Europa e a democracia
O convencemento de que a democracia europea constitúe un sistema político superior ao de calquera outra época e lugar do mundo é algo que goza de notable aceptación. Naturalmente na nosa época e en Europa; fóra de Europa hai moita xente incrédula. Pero a crenza de que é no noso ámbito (feliz casualidade!) onde os dereitos humanos se repeitan de maneira incomparable non é nada sorprendente: en todas as épocas e civilizacións predominou a fe acerca do propio sistema político. Sempre houbo a quen lles foi moi ben; precisamente aos creadores da opinión predominante. Dos réximes políticos, como das feiras, cada quen fala dependendo de como lle foi.
Por iso, posto que cada sociedade e cada época establece -por imposición e por consenso combinados- formas determinadas de organización política, non teño intención de abordar agora un debate sobre tan amplo tema. Propóñome simplemente introducir certas lixeiras observacións, que case están á vista de todo o mundo, pero que a rutina e autocomplacencia tenden a desprezar.
Convén antes de nada reparar en que a nosa versión da democracia (pois a Democracia en si mesma é unha utopía) naceu coa Revolución Francesa. Poderíamos ir algo máis atrás se queremos, pero tanto ten: o que ven ao caso é observar que a democracia occidental é moi anterior á fundación da Unión Europea. É un absurdo anacronismo pensar que a democracia e a Unión Europea son dúas cousas que veñen xuntas.
Practicamente durante todo o século XIX e en todos os países occidentais a democracia foi patrimonio exclusivo dunha minoría ínfima. Con razón Europa identifica as raíces do seu sistema na antiga Atenas. Da famosa democracia ateniense ficaba excluído algún que outro grupo: todas as mulleres, os inmigrantes, os campesinos e os traballadores. A democracia era un honesto pasatempo reservado aos ociosos cidadáns, comerciantes ricos e propietarios latifundistas, excusados de malgastar o seu tempo en traballar.
O modelo debéulle parecer atractivo aos burgueses e boa parte dos nobres do Occidente decimonónico. Así foi que estableceron (iso si, constitucionalmente) un sistema político liberal baseado en parlamentos bicamerais, nos que unha das cámaras nin sequera se baixaba a ser electa, e o dereito de voto para a outra ou para os concellos era censatario. Grazas a isto as mulleres ficaban dispensadas de votar (non o farán ata o século XX ben entrado), así como tamén os traballadores e a maior parte das clases medias. Para votar (dicíao a lei) había que ser moi rico... ou polo menos -en versión progresista- rico. Por non falar do exemplo que irradiaba da «máis perfecta democracia», ou sexa Estados Unidos, onde ata a segunda metade do séc. XIX uns cantos millóns de persoas (as de pel dabondo escura) eran escravos, coma quen dí simples obxectos.
Mais sería inxusto non recoñecer que as cousas cambiaron moito desde aquela. Como tamén o sería non se decatar de que os cambios non se deberon á xenerosidade dos beneficiarios do sistema, senón á presión popular, sobre todo á exercida polo movemento obreiro desde finais do séc. XIX, enfrontando a actitude inmobilista da burguesía, alérxica á libre asociación dos traballadores e moi propensa aos golpes de Estado. Grazas á presión popular (de obreiros e clases medias) ampliouse o dereito de voto coa aprobación do chamado sufraxio universal a finais do século XIX. Universalidade que de momento non incluía á metade da poboación; só a paulatina emerxencia das mulleres lles permitiu acceder á participación política.
Tal coma hoxe a entendemos, a democracia foise consolidando durante as primeiras décadas do século XX. Pero algúns non a deron entendido nunca. Non estou agora a pensar nos que a propia lóxica do liberalismo capitalista colocou entre os "perdedores": as masas de campesiños privados das súas terras, os condenados á miseria obrigados a emigrar, os traballadores de todo tipo que ao longo de decenios reclamaban sobrevir con dignidade e foron reiteradamente masacrados por semellante atrevemento (nos anos trinta e corenta ao longo de toda Europa), os que hoxe padecen os efectos inhumanos da crise. ¿Que significará para esas xentes a democracia?. Mais non falo agora deles, presentados como vítimas colaterais da dinámica abstracta do sistema.
Penso noutros millóns e millóns de persoas cuxa situación non parecía nada abstracta, senón produto directo e ostentoso da opresión descarnada exercida polas democracias, e da que de feito lograron liberarse. Nunca, por certo, empregando os mecanismos democráticos.
¿Podemos esquencer que ata os anos sesenta (constituído a o Mercado Común, ou sexa o que hoxe é a UE) a inmensa maioría da poboación das democracias europeas estaba privada ata dos máis elementais dereitos humanos?. Incrible pero así é. Toda África eran colonias europeas, e afirmábase que os africanos correpondentes eran británicos, belgas ou franceses; así lles ensinaban a historia aos nenos. Pero non só tiñan negado o dereito á participación política, senón que nin sequera se lles recoñecía a plenitude dos dereitos humanos básicos. Outro tanto acontecía na India, en Indochina, no Próximo Oriente. En Sudáfrica a situación prolongouse ata hai ben pouco tempo e en Israel segue vixente, con presunción de democracia. ¿Pero como non comprenderían a democracia esas persoas?. Para demostrarlles os beneficios da civilización as metrópoles non aforraban xenocidios. É obrigado inscribir isto no balance da democracia, pois eses millóns de colonizados eran exactamente igual de humanos que os colonizadores.
E non se crea que os extra-occidentais foron os únicos non convidados á festa democrática. Nada diso. Ata os anos setenta nin os negros en Estados Unidos nin os católicos en Irlanda do Norte gozaban da plenitude de dereitos civís, aínda sendo cidadadáns. Accederen a eles custoulles non pouco sangue. Ao tempo, en intachables democracias como Alemania ou Suecia a lei prohibía (e non sei que se cambiara) o acceso dos comunistas militantes a postos de traballo nas administracións públicas (Berufverbot = prohibición de profesión).
Deixemos de lado eses detalles; instalémonos comodamente na nosa Unión Europea e falemos de democracia formal, aínda que isto non sexa máis que unha abstracción. O certo é que esta democracia non está sincronizada coa Unión Europea. Non naceu co Mercado Común. Os países que se foron incorporando xa tiñan sistemas democráticos antes de facelo. A democracia non foi consecuencia da entrada na UE, senón condición previa para a admisión. E os que aínda hoxe permanecen fóra (Noruega ou Suíza), non por iso teñen sistemas menos democráticos.
Confiar en que a pertenza á UE garantiza o exercicio da democracia é unha ilusión negada pola evidencia. Non só non se garantiza nin moito menos progresa, senón que incluso retrocede. Os países adscritos á UE gozaban de maior cuota de democracia antes de asinarse o tratatado de Maastricht, e vemos como esta se reduce a medida que se impoñen os principios contidos na chamada "constitución europea". Golpes de Estado encubertos como os recentemente habidos en Grecia e en Italia serían impensables hai poucos anos.
Paso a paso, por obra da UE, as sociedades europeas se moldean conforme o modelo norteamericano, paradigma de dominio oligárquico, caricatura da democracia.