¿Estado aconfesional?
¿Estamos perante un Estado aconfesional, como se afirma na primeira parte do artigo 16 da Constitución, ou perante un Estado confesional, como se recoñece no inciso final do mesmo? ¿Trátase, pois, o español dun Estado aconfesional matizado ou dun Estado confesional solapado?
Segundo sexan as relacións existentes entre a relixión e o poder civil, adoita realizarse unha tripla clasificación que vai do caso en que se exclúe do substrato ideolóxico do Estado calquera referencia relixiosa -como sucede nos estados laicos-, pasando polo sistema aconfesional -no que se produce unha separación neutra do Estado de calquera confesión relixiosa-, até a variante confesional, na que o poder civil se identifica cunha relixión determinada. Como exemplo do primeiro caso, o Estado francés proclámase laico xa desde o ano 1905. Estados Unidos representa o paradigma da forma aconfesional: a súa primeira emenda constitucional prohibe que o goberno avale doutrinas relixiosas e lles preste axuda. O terceiro tipo, o confesional, é propio de Estados ideoloxicamente lastrados pola intransixencia relixiosa que se impón como norma dos comportamentos sociais.
A Constitución española, no seu artigo 16, recoñece en primeiro lugar que ningunha relixión terá carácter estatal, mais deseguido engade que os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as consecuentes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais confesións. Isto é, parte da proclamación da existencia da aconfesionalidade e, a continuación, recoñece que as Administracións públicas cooperarán coa Igrexa católica e demais relixións. ¿Estamos, xa que logo, perante un Estado aconfesional, como se afirma na primeira parte do devandito artigo, ou perante un Estado confesional, como se recoñece no inciso final do mesmo? ¿Trátase, pois, o español dun Estado aconfesional matizado ou dun Estado confesional solapado?
Ao longo da historia, o España proclamouse sempre confesional, agás o breve período da Segunda República en que se instaurou a opción laica. Durante o franquismo, o Estado retomou a proclamación da confesionalidade máis estrita chegando a recoñecer os Principios del Movimiento Nacional que la nación española considera como timbre de honor el acatamiento a la ley de Dios según la doctrina de la Santa Iglesia Católica, Apostólica y Romana, única verdadera y fe inseparable de la conciencia nacional que inspira la legislación. Coa morte de Franco, de forma inmediata e antes de aprobarse a Constitución, o Goberno de Suárez, aos poucos días da súa toma de posesión, asinou, no mesmo mes de xullo de 1976, o Acordo básico entre o Estado e o Vaticano que recoñece, entre outras cousas, a sá colaboración entre ambas institucións. Este acordo contén ademais a seguinte addenda: dado que a maioría do pobo español profesa a Relixión Católica, as partes xulgan necesario regular mediante Acordos específicos as materias de interese común que nas novas circunstancias requiren unha nova regulamentación. Esta estipulación condicionou fundamentalmente o debate constitucional verbo das relacións entre Estado e Igrexa e explica a redacción do artigo 16 antes mencionado. Por iso, nada máis entrar en vigor a Constitución, o daquela ministro de Asuntos Exteriores, Marcelino Oreja, o 3 de xaneiro de 1979, acode ao Vaticano e asina os catro Acordos coa Igrexa Católica, actualmente en vigor, que crean un novo marco xurídico que substitúe o do anterior Concordato de 1953, xa "cronoloxicamente constitucionais" e que teñen a consideración de Tratados internacionais, centrados no compromiso do Estado en contribuír con prestacións nos ámbitos da educación relixiosa nos centros de ensino, do sostemento do patrimonio cultural da Igrexa, da asistencia relixiosa nos ámbitos castrenses, carcerarios e hospitalarios e, fundamentalmente, no sostemento económico do clero católico. Por suposto, desta colaboración quedan excluídas todas as demais confesións relixiosas existentes no Estado. Con isto, constátase de facto a confesionalidade do Estado español desde o momento en que se compromete por unha norma de rango internacional a colaborar estreitamente coa Igrexa Católica aportando financiamento público a esta confesión relixiosa e incardinando esta colaboración dentro da propia estrutura estatal. Isto é, o profesorado que imparte relixión católica nos centros escolares, designado pola xerarquía eclesiástica, forma parte dos respectivos claustros de profesores e percibe os seus salarios directamente dos orzamentos públicos; parte do persoal católico encargado, segundo un dos Acordos asinados co Vaticano, da asistencia relixiosa no ámbito militar está integrado no organigrama da estrutura castrense ocupando rangos diferentes na súa xerarquía...
O que nun estado aconfesional se traduce no dereito-liberdade á elección moral e relixiosa dos cidadáns queda convertido no Acordo sobre ensinanza e asuntos culturais de 1979, no Estado español, nun deber de prestación a cargo dos orzamentos públicos que permite esixir ás Administracións a ensinanza da relixión católica en todos os centros escolares. Trátase, por tanto, dun sistema de integración no que a Igrexa Católica, ademais de percibir do Estado os custes económicos dos seus servizos, forma parte das súas estruturas administrativas e contractuais. Pola contra, no caso das confesións relixiosas con menor implantación, o Estado non realiza ningún tipo de prestación nin asume os custes económicos. Con respecto a estas minorías relixiosas, o Estado si é claramente aconfesional; verbo da relixión católica, é materialmente confesional. E formalmente, ¿que dicir? Sobran os argumentos, as imaxes falan por si soas. O Xefe de Estado acode en calidade de tal a celebracións litúrxicas católicas. Os cargos públicos toman posesión diante de símbolos relixiosos. A solemne inauguración anual do ano Xudicial vai precedida da celebración de misa. Seguen existindo aulas en centros educativos presididas por iconografía cristiá. Membros do Servizo de Asistencia Relixiosa Católica -tamén sostidos con fondos públicos- forman parte do Comité de Ética e do Equipo Interdisciplinar de Coidados Paliativos... ¡Ah, iso si! A unha alumna dun instituto madrileño vetóuselle a asistencia a clases porque cubría a súa cabeza cun velo en aplicación do principio da aconfesionalidade do Estado.