partidario da paz e da solución dialogada para os problemas entre nacións..

Fuco preséntase, pois, como un adiantado na análise de certos problemas e males que palpitan aínda hoxe en día na nosa sociedade, non só a nivel galego senón tamén que atinxen á humanidade.