Francisco


A numerosa asistencia á toma de posesión do Papa Francisco como bispo de Roma e a presenza de milleiros de xornalistas que multiplicaron a información nos xornais, contrasta coa análise sobre a Igrexa que recolle a prensa. Mais a nomeazon de Xurxo Mario Bergoglio como Papa obriga a indagacións máis fondas sobre a institución eclesial.

O cristianismo presentouse desde o seu inicio como “Ecclesia”, e dicir, como “pobo de Deus”que perpetúa a Xesús de Nazaré. Ao largo dos anos a Igrexa unha foise dividindo en igrexas múltiples. Desde o século III aparece a “gran Igrexa” como o prototipo do cristianismo; eran menos visíbeis varios cultos disidentes cristiáns. Logo esa gran Igrexa evoluciona e divídese. A Igrexa católica romana logra, nos séculos medievais, formas de presenza que dificultaron as relacións co Igrexa católica oriental do Imperio Bizantino. Produciuse a distanciación entre estas dúas durante séculos até a reconciliación no concilio Vaticano II, 1962-1965. Inda así as “Igrexas ortodoxas” marcan diferenzas coa de Roma.

No século XVI aparecen as igrexas da “Reforma”, luterana, calvinista, etc. En Europa poden observarse tres Igrexas cristiás: a Católica romana, as protestantes e as ortodoxas. Este cristianismo eclesial múltiple estendeuse por todo o planeta. Segue o protagonismo da “gran Igrexa”, da Igrexa Católica Romana, que recóllea metade dos fieis cristiáns do mundo.

De feito, e despois de reformas, concilios, etc. o bispo de Roma ocupa un posto que destaca entre todos os numerosos dirixentes relixiosos, non só cristiáns. Certos sociólogos advirten do positivo deste rol papal do bispo de Roma: consegue unha mínima unidade ideolóxica que impide excesos e conflitos, distribúe persoal entre países en situación adversa, apoia zonas de pobreza…. Negativamente: cae no centralismo, é unha institución con curia megalómana…

Esta Igrexa Católica Romana atravesou cambios substanciais, v.g.de formas altomedievais dispersas, a “reforma gregoriana”, s.XI , que a transformo en centralista cun pontificado de poder xeral sobre bispos e fieis e cunha “clase clerical” a distanciarse dos laicos. O concilio de Trento, 1545-1563, sumou responsabilidades ao papado e brindou un catecismo uniformizado e antiecuménico. Logo dese encerro “esa clase clerical” asustouse ante os inventos científicos.

O Vaticano II é o concilio eclesial máis significativa da historia do cristianismo. Pretende: superar os 1500 anos de alianzas cos gobernos civís e cos donos da riqueza, e ser unha Igrexa dos pobres; vivir nun ecumenismo cristián de encontro con todas as igrexas; abrirse a un diálogo da fe coa ciencia como o fixera no helenismo coa filosofía. E todo iso desde a liberdade, xa que a conciencia persoal é quen a decidir. O aggiornamento que proclamou Xoán XXIII é esa posta ao día sen as ataduras dos integrismos: unha Igrexa para os humanos actuais que coñecen os seus dereitos e ten a autonomía moral, política, cultural a crear por todos.

Pois ben, o Papa Francisco quere realizar ese programa conciliar. Asumir eses proxectos que sectores integristas obstaculizan. Todo parece que non se vai distinguir por encíclicas e por discursos teolóxicos, senón por unha praxe de apertura, de diálogo, de entrega aos sectores máis sufridos. Se isto é un feito, este Papa Francisco será un motor de cambio; será unha resposta real ao “martirio” escuro, pero diario, de millóns de seres humanos que pasan fame, ten frío e carecen de vivenda.

O cristianismo de Xesús de Nazaré é un intento de fraternidade universal, de defensa do desvalido e de freo á loucura do capitalismo e deste desenfreo da bandidaxe financeira.