España unifícase e no XIX faise nación

España unifícase e no XIX faise nación

Deixamos dito que baixo Carlos I e Filipe II o que se fixo foi xuntar terras e máis terras independentes baixo unha mesma coroa. Podemos agora engadir que o que si conseguiron as casas de Borgoña e Trastámara, a base de matrimonios incestuosos, foi unha unión sanguínea brutal, chegando Carlos, fillo de Filipe II, a un coeficiente de consanguinidade de 0,211, sobre un máximo de 0,25 e, como dixo Parker, en Felipe II. La biografía definitiva, “casi al nivel que se encontraría en los hijos de una unión entre un padre y una hija o entre un hermano y una hermana”.

Escoitamos moitas veces falar das vitorias militares españolas por terras europeas. Diante da enorme mole herreriana do Escorial, explícasenos que se construíu trala importantísima batalla de San Quintín; pero o que non interesa comentar é que entre os xefes principais daquel triunfo sobre Francia non había nin un só castelán nin aragonés. Eran Manuel Filiberto de Saboia, o conde de Egmón, o duque de Brunswick, o barón de Münchhausen, etc., nomes todos eles que soan raro por estas terras peninsulares. A conquista de Breda, inmortalizada por Velázquez, foi efectuada por un exército de soldados de varios estados, comandados por Ambrosio de Espínola, un patricio xenovés. Xénova sempre foi aliada da Monarquía Hispánica, merecendo por iso que as veciñas repúblicas italianas a coñecesen como a “meretriz española”.

Tras uns lixeiros intentos no goberno de Filipe III, o Conde-Duque de Olivares pretendeu, baixo o reinado de Filipe IV, castelanizar toda a Monarquía Hispánica, uniformar legalmente todos os territorios, fundindo as xentes de cada un deles baixo o lema “multa regna, sed una lex” (“moitos reinos, pero unha soa lei”). Vai facer para isto a “Unión de Armas”, que consistía nunha reserva común con aportes de cada estado da monarquía. Cataluña opúxose a participar nesta “unión” nin con homes nin con cartos, e Portugal nin sequera participou cando Castela preparou expedicións, en 1634 e 1635, para recuperar territorio portugués en Brasil que caera en mans holandesas, en mans dos “mendigos do mar”, como se lles chamaba. Non esquezamos que cada reino conservou en exclusiva os seus territorios ultramarinos. A presión exercida por Olivares reventou nunha guerra aberta en todas as frontes. En Cataluña asasinaron ao vicerrei e declaráronse república baixo a protección de Francia, da que cada vez se fan máis dependentes, permanecendo fóra da autoridade de Filipe IV nada menos que 12 anos; e a cousa non foi máis alá, porque os estados do Reino de Aragón nunca se mostraron unidos na loita, xa que, de se xuntaren, como dixo Elliott, en La España Imperial 1469-1716, volveríase no século XVII á situación do XV: Castela, Aragón e Portugal cada unha polo seu lado.

Efectivamente, tamén Portugal se declarou independente, o 1 de decembro de 1640, data que seguen a festexar aínda hoxe na república irmá. Ata 1668 Castela non lle recoñeceu a independencia definitiva, o que fixo que os galegos nos viramos, ao longo de moitos anos, implicados nunha absurda guerra de fronteiras cunhas consecuencias nefastas, entre outras cousas, para a nosa pesca, salga e transporte.

Cataluña aínda faría outra tentativa de afastarse da coroa común, en 1690, na chamada “Revolta das Barretinas” e, se no primeiro grande intento (1640-1652) non logrou a definitiva independencia, téndoa conseguido Portugal, non foi por falla de determinación, pois, como dixo Payne, en Breve Historia de Portugal, “Los catalanes tenían aproximadamente tanto sentido de su identidad y ‘nacionalismo’ como los portugueses, y se diferenciaban más aún de Castilla en sus valores, estructura social y psicología”. Influíron outros moitos factores que non son agora ao caso e mesmo o desgaste da loita de Castela contra Cataluña favoreceu a emancipación de Portugal. Se Payne non é precisamente sospeitoso de ser un nacionalista periférico, o contraalmirante Martínez-Valverde, en Con guardias marinas en el Atlántico, publicado na Biblioteca de Pensamento Militar escribiu: “Reinando Felipe IV, Teixeira de Foz llegó hasta Quito [desde Brasil]. Tomó posesión de tierras en nombre del rey Felipe, pero, según sus propias palabras ‘para a coroa de Portugal’. Esa aclaración quizá no la conocieran los gobernadores españoles, no sabían esa distinción que nuestros vecinos se esforzaban en mantener: que eran ¡dos! coronas accidentalmente sobre el mismo monarca”. Máis adiante, cando o Elcano, barco no que navegaba inmediatamente antes de comezar a Guerra Civil, tocou porto en Angola, conta que un exprofesor da universidade de Coimbra, na recepción que se lles fixo aos mandos, falou da intensidade da conquista desa terra africana “en los tiempos en que el ‘Rei’ de Portugal era también Rey de España”. Nótese que país vai antes, en boca dun portugués, e a delicadeza do mariño español aplicando a ortografía correspondente.

,En 1700 morreu Carlos II O Enfeitizado e principia a Guerra de Sucesión entre Filipe de Anjou e Carlos de Austria. Os territorios da Coroa de Aragón están de parte de Carlos e foron caendo sucesivamente, ao tempo que Filipe, agora V, o introdutor da dinastía borbónica, lles vai aplicando os chamados Decretos de Nova Planta: en 1707, o de Valencia e Aragón, reformado este en 1711, en 1715, o de Mallorca e, en 1716, o de Cataluña. Agora si, agora Filipe V xa non é rei de Aragón e conde de Barcelona, senón rei de España. Agora, en 1714, un ano despois do Tratado de Utrecht, polo que, entre outros moitos territorios se perdeu Xibraltar, si temos unha España unida. Os territorios da coroa de Aragón pasaron a ser gobernados segundo as leis e costumes de Castela, elimináronse centenarias institucións como a Generalitat e o Consell de Cent, mudouse a elección de representantes por insaculación, como se facía desde Fernando o Católico, polo nomeamento de correxidores, como en Castela, instaurouse a Capitanía Xeneral, os asuntos de Aragón pasaron a ser despachados polo “Consejo de Castilla” e suprimíronse as 6 universidades existentes, creándose a de Cervera, onde un reitor pronunciou, diante de Fernando VII, aquela gloriosa frase: “Lejos de nosotros, majestad, la funesta manía de pensar”. Aínda que os Decretos non prohibiron expresamente o uso da lingua catalá, unha instrución secreta do “Consejo de Castilla” aos correxidores dicía que se esforzasen en introducir o castelán, pero con disimulo, “para que se consiga el efecto sin que se note el cuydado”. A historiadora da Arte, Jeannine Baticle, En Goya, escribiu: “Lleno de rencor hacia los aragoneses, Felipe V fue implacable, animado por los grandes de España que se pusieron de su parte, y el 3 de abril de 1711 firmo un decreto de Nueva Planta en virtud del cual Aragón quedó sometido definitivamente a las leyes de Castilla, suprimiendo todas las ventajas casi milenarias, grandes jueces, virreyes, franquicias, privilegios. ‘El pueblo aragonés –constata tristemente un historiógrafo de Zaragoza- había perdido la dignidad de hombre libre”.

Agora, desde Filipe V, España é un estado centralizado dividido en provincias. Agora xa falamos de España, pero aínda con escasa propiedade, pois Portugal, que xa reclamara para si tamén o nome de España na época de Fernando o Católico, insistiu no mesmo no citado Tratado de Utrecht, onde os diplomáticos portugueses protestaron porque o nome de España estaba a ser “indebidamente monopolizado por la monarquía de Madrid” (Cfr. Sebastián Quesada: Diccionario de Civilización y Cultura Españolas). Incluso Payne, un dos poucos historiadores que apoiou a Pío Moa (por cuestionar a ortodoxia e escribir moi ben, aínda que non concorde con algúns dos seus plantexamentos) chega a dicir, na obra arriba citada, que aqueles diplomáticos “insistían en que la monarquía de Madrid debía ser consignada simplemente como Castilla y no como España”. No libro do contraalmirante Martínez-Valverde, lemos que no monumento que hai en Luanda, en honor dos caídos nas guerras coloniais portuguesas, reza: “pioneiros da colonização de Angola”. “Huma gente fortissima de Espanha”, cunha segunda parte tomada claramente do canto primeiro de Os Lusiadas de Camões, onde lemos: “Ouvido tinha aos Fados que viria / Huma gente fortissima de Espanha”.

Os Borbóns proseguen a ruta centralizadora, mesmo creando as Reais Academias, e se a da Lingua está para limpar, fixar e dar esplendor ao castelán, a da Historia debe cumprir o papel de unificar unha historia española que ennobreza a España, que discorra canonicamente desde os tempos máis recuados, e que todos, non só os casteláns, teñamos obriga de aprender, ao tempo que nos converta en sectarios e herexes aos que fagamos o que eu me propuxen neste revisionismo por entregas.

Os portugueses abandonaron o interese en ser España, e Filipe V, desde hai agora xustamente 300 anos, pode chamarse con propiedade rei de España; pero aínda hai que agardar un século para que poidamos falar da nación española, xa que non hai nación española, no senso que hoxe damos a esa verba ata que os gaditanos principiaron a berrar “Viva la Pepa”, por se ter promulgado a Constitución de 1812 o día de San Xosé. Nela dise que a nación “es la reunión de todos los españoles de ambos hemisferios” e que a soberanía reside na nación. Como inciso direi que na maioría das constitución españolas a soberanía reside na nación; pero non na actual, onde “La soberanía nacional reside en el pueblo español, del que emanan los poderes del estado”, matiz importante que Mariano Rajoy non debeu de estudar, cando repite que la soberanía reside en la nación española. Coa Constitución de Cádiz, España é unha nación, cando menos “de iure”. Trátase dunha constitución para un estado unitario, é dicir, antepón o dereito dos españois aos históricos de cada reino. Esta constitución deseñou un modelo de estado liberal-burgués, rematando co Antigo Réxime e con todo o que aquel significaba. Foi unha verdadeira revolución liberal-burguesa, que sufriu unha paréntese coa volta de Fernando VII, retomándose desde a rexencia de María Cristina (1833). Así foi como a burguesía decidiu construír a nación española.

Ao ser nación todos os españois de ambos hemisferios, tan nación española é Galicia como Cuba ou Filipinas, e esta unificación foi feita en plan xacobino, centralizando con rixidez e uniformemente todos os territorios tan distintos que compoñen o extenso mosaico da nación española. Hai case 90 anos Julio Senador, en Los derechos del hombre y del hambre, escribiu: “El Estado moderno se organizó entre nosotros, llamando régimen liberal a una terapéutica estupefaciente de inyecciones jacobinas”. “La esencia del jacobinismo es la absorción centralista; Francia una e indivisible”. Pero moito antes, Fulgosio, na Crónica de Ourense (1866), falando de Roma, dixo: “Al cabo, la centralización romana que, como todas las centralizaciones solo inventadas para ruina de los pueblos, fué por espacio de siglos la verdadera cuestión de tormento para los hombres que habían sacrificado con la libertad la honra, en aras del Imperio”. María Aurelia Capmany, en Que diablos es Cataluña?, conta que cando o historiador Jordi Nadal, preguntou aos seus alumnos universitarios quen fixera a unidade de España, as respostas foron: Os Reis Católicos, Olivares, Filipe V, as Cortes de Cádiz... “Non, señores, dixo el, a unidade de España fíxoa o tren”. Non esquezamos que, e isto é da miña colleita, o feito de que na Porta do Sol de Madrid estea o quilómetro cero de todas a radiais non foi unha decisión inocente.

O xacobinismo fixo Francia e fixo España, estado unitario desde 1714 e nación desde 1812. Citei datas e feitos históricos irrefutables. O resto son, como diría Ortega, “pamplinas para los canarios”. Pero este mesmo autor tamén dixo, hai agora case cen anos, esta frase actualísima: “Las gentes mas ‘cultas’ de hoy padecen una ignorancia histórica increíble”.