Filgueira, entre a receptación e a subrepción
A reacción dos promotores do nomeamento de Filgueira Valverde para o día das letras galegas non podía ser máis paradoxal: “O problema é que os da Mesa e compañía non len”. E digo paradoxal porque este argumento procede do grupo de historiadores oficiais que durante anos obviaron escribir sobre este período e evitaron analizar a represión franquista.
Moito se ten falado xa do “pacto de silencio” e outras lerias que durante décadas serviron para xustificar o “carpetazo” que se lle daba a investigación sobre un asunto de tan “mal gosto” como este dos asasinatos, torturas, violacións. etc. Co elegante que é mirar para outro lado. Ademais, era o prezo que había que pagar a cambio de acadar que os represores se reprimiran e permitiran que se votase de cando en vez. Dinnos que debemos estarlle agradecidos a estes intelectuais por calar pois grazas a iso perdoáronnos a vida. Grazas pois.
Agora ben, a estas alturas podemos dicir que a transición foi unha solución “transitoria”?. Unha fase para lograr a chamada “reconciliación nacional”?. Penso que non. O tempo puxo ao descuberto que a impunidade veu para ficar. Mais a rección contra os compromisos co anterior réxime vai en aumento. A revisión da transición que impuxo o actual estado de cousas que nos constrinxe é xa un clamor popular como puidemos apreciar logo da abdicación. Por iso non é inocente que se contraataque con Filgueira. É a carta que lles queda por xogar aos que pretenden salvar o esencial dun franquismo que é presentado agora como tan “tolerante” coa nosa cultura que mesmo permitiu chegar até o máis alto a figuras relevantes das nosas letras. De feito, a situación de inferioridade que arrastra o galego non se explica -segundo iso- pola existencia dunha persecución brutal durante décadas senón por pexas inherentes a nosa lingua. De que nos queixamos se un homenaxeado coas letras mesmo chegou a Procurador en Cortes?.
Claro que o problema non é Filgueira, é o Franquismo. A Filgueira coma tal non lle fan ningún favor poñéndoo no punto de mira, utilizándoo de cabalo de Troia para colar o que realmente lle interesa aos seus “valedores” que non é obviamente nin a lingua, a historia ou a cultura deste país. En circunstancias normais Filgueira podería ser homenaxeado como o foron outros con menos obra e méritos (véxase o caso de Ramón Piñeiro). É posíbel que tampouco estivésemos de acordo por entender que hai outras persoas que teñen máis merecemento, mais unha vez que xa estaba tomada a decisión aproveitáramos para escribir críticas a súa obra e vida e mesmo habería quen gozaría en sacar os trapos sucios. Terían cabida entón debates sobre a súa excisión do PG, a súa relación con Bóveda, a instalación de ENCE, o seu papel na imposición da normativa, etc... Ao final mesmo poderíamos tirar réditos para o coñecemento da historia do país e da nosa cultura. En calquera caso, noutras circunstancias, non lle dedicaríamos o máis mínimo esforzo en combater o seu nomeamento. Mais escolleron este momento de crise de lexitimación do réxime que Filgueira representou e da transición na que estamos instalados de xeito perpetuo e incorrixíbel como filla do devandito réxime. Non abonda con apelar as novas xeracións que non subscribion os compromisos dos anos 70 para reclamar o seu incumprimento. O seu incumprimento debe derivarse da inmoralidade consubstancial daqueles compromisos. O problema, como ten dito o escritor Manolo Rivas, é o chan moral -e eu engadiría: o teito moral- que fixou dita transición. E se agora por primeira vez se amosa unha resposta popular enérxica para rachar con eses límites é claramente tendencioso e inoportuno que se nos impoña como figura exemplar a conmemorar unha personalidade destas características.
,O chan moral sería a receptación, mesmo dando por boa a mentira oficial segundo a cal quen se repartiu o botín da guerra nada tivo que ver cos crimes cometidos para conquistalo. Receptación dos postos que deixarían vacantes os chamados “desafectos”. Receptación das cabeceiras da prensa que ficaron logo do peche ou intervención en xornais progresistas, galeguistas ou simplemente democráticos. Receptación mesmo da Xefatura do Estado. Receptación en todos os ámbitos que colocou en posición de vantaxe aos herdeiros do Franquismo fronte aos excluídos (nos dereitos sociais, dereitos sexuais e reprodutivos, dereitos nacionais, dereitos lingüísticos e culturais das nacións sen Estado, etc...).
Partindo da lexitimidade desa posición privilexiada conformase o novo Estado Constitucional. Nel cada concesión en cada un destes ámbitos é presentada como unha xenerosa renuncia. Non estamos a falar de cuestións concretas que nunca foron resoltas como anular sentenzas, devolver incautacións ou indemnizar as vítimas do franquismo (accións tan lóxicas como impensábeis naqueles anos). Referímonos ao feito de impedir unha interpretación dos avances democráticos como compensación, como unha devolución do roubado en tanto estrutura da realidade e horizonte de significación. En definitiva, estamos a analizar de como substituíron a idea de REPARACIÓN pola de agasallo, dádiva e esmola que un bondadoso patriarca doa a uns derrotados que deberan ficar eternamente agradecidos.
Ese é o relato sobre o que se edifican as referencias éticas dos cidadáns deste Estado. E así se entende que sexan concibidos como egoístas calquera Catalán que reclame o dereito a decidir, un galego que pretenda que se coñeza o seu idioma no ensino ou a muller que pretenda mandar no seu corpo. Entrementres é presentado como altruísta a concesión dun Estatuto, que se permita conmemorar o día das letras ou que nalgún dos supostos un psiquiatra consinta en deixar abortar. E isto acontece nas diferentes ramas de dereitos adquiridos porque se sostén sobre a mesma raíz que é unha inversión moral sobre a que coherentemente van sedimentando todas as outras e que están no fundamento do Estado no que vivimos: Aquí os ladróns (e os seus herdeiros) venden caro o botín roubado a aqueles a quen este se lle furtou. E este é o punto de partida. Agora ben. Até onde se pode chegar?
A partires do 2000 a esquerda española -por oportunismo- lembrouse da memoria. Timidamente comeza o seu labor reducindo o asunto as fosas. Mais xunto cos osos desentérrase o debate. Así que chega no 2003 á primeira homenaxe que se lle fai ás vítimas do Franquismo no Congreso dos Deputados (coa ausencia clamorosa do PP que gobernaba nestes momentos), iso si, as forzas hexemónicas facían o acto no marco do 25 aniversario da Constitución, tentando presentar que os mortos morreran por esta Carta Magna e, xa que logo, agora quedarían satisfeitos co seu sacrificio. O caso é que abriuse a espita das homenaxes e a resposta popular a estes actos foi masiva, o que xunto coa repercusión mediática e os debates intelectuais fixeron que unha Universidade de costas á realidade quedara en evidencia e precisara facer xestos que disimularan a súa inutilidade social. Parecía que isto era unha bola de neve e pensouse que a lei da memoria serviría para liquidar o asunto ao fixar as marxes de manobra do movemento memorialístico.
O BNG acompañou todos estes avances da esquerda española con escepticismo mais celebrando calquera mínimo paso que estes deran en achegarse a unhas posicións que desde Castelao até hoxe se mantiñan nos mesmos termos dentro do nacionalismo. Apoiou e impulsou políticas da memoria sen ser inxenuo en canto ao alcance que estas poderían ter no actual marco. Con todo, compre recoñecer os progresos. Lentos, parciais, reversíbeis... mais progresos.
E que recorrido cabe agardar que teña este camiño?. Pois até agora estaba claro que cada chanzo, por moito que se presentara como o derradeiro (lei da memoria) non pechaba o debate. Agora temos enriba da mesa dúas cuestións que presenta a esquerda española coa intención de levar a auga o seu muíño: Garzón (quen merece todo o apoio nesta cuestión concreta por moi rexeitábel que sexa noutras) e o referendo pola República Española. Pensan: se houbera xuíces que no actual marco perseguiran os crimes do franquismo poderíamos salvar o marco. Un marco mellorábel cambiando a figura do xefe do Estado, facéndoo electivo. Posicións respectábeis e lexítimas até que tentan apropiarse da loita memorialística para poñela ao servizo destes obxectivos. Imaxínase alguén que na Arxentina reduciran o combate que levaron polos dereitos humanos á imputar os desaparecidos a demanda dunha república?
Os que nunca fomos monárquicos non podemos lamentar esta repentina conversión en masa da esquerda española. Mais non debemos esquecer que hai cousas das que non se fala e que son primordiais e que son unha bandeira que non podemos abandonar. Bandeira que ten máis que as tres cores da súa: os dereitos humanos.
Ao fin, logo de 40 anos dos 40 anos, conseguimos que se falase disto: Dereito a verdade, fin da impunidade, reparación e garantías de non repetición. Non podemos aceptar que outra vez queden estas cuestións baixo a alfombra da subrepción. Mais se non concordamos en que se furte ou desvíe o debate destes asuntos, moito menos asumiremos un retroceso nas conquistas acadadas a prol da memoria e da dignidade.
Ao fin. Nestes momentos estamos en situación de rachar dunha vez por todas coas ataduras que fican co réxime totalitario do que provén o actual Estado. E é neste contexto que se aproba a dedicación do ano a Filgueira. Diante disto, non imos cuestionar o intelixentes e doutos que son os promotores desta designación. Nós, probes ignorantes, o único que quixéramos dicirlle aos sabios da Academia é isto: Queren homenaxear a un franquista, pois axúdennos primeiro a liquidar ao franquismo.