Éxito


Nunha entrevista publicada hai algunhas semanas polo diario El País, a crítica Dolores Vilavedra defendía a idea de que, na actualidade, o capital simbólico dun escritor depende do beneficio económico e do número de lectores que obteñan os seus libros. Acompañaba estas declaracións cunha abstracta defensa do "dereito ao éxito", que redundaba na ecuación que iguala fortuna comercial con suceso literario.

Vilavedra vai máis aló e aduce, para defender a súa tese, que as novelas de máis éxito nos últimos anos foron obras "cunha profunda dimensión ética" e pon como exemplos O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas e Herba Moura de Teresa Moure. Persoalmente, creo que non sería difícil argumentar que os logros literarios de ambas novelas son máis ben modestos. Non obstante, molesta máis o feito de que esa escolla oculte a existencia doutros éxitos de vendas cuxa irrelevancia literaria é patente para calquera lector informado: Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras ou Ollos de auga de Domingo Villar poderían ser dous paradigmas da distancia entre valor cultural e valor comercial.

Considerar que o posto alcanzado no ranking de vendas por unha obra é un coeficiente válido para medir a súa calidade é, sen dúbida, un indicio do alto grao con que se interiorizan os mecanismos do mercado. Por iso non parece inútil lembrar -aínda que en ocasións se dea por sabido- que a lóxica do consumo é radicalmente incompatíbel coa lóxica da obra literaria. A primeira crea bens repetitivos, efémeros e susceptíbeis de ser doadamente intercambiábeis por outros de características semellantes. A segunda tende á creación de obras orixinais, duradeiras e insubstituíbeis na súa singularidade.

Seguramente a profesora Vilavedra sospeita -dado que, no escenario por ela descrito, a pertinencia dunha obra debe medirse baixo o único baremo do incerto e arbitrario favor dos lectores- que o seu papel como crítica literaria é perfectamente prescindíbel. Por iso especifica na mesma entrevista que o crítico "debe relacionarse co público dun xeito diferente". Cal sería ese novo xeito, non o deixa claro. Unha boa táctica de marketing? Calquera que observe con certa atención os cada vez máis exiguos espazos que a prensa lle concede á creación cultural, poderá constatar que -de forma gradual pero insistente- a análise crítica vai sendo substituída pola linguaxe publicitaria. O cal significa, non o esquezamos, que é o mercado quen se vai facendo coa xestión e o control do discurso público.

Os escritores, empurrados polos mecanismos de mercadotecnia das chamadas industrias culturais, afixéronse a transformarse en vendedores dos seus propios produtos, a prodigarse en toda clase de actos que, directa ou indirectamente, poidan proporcionarlles algún suplemento promocional para afianzar a súa posición no sistema literario e, de paso, impulsar as vendas dos seus libros. Non é un fenómeno novo -xa hai décadas que Adorno advertiu desta tendencia exhibicionista dos literatos a mostrarse a si mesmos como mercadorías- mais a súa incidencia medra exponencialmente canto máis se insiste na natureza puramente económica dos fenómenos culturais.

Os editores, pola súa banda, apremados polos imperativos da desregulación do mercado e polos escasos apoios que reciben das institucións que deberían velar pola continuidade da cultura, exhiben claros síntomas de esgotamento. O presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, facía non hai moito unhas declaracións nas que avisaba da necesidade de reformular o que el chamaba a "edición cultural". Debemos interpretar isto como un sinal de que a edición de literatura de calidade deberá cederlles as prioridades á produción de banalidades que conten coa adhesión -sempre caprichosa e circunstancial- das audiencias?

Sería ridículo negarlles ás editoriais o dereito a ser autónomas economicamente e a diversificar a súa produción para acadar ese obxectivo. Tampouco non tería sentido subestimar o fenómeno da publicidade e desatender as repercusións que poida provocar no mundo cultural. Pero que escritores, editores e críticos obvien as diferenzas existentes entre a esfera do empresarial e a do literario é, cando menos, preocupante.

Talvez o que está en cuestión é o papel que lle resta por xogar á literatura nunha cultura de masas. Ou talvez se trate dunha consecuencia desa ameaza que augura un cambio ineludíbel na industria editorial -un agoiro convenientemente alimentado por todos aqueles que posúen intereses nas grandes empresas ligadas á produción e distribución de información a través de medios dixitais. En todo caso, provoca alarma -e tamén un pouco de mágoa- observar de que xeito tan doado as estratexias do mercado colonizan as conciencias de moitos dos axentes culturais que operan no noso país.